Durante practicamente vinte anos que os membros do Consello da Xunta e outros diversos responsables do Goberno galego empregasen coches oficiais para desprazárense por razón dos seus cargos non foi motivo de maior controversia política ou mediática. Así sucedeu dende que en 1989 a Alianza Popular de Manuel Fraga acabada de refundar como Partido Popular logrou, ao primeiro intento, desbancar de San Caetano o Goberno de coalición de PSdeG, Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego presidido polo socialista Fernando González Laxe. E ata que Fraga perdeu o poder. Pero, mentres, os coches oficiais foron tan silenciosos como volven ser agora.
Que o Goberno galego use coches oficiais non foi motivo de maior controversia dende que Fraga logrou desbancar a Laxe e o mesmo sucedeu dende que Feijóo se impuxo a PSdeG e BNG tras senllas campañas con duras acusacións sobre o emprego destes vehículos
Dende o momento en que AP, despois PP, tivo claro que as conspiracións internas contra Gerardo Fernández Albor -que perdera a presidencia en 1987 pola moción de censura que situou no cargo a Laxe- derivarían de vez na súa remuda polo propio Fraga, a estratexia de oposición contra o tripartito subiu de revolucións e virou en guerra total. Entre a munición de calibre groso orientada a minimizar o risco de que o patrón da dereita española non triunfase no seu retorno a Galicia estivo unha crítica feroz contra o uso de coches oficiais por parte dunha Xunta aínda en construción, en plena despregadura das competencias estatutarias e que co gabinete de Laxe aprobou, por primeira vez, uns Orzamentos en prazo.

Cumprido o obxectivo, morreu o conto. Fraga viaxou -a toda velocidade- durante década e media en coche oficial por Galicia e as escasas mencións á cuestión na esfera pública estaban esencialmente vencelladas ás súas maratonianas xornadas. Ou ás referencias, en clave de anécdota e vida social, de que algún destes coches estivese aparcado sobre beirarrúas próxima ao compostelán restaurante Vilas, onde don Manuel adoitaba xantar e despachar múltiplos asuntos políticos. Tampouco que os conselleiros e conselleiras se desprazasen en automóbiles públicos foi posto en cuestión. Nin, moito menos, restou un voto ao PP.
Cando Feijóo chegou ao liderado do PP, que Touriño e Quintana usasen os coches oficiais da Xunta, a maioría mercados en tempos de Fraga, virou en sinónimo de "luxo asiático" propio do "sultán de Monte Pío", como alcumaran o daquela presidente socialista
Pero a obvia normalidade política e mediática sobre o uso dos coches oficiais deixou de ser tal coa fin do fraguismo en 2005. Máis concretamente, dende que Fraga foi substituído en 2006 na dirección do PPdeG por Alberto Núñez Feijóo e o seu núcleo máis próximo, con nomes como Mar Sánchez Sierra aos mandos e antigos altos cargos de Fraga en altas responsabilidades como a secretaría xeral, asignada a Alfonso Rueda. E, moi especialmente, dende que botou a andar o ciclo electoral iniciado polas municipais de 2007, ao remate do cal os conservadores esperaban poder retornar á Xunta en 2009, como así sucedeu.
Nese punto, que o Goberno encabezado por Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG) empregase coches oficiais era sinónimo do "luxo asiático" que procuraba o presidente, alcumado polos conservadores como "sultán de Monte Pío". O seu era un "coche fantástico" que custaba máis que o de Barack Obama, acusaban os populares para cargar contra a adquisición para a presidencia da Xunta dun vehículo da marca Audi, que demonizaron aínda que, dos 32 coches do fabricante alemán cos que contaba o Executivo, 29 procedían do fraguismo.

Quintana, pola súa banda, era atacado con dureza por viaxar nun "coche oficial de súper-luxo", que paradoxalmente fora mercado en tempos de Fraga, igual que o groso do parque móbil censurado pola dereita na oposición. E ademais usárao Feijóo como vicepresidente. Mesmo o sinalaran como motivo de escándalo ao denunciaren que o daquela líder do Bloque incorporara "un mini-bar" ao vehículo. En realidade, era unha neveira eléctrica para arrefriar botellas de auga.
Touriño non retrucou ata dúas semanas despois de perder as eleccións, cando revelou que Fraga mandara mercar dous Audi A8 como o que o PP lle reprochaba a el ou que Feijóo "circulou polo país, inclusive en campaña electoral", cun deses coches
Como Fraga, Feijóo logrou a presidencia á primeira sobre unha maioría absoluta pola mínima marxe imprescindible, un escano, tras unha tensísima campaña na que o presidente Touriño preferiu non baixar á lama igual que durante o resto do mandato, no que optara por non erguer alfombras e airear asuntos turbios ou pouco estéticos dos anos de Fraga. El, mantiña, non compartía ese estilo de facer política.
Touriño non respondería a Feijóo ata dúas semanas despois de perder a presidencia nas urnas. Daquela revelou que Fraga mandara mercar dous Audi A8 (un deles, por 331.000 euros). Tamén un Volkswagen Touareg sen concurso público. Ou que Feijóo, como conselleiro e vicepresidente, "circulou polo país, inclusive en campaña electoral, subido a un Audi A8" coma o que lle reprochaba a el. A "estatura moral" do "señor" que o ía suceder na presidencia era máis ben "escasa", lamentaba.
Nos primeiros meses tras o retorno, os populares non aforraron xestualidade a respecto dos coches oficiais: dende situar a Feijóo a bordo dun Citroën C6 -marca e modelo do coche no que viaxaba Quintana- para escenificar compromiso coa compañía ata organizar unha poxa para tentar desfacerse dos Audi, a maioría deles con centos de miles de quilómetros nos seus eixes. Malia á escenificación, varios Audi seguirían acumulando po nos garaxes de San Caetano ata 2015, cando a Xunta do PP conseguiu colocar os 8 que lle quedaban ao Banco Pastor como parte dunha operación de arrendamento doutros 84 automóbiles. Pero daquela os coches oficiais xa non facían ruído político.
Novos coches oficiais sen balbordo en 2021 e 2024
Os coches oficiais apenas xeraron ruído cando en 2021 o Goberno de Feijóo renovou os de todo o Consello da Xunta e tampouco agora, cando o gabinete de Rueda leva mercados en poucos meses dez novos automóbiles de alta gama por medio millón de euros
Os coches oficiais volveron ser silenciosos, como cando Fraga desbancou a Laxe. Apenas xeraron ruído cando o Consello de Contas asegurou en 2020 que non é quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta cos seus anunciados plans de "austeridade" no parque móbil, os cales Feijóo cifrara nuns 6 millóns de euros de redución de gasto por lexislatura. Tampouco houbo maior balbordo cando quedou constatado que apenas unha cuarta parte dos coches da Xunta eran Citroën cando xa pasaran dez anos da campaña de Feijóo a prol da marca. Nin sequera cando, en 2021, o gabinete aínda presidido polo actual líder estatal do PP renovou o automóbil do presidente e de todos os conselleiros mediante unha operación de arrendamento financeiro con PSA Financial Services, do grupo da Citroën.
Esta liña silenciosa non variou nos últimos meses, cando a consellería que aglutina as políticas de Mobilidade e tamén a xestión do parque móbil, a de presidencia, emprendeu a compra dunha decena de coches oficiais a través de tres contratos que suman case medio millón de euros. Apenas tres anos despois da última renovación, no Goberno de Rueda xustifican a remuda xestionada polo departamento que dirixe Diego Calvo, sobre todo, por incomodidade dos vehículos arrendados en 2021 para os conselleiros, SUV do modelo DS-7.
Estas operacións non só supoñen abandonar a política de arrendar coches de alta gama para o Goberno galego no canto de mercalos. Tamén implica frear na transición no uso de coches híbridos ou eléctricos, xa que oito deles son diésel e os dous restantes, de gasolina. E, asemade, tamén supón deixar de lado o grupo Stellantis para pasar a coches da gama alta da marca Škoda servidos pola empresa compostelá Bonaval Móvil, a única que se presentou aos tres concursos e que ofreceu rebaixas de só 6 euros en cada coche diésel e de 18,50 euros en cada un de gasolina a respecto do importe máximo ofrecido por Presidencia.
Quixo a casualidade que estas decisión da Xunta sobre os seus coches oficiais cadrasen coa sentenza que tivo outro coche oficial como protagonista. O que José Manuel Baltar conducía a máis de 200 quilómetros por hora pola autovía A-52
Quixo a casualidade que estas decisión da Xunta sobre os seus coches oficiais cadrasen no tempo coa sentenza xudicial que tivo outro coche oficial como protagonista. O que José Manuel Baltar conducía a máis de 200 quilómetros por hora pola autovía A-52 o 23 de abril de 2023, cando aínda era presidente da Deputación de Ourense, nunha viaxe de incerta ligazón