A Xunta Electoral Central ordena iniciar un proceso sancionador aos populares pola reiteración de campañas publicitarias como a da "Illa de Estabilidade" ou "Teñamos Galicia en paz" pedindo o voto cando aínda estaba prohibido
A Xunta Electoral Central vén de acordar a apertura dun expediente sancionador ao PP por realizar propaganda electoral pedindo implicitamente o voto antes do inicio da campaña electoral. Faino en resposta a un recurso do PSdeG despois de que a Xunta Electoral Galega censurase a campaña "Illa de Estabilidade" que os populares divulgaron en redes sociais pero decidise non abrir expediente. Agora a Xunta Electoral Central lembra que a galega xa censurara outras dúas campañas similares dos populares, unha con carteis nas rúas co lema "Teñamos Galicia en paz" e outra tamén nas redes camuflada como suposta información para exercer o voto por correo.
"Este conxunto de circunstancias conforma un marco que determina a necesidade de incoar un expediente sancionador para depurar a posible responsabilidade en que se puidera incorrer por esta posible vulneración nova" do artigo da lei electoral que di que "desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña, queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral" en calquera medio ou soporte.
Este será o primeiro expediente sancionador que se abre a un partido por incumprimento da lei electoral desde que Rueda convocou as eleccións a finais de decembro. Pero xa foron varias as resolucións da Xunta Electoral Galega que censuraron incumprimentos da lei electoral por parte de varias formacións políticas sen considerar que fose necesario abrir un expediente. Ata o momento xa van 9 resolucións críticas con outros tantos feitos do PP por 3 do PSdeG e 1 do BNG.
O pasado venres, no remate da precampaña e comezo da campaña, Praza.gal fixo repaso aos incumprimentos da lei electoral por parte de cada partido político, cando a contabilidade supuña 7 infraccións dos populares por unha socialista e outra nacionalista. Desde aquela, ademais da decisión agora da Xunta Electoral Central de abrir expediente sancionador pola reiteración que supuxeron tres dos anteriores incumprimentos, a Xunta Electoral Galega fixo públicas estas novas resolucións críticas.
Rueda e as axudas para o carné de conducir
O 31 de xaneiro a Xunta Electoral Galega censurou un acto co que Rueda, como presidente da Xunta, publicitou axudas para que mozos e mozas saquen o carné de conducir. "É lexítimo, logo de comezado o proceso electoral, anunciar unha actuación como a indicada derivada do exercicio dunha competencia administrativa. Pero non o é o emprego de expresións laudatorias -do Sr. presidente da Xunta e, á súa vez, candidato- que poden inducir ao sector da poboación ao que van dirixidas esas subvencións a decantar o seu voto á entidade política pola que se presenta ás eleccións, xa que se estaría confundindo o seu rol institucional co partidista", di a resolución.
Máis publicacións prohibidas en redes
O 29 de xaneiro, noutra resolución feita pública máis tarde, a Xunta Electoral Galega tamén censurou outras publicacións do PP en redes sociais antes do inicio oficial da campaña electoral con expresións como "o único camiño posible, Alfonso Rueda". A resolución di que "se ben é certo que en ningún deles se pide expresamente o voto, isto non é motivo para non considerar como propaganda electoral calquera actividade que directa ou indirectamente pretenda a captación de sufraxios". E neste caso a xunta electoral considera que as publicacións en redes do PP "inclúen mensaxes que reflexan a intención de persuadir ao elector en orde a apoiar a devandita formación política" nos comicios máis alá da actividade ordinaria de calquera partido.
Declaracións electoralistas de Sánchez en Navantia
Nas últimas xornadas a Xunta Electoral Galega tamén criticou que Sánchez fixese declaracións electoralistas durante unha visita a Navantia como presidente
A Xunta Electoral Galega tamén censurou, nunha resolución do 2 de febreiro, a visita que fixo o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a Navantia o 24 de xaneiro. "Unha cousa é facer unha visita a un estaleiro pertencente a unha empresa pública estatal como é Navantia, e outra diferente é que na rolda de prensa posterior non se limitara a constatar un feito: a construción dun buque, senón que fixese as valoracións eloxiosas que poden cualificarse como unha manifestación dunha realización ou dun logro", di a resolución, polo que se considera "que esas declaracións efectuadas nun proceso electoral en curso, son mensaxes con connotación electoralista" que non pode facer un representante dunha administración.
Electoralismo do subdelegado do Goberno en Pontevedra
O 5 de febreiro a Xunta Electoral Galega criticou unha visita institucional o 25 de xaneiro do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, ao Concello de Caldas de Reis. A resolución di que a visita forma parte da actividade ordinaria da administración pero que "o que non resulta procedente no eido que nos ocupa, é que se aproveite unha visita deste tipo para efectuar manifestacións das realizacións e logros obtidos".
A Xunta Electoral Galega considerou que non procedía abrir expediente por ningunha destas catro novas infraccións, ao igual que establecera nas súas resolucións anteriores que agora corrixe en parte a Xunta Electoral Central ordenando o inicio do proceso sancionador contra o PP por reiteración na propaganda electoral prohibida antes da campaña.
Ademais destas resolucións, neste tempo a Xunta Electoral Galega tamén emitiu outra na que amoestou a CRTVG por reducir o tempo dedicado á campaña electoral e ordenou incrementalo.