Os populares pediron o voto ou gastaron en propaganda antes da campaña en cinco ocasións e en tres foi o propio Rueda o implicado en persoa en feitos censurados pola Xunta Electoral
Desde que o 26 de decembro foi publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das eleccións do 18 de febreiro entraron en vigor prohibicións reforzadas aos partidos políticos de comportamentos e gastos electoralistas que deben ser reservados ata o inicio da campaña electoral propiamente dita, na medianoite do xoves 1 ao venres 2. Ata ese momento os candidatos e candidatas non poden pedir o voto nin aberta nin implicitamente e as formacións non poden gastar en campañas ou actividades que vaian máis alá do funcionamento ordinario dun partido en calquera outro momento do ano. Ademais, as administracións deben absterse de publicitar logros e limitaranse a divulgar informacións de servizo público ou que teñan que ver co seu funcionamento normal.
Neste contexto a Xunta Electoral Galega, o órgano que debe "garantir a transparencia e obxectividade" e o "principio de igualdade" no proceso electoral, xa ditou só durante a precampaña nove resolucións que censuran outros tantos comportamentos indebidos dos partidos políticos: sete do PPdeG, un do PSOE e outro do BNG. Porén, de momento ningunha das resolucións, mesmo criticando directamente actuacións concretas, derivou aínda na apertura de ningún expediente sancionador.
Bolsas para a mocidade coa imaxe de Rueda
A primeira resolución da Xunta Electoral Galega contra o PP foi a emitida o 16 de xaneiro contra contra a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta por difundir en Instagram bolsas de axudas para mocidade galega que vive no exterior empregando unha imaxe do propio Alfonso Rueda. A Xunta Electoral considerou que os anuncios "deben ser entendidos como campaña informativa, e polo tanto non son contrarios á lexislación electoral", pero viu tamén "convinte, non obstante, aclarar que a foto do Presidente da Xunta que acompaña a información publicitada resulta innecesaria para a consecución do fin pretendido". Como a Xunta retirou voluntariamente as imaxes, a resolución arquivou a denuncia, formulada polo BNG, sen incoar tampouco ningún expediente sancionador.
Carteis pedindo unha "Galicia en paz" que buscaban "a captación de sufraxios"
O PP foi apercibido por carteis nas rúas contra outros partidos, por pedir o voto en redes sociais facéndoo pasar por información sobre o voto por correo ou por vulnerar Rueda como presidente o "deber de neutralidade" das administracións
Outra censura ao PP chegou tamén o mesmo 16 de xaneiro logo da denuncia presentada polo PSdeG por varios carteis dos populares en varias localidades que ao tempo que criticaban ao Goberno de España ou as desavinzas do resto de partidos políticos pedían "Teñamos Galicia en paz". A Xunta Electoral salientou que a lei prohibe "a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis" ou "soportes comerciais" ata o inicio da campaña electoral o 2 de febreiro. Por iso, considerou os carteis do PP como "insercións publicitarias encamiñadas á captación de sufraxios", actuación que "resultaría lexítima se se fixese dentro do perfil ou da páxina do partido, pero que ao tratarse dunha contratación comercial incorre na prohibición" legal. Porén, e malia instar a retirada dos carteis "de forma inmediata", a Xunta Electoral tampouco neste caso considerou necesario abrir un expediente sancionador.
Pedir o voto facéndoo pasar por información sobre o voto por correo
Tamén o 16 de xaneiro a Xunta Electoral, novamente tras unha denuncia do PSdeG, censurou a actuación do PPdeG por publicacións nas súas redes sociais acompañadas de vídeos que baixo a escusa de informar á cidadanía do procedemento do voto por correo apelaban ao voto aos populares. As publicacións incluían a imaxe gráfica institucional da Xunta e mensaxes sobre o voto por correo como que "hai moitas papeletas que están disfrazadas, teñen diferentes siglas, pero está detrás o mesmo barullo e Pedro Sánchez", contrapoñendo que "tamén tes a papeleta do Partido Popular de Galicia".
A Xunta Electoral considerou que o PP "pretende camuflar como un anuncio informativo e de promoción do dereito ao sufraxio" unha actuación contraria á lei electoral ao incluír frases cun "claro carácter electoralista" e de "chamada ao voto en favor dese partido". A resolución estima a denuncia pero novamente, "ponderadas as circunstancias concorrentes", non considera adecuado abrir un expediente sancionador.
Publicitar Abrir Ferrol ao Mar vulnerando "o deber de neutralidade"
O 22 de xaneiro sobre o que se pronunciaba novamente cunha censura a Xunta Electoral era sobre o acto celebrado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o 29 de decembro en Ferrol para anunciar a remodelación urbana Abrir Ferrol ao Mar. Neste caso a Xunta Electoral, tras unha denuncia do PSdeG, considerou que o acto, no que se asinou un convenio de colaboración, era legal como expresión da actividade ordinaria dunha administración "xa que a existencia dun proceso electoral en curso non interrompe o funcionamento normal das administracións". Pero censurou que a presenza do propio Rueda nel "non resulta imprescindible para a sinatura do convenio", como tampouco o foi a nova sobre o acto divulgada pola Xunta na súa web. Por iso, a Xunta Electoral considerou que houbo "unha vulneración do deber de neutralidade" das administracións e ordenou retirar da web da Xunta a nova denunciada.
