O líder do PPdeG defende as declaracións de Feijóo abríndose a recortar o dereito ao aborto ou á eutanasia: "Dixo o que está fixado no último congreso nacional do PP o pasado ano"
A pasada semana o PP divulgou en redes sociais un vídeo no que aparecía o ex-presidente Zapatero admitindo esconder xoias, o ex-ministro condenado José Luís Ábalos gabándose de consumir prostitución ou a muller do presidente Sánchez, Begoña Gómez, dicindo que a súa carreira profesional débese a esa relación. Non eran as persoas auténticas senón imaxes e son xerados con intelixencia artificial, os denominados 'deepfakes', nun novo paso dos populares na súa agresiva campaña en redes sociais contra a esquerda. Este luns o presidente Rueda defendeuna asegurando que "as redes sociais están para ser transgresoras".
Segundo o presidente da Xunta e do PPdeG, "as redes sociais cada vez vólvense máis atrevidas, transgresoras, evidentemente con límites". Rueda salientou, preguntado pola campaña ao remate do Consello da Xunta, que no vídeo elaborado polo PP "informábase de que era intelixencia artificial". E insistía na súa defensa dese tipo de montaxes: "As redes sociais están un pouco para ser transgresoras, e máis cando falamos de inventiva política; insisto, con límites e con respecto". Tamén asegurou que a esquerda fará o mesmo que os populares no que queda de campaña. Pero nada dixo o presidente sobre se é respectuoso imputar delitos aínda non xulgados a rivais políticos.
Rueda tamén foi preguntado polas declaracións de Alberto Núñez Feijóo abríndose a pasada semana a recortar o dereito ao aborto ou á eutanasia. O líder do PPdeG atribuíu esas declaracións do propio Feijóo ao interese da esquerda por "non falar de corrupción nin de vivenda". Teñen, considera Rueda, "moito interese en cambiar de tema".
Porén, para Rueda "a postura do presidente do PP, do meu partido, eu escoitei as súas declaracións, son as mesmas que están fixadas no último congreso nacional [do PP] o pasado ano". O popular galego asegura que Feijóo "dixo o que dixera o congreso [do PP] hai un ano", sen introducir novidades no seu discurso político. Tamén asegurou respecto deses dous dereitos que "en Galicia cumprimos estritamente as leis".