Case dúas décadas antes das montaxes con IA xenerativa que o equipo de Feijóo emprega como ferramenta electoral, un inexistente accidente de tráfico ou unha falsa agresión foran clave para desestabilizar o candidato do BNG nas eleccións galegas nas que o PP retornou á Xunta
O 25 de febreiro de 2009 o daquela vicepresidente da Xunta, portavoz nacional do BNG e cabeza de cartel da formación nacionalista ás eleccións galegas que se ían celebrar catro días despois, Anxo Quintana, facía 50 anos. Principiaba outro intenso día de campaña gravando unha entrevista preelectoral na Radio Galega para, despois, acudir a un acto sobre creación cultural con xente moza no Multiusos Fontes do Sar e pola tarde, ofrecer un mitin na Coruña.
Mentres Quintana participaba na gravación, un teletipo transmitido a través da axencia Europa Press sinalaba que o acto posterior, concibido cun aquel festivo acorde cun día de aniversario, ía ser suspendido. O líder do Bloque, indicaba o texto, viña de sufrir un accidente de tráfico "leve" contra as 8:45 da mañá na autoestrada AP-9. Concretamente, no quilómetro 92 á altura de Padrón a causa de placas de xeo no firme. Non ía poder asistir ao evento programado polo BNG porque se atopaba no hospital Clínico de Santiago someténdose a "unha revisión", agregaba o texto.
O accidente nunca existira. A axencia atribuíra horas despois a difusión do teletipo a un "fallo no sistema interno de control editorial". Alguén entrara no seu sistema suplantando un membro do seu cadro de persoal e publicárao. Un fake case dúas décadas antes de que os deepfakes, as montaxes en audio ou vídeo xeradas con intelixencia artificial, entrasen na caixa de ferramentas de equipos de campaña coma o que tenta que o vindeiro 29N o PP de Alberto Núñez Feijóo logre, agora si, encabezar unha maioría absoluta das dereitas. Para, por exemplo, suplantar a identidade dos rivais e acusalos de diversas prácticas corruptas.
Resultara imposible probar de onde saíra a mentira, pero Quintana tíñao politicamente claro: "A mentira e a difamación son as armas do señor Núñez Feijóo nesta campaña, a máis suxa que se recorda. Ata inventan accidentes de tráfico"
Aquel día de febreiro de 2009 o propio Quintana acabara solidarizándose publicamente coa persoa traballadora afectada, cuxa responsabilidade no sucedido era materialmente imposible. Como imposible resultara probar de onde saíra a mentira, se ben o político de Allariz tíñao politicamente claro: "A mentira e a difamación son as armas que está a utilizar o señor Núñez Feijóo nesta campaña, a máis suxa e rastreira das que se recordan. Por inventar, ata inventan accidentes de tráfico. Non sei ata onde quere chegar o PP", advertía
As eleccións de 2009 acabaran con Feijóo logrando a presidencia da Xunta tras vencer nas urnas por maioría absoluta no primeiro intento. Conseguiuno ao restarlle un escano ao Bloque na provincia da Coruña, o elo máis feble da coalición de goberno que encabezaba o socialista Emilio Pérez Touriño, tras unha campaña moi dura nas declaracións e nos mitins, pero máis aínda nas mensaxes extraoficiais. Nos fakes antes dos deepfakes, coma o falso accidente. Ou como as fotografías enviadas dende ignotos enderezos electrónicos a varios medios de comunicación amosando o portón dun garaxe que, aparentemente, recibira un golpe, e que o remitente anónimo situaba na localidade ourensá de Allariz.
O texto que acompañaba a imaxe aseguraba que o garaxe era da anterior vivenda familiar de Quintana, na que residían a súa ex-parella e os seus fillos. E que o golpe era froito dun impacto do coche oficial do vicepresidente propinado á mantenta. En paralelo, mensaxes SMS difundidas aquén e alén (as redes sociais tiñan un impacto infinitamente menor ao actual) facían circular as mesmas fotos relacionándoas falsamente cun intento de agresión machista do líder nacionalista. Ao tempo, nun mitin en Punxín o daquela presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, aseguraba que darlle a Quintana na Xunta as competencias de Igualdade era tanto como "pór o rato a coidar do queixo". Quintana e a ex-parella denunciaran a Baltar, que acabou exonerado nos tribunais.
"Alí empezou todo, un xeito de facer política consistente no lixo, na utilización do boato, do ataque persoal como arma político-electoral; o PP e Feijóo fixérona, saíulles ben e saíulles gratis"
Os acontecementos daquel 25 de febreiro conseguiran sumir de vez as forzas gobernantes da esquerda no desconcerto e na impotencia. Preparáranse para unha campaña ao uso e bateran con outra inédita en Galicia, na que as balas do rival lles bisbaban ao carón dos ouvidos sen daren advertido moi ben de onde viñan, porque había disparos na luz e outros moitos, na sombra.
Aquela noite, no mitin na Coruña, Quintana advertiu de que os "poderes tradicionais deste país" estaban, con "saña" e da man do PP, tentando por todas as vías que o BNG non volvese tocar goberno. Os oradores nacionalistas no polideportivo San Francisco Xavier mesmo clamaran contra o "golpismo mediático" nunha xornada na que dous xornais de papel publicaran ao unísono unha fotografía do candidato do Bloque a bordo dun barco propiedade do empresario Jacinto Rey.
A foto con Rey fora tomada anos atrás, antes de que Quintana fose membro do Consello da Xunta, e as publicacións acompañábana de insinuacións sobre trato de favor ao grupo empresarial do empresario no concurso eólico que o Bloque xestionara dende a Consellería de Industria. Nunca ninguén deu acreditado irregularidade ningunha naquel concurso, que Feijóo anulou ao chegar á Xunta por unha vía ilegal, segundo o Tribunal Supremo.
O núcleo duro de asesores que acompañaban naquela campaña de 2009 a Feijóo fan agora o propio nunha carreira cara ao 29N na que o PP, en plena competencia por presentarse como máis 'basado' que Vox, xa fabricou imaxes de Sánchez ou da súa esposa, entre outras accións
O pasado 2025, no vixésimo aniversario das eleccións que permitiron á esquerda sumar maioría absoluta por primeira vez na historia da autonomía, Quintana reflexionaba nunha entrevista con Praza.gal sobre que "naquela campaña, Galiza foi o coello de indias". "Alí empezou todo, un xeito de facer política consistente no lixo, na utilización do boato, do ataque persoal como arma político-electoral; o PP e Feijóo fixérona, saíulles ben e saíulles gratis", lamentaba. "Era de esperar que, se aquilo se facía así e aínda por riba non lles tiña ningún custo, ían repetilo e multiplicado e aumentado", sinalaba Quintana mentres lembraba os intentos infrutuosos para que o daquela líder do PPdeG accedese a participar nun debate electoral.
Case dezaoito anos despois, o núcleo duro de asesores que acompañaban a Feijóo na carreira electoral galega de 2009 -coa excepción do daquela xefe de campaña e hoxe presidente da Xunta, Alfonso Rueda- fan o propio na madrileña rúa de Génova. E na sala de guerra dunha campaña electoral que, ata o momento de escribir estas liñas, xa fabricou imaxes de Pedro Sánchez, da súa esposa, Begoña Gómez, ou do ex-ministro e agora condenado José Luis Ábalos. Ou enviou un repartidor de pizzas á sede central do PSOE para mofarse dos socialistas mentres se gaba de "mallar a paus" os opoñentes nunhas redes sociais nas que compiten por presentárense como máis basados que os exércitos dixitais da extrema dereita de Vox. Todo, matizan, "dende o humor".