A semana pasada xa abrira outro expediente ao PP por reiteración na divulgación de propaganda prohibida na precampaña e agora o ente de control afea a reiteración do presidente en facer declaracións electoralistas desde o Consello da Xunta
A Xunta Electoral de Galicia vén de abrir expediente sancionador a Alfonso Rueda polo uso electoralista que fixo ao publicitar o 1 de febreiro como presidente e desde o atril de San Caetano o complemento de 218 euros ás pensións non contributivas para este ano que a Xunta vén entregando desde 2008, co goberno de coalición de PSdeG-BNG. O ente de control afea a Rueda a súa reiteración en facer declaracións electoralistas desde o Consello da Xunta.
Este é o segundo expediente sancionador ao PP, tras o aberto a semana pasada pola Xunta Electoral Central por reiteración na divulgación de propaganda electoral prohibida na precampaña. Sen chegar a apertura de expediente, o PP xa acumula outas 9 resolucións críticas da Xunta Electoral Galega, mentres que o PSOE ten 3 desas advertencias e un expediente contra Pedro Sánchez por electoralismo na súa visita a Navantia. O BNG só ten de momento unha amoestación. Ademais, a Xunta Electoral tamén obrigou a rectificar o intento da CRTVG de reducir a información sobre a campaña electoral.
Na resolución coa que agora se abre expediente a Rueda a Xunta Electoral Galega lembra que xa fora amoestado por facer declaracións electoralistas desde o atril de presidente no Consello da Xunta do 18 de febreiro. Aquela resolución crítica levou a Rueda a negarse a responder nos seguintes consellos da Xunta a preguntas que non se referirsen a acordos adoptados nesas reunións. Pero seguiu facendo declaracións electoralistas cos acordos do Consello, como agora constata a Xunta Electoral, e mesmo respondendo a preguntas sobre cuestións alleas se iso lle permitiu criticar a Pedro Sánchez.
No caso do Consello no que anunciou o adianto do complemento autonómico ás pensións non contributivas, a Xunta Electoral considera que é lexítimo informar dese tipo de acordos. Pero considera "reprochables" as palabras de Rueda "ao ter efectuado, ademais, outras valoracións que teñen claras connotacións electoralistas na medida en que se refiren aos logros obtidos, mesmo establecendo comparacións con outras comunidades autónomas". "Estas manifestacións, e especialmente a circunstancia do seu mantemento na páxina web da Xunta de Galicia, vulneran a prohibición" da lei electoral de que os cargos públicos fagan propaganda de logros durante a campaña electoral.
Ata o momento abríronse expedientes a Rueda, o PP e Sánchez, mentres que houbo outras 9 amoestacións ao PP, por 3 ao PSdeG e 1 ao BNG
A Xunta Electoral Galega lembra tamén que "neste proceso electoral, no ámbito da Presidencia da Xunta de Galicia xa se teñen vulnerado diversos preceptos". Así que o órgano de control electoral decide abrir expediente ante "a comisión doutras infraccións da mesma natureza neste mesmo proceso electoral, así como a importante difusión e impacto das citadas manifestacións realizadas polo señor Rueda".