Pedir á cidadanía "confianza para gobernar" desde o atril de presidente
A Xunta chegou a alegar en defensa propia que "non debemos 'rasgarnos' as vestiduras porque Rueda sexa á vez presidente e candidato
O 24 de xaneiro a Xunta Electoral censuraba outro feito electoralista do PP co propio Rueda como implicado. Novamente tras unha denuncia do PSdeG quedou en evidencia que na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 18 de xaneiro o presidente, desde o atril de San Caetano, gabara o traballo do seu Goberno, criticara a oposición e pedira á cidadanía "confianza para poder gobernar", declaracións coas que a Xunta Electoral considerou que "vulnerou o principio de neutralidade dos poderes públicos". A Xunta chegou a alegar que "non debemos rasgarnos as vestiduras" porque Rueda sexa á vez presidente e candidato, pero o órgano que vela pola limpeza do proceso electoral desbotou os seus argumentos, aínda que novamente evitou abrir ningún procedemento sancionador.
A "Illa de Estabilidade" para persuadir o electorado
Unha nova resolución contraria ao PPdeG chegou o 29 de xaneiro, cando a Xunta Electoral considerou que a campaña lanzada polos populares nas súas redes sociais apelando a unha "Illa de Estabilidade" como metáfora de Galicia e que sería "o destino ideal para o teu voto" supuxo vulnerar a prohibición de gastar en propaganda antes da campaña e a prohibición de pedir o voto tamén ata ese momento. "As imaxes poñen de manifesto que se trataba dunha publicidade efectuada cunha clara intencionalidade electoral: persuadir ás potenciais persoas electoras a que se decanten a favor da entidade política que difundiu esa mensaxe ", dixo a Xunta Electoral, que considerou que "esta publicidade levada a cabo antes do inicio legal da campaña electoral, ten unha connotación electoralista" e polo tanto estaba prohibida.
Petición de voto camuflada como información para emigrantes
Se o 16 de xaneiro a Xunta Electoral censuraba un vídeo no que o PP pedía o voto facéndoo pasar por información sobre o voto por correo, noutra resolución do 31 de xaneiro, tamén tras unha denuncia do PSdeG, as críticas dirixíronse contra outro vídeo no que se facía o mesmo pero desta volta facéndoo pasar como información sobre o proceso electoral para as persoas residentes no estranxeiro. O vídeo contou coa participación do propio Alfonso Rueda como "presidente" e incluíu mensaxes como "o 18 de febreiro contamos con vós, contamos con vós máis que nunca, como sempre, pero máis que nunca" ou "pola Galicia de todo o mundo, PP de Galicia".
Para a Xunta Electoral isto "non está desprovisto de connotacións electoralistas, pois aínda que nesa publicación non se pida explicitamente o voto ao seu favor, si existe unha clara orientación do mesmo, para que as persoas electoras se decanten a favor desta entidade política". Por iso a Xunta Electoral ordenou a retirada da publicación e, aínda que igualmente decidiu non abrir ningún proceso sancionador, desta volta si lembrou que o faría "en caso de reincidir nunha conduta similar".
O ministro non pode ser rei mago
A visita do ministro Óscar Puente a Vigo cos Reis Magos e unha pancarta do BNG contra Rueda e a favor de Pontón tamén foron censuradas pola Xunta Electoral
Fronte a estas resolucións contrarias ao PP, a principal resolución contra un partido da oposición foi a formulada pola Xunta Electoral, tras unha denuncia dos populares, contra a visita que fixo o ministro de Transportes, Óscar Puente, a Vigo a bordo dun tren de alta velocidade acompañado dos Reis Magos. A Xunta Electoral entendeu que tanto o ministro como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "incorreron nas prohibicións" establecidas na lei electoral xa que "se ben non se cuestiona" que Puente puidera viaxar nun tren de probas no marco da próxima posta en servizo da alta velocidade a Vigo, o acto posterior na propia estación tivo "carácter electoralista". A presenza nel "dun dos candidatos á Presidencia da Xunta", en referencia ao socialista José Ramón Gómez Besteiro, "non pode reputarse casual", dixo a Xunta Electoral, que tamén censurou que as declaracións de ministro e alcalde "evidencian eloxios aos logros obtidos en materia de infraestruturas e teñen indubidables connotacións electoralistas".
Por isto, a Xunta Electoral considerou que houbo "violación dos principios de neutralidade dos poderes públicos e de igualdade entre os actores electorais". Pero "unha vez ponderadas as circunstancias concorrentes", e malia estimar parcialmente a denuncia do PP, decidiu non incoar ningún expediente sancionador.
A pancarta do BNG contra Rueda e a favor de Pontón
Nesta listaxe de resolucións da Xunta Electoral Galega tamén o BNG recibiu unha contraria aos seus intereses. O 22 de xaneiro o órgano supervisor estimou parcialmente unha denuncia do PP e considerou que a formación nacionalista vulnerara a lei electoral cunha pancarta que dicía: "Rueda vai a Madrid recibir ordes do PP. Ana Pontón vai negociar melloras para Galiza". A Xunta Electoral considerou que "para a súa elaboración houbo unha contratación" e que tiña "unha clara intencionalidade electoral: persuadir ás potenciais persoas electoras a que se decanten a favor da entidade política que difundiu esas mensaxes en detrimento da outra e, xa que logo, captar o seu voto". Pero ante a comunicación por parte do BNG de que a propia formación retirara a pancarta antes de que resolvese a Xunta Electoral, esta decidiu que tampouco procedía incoar un procedemento sancionador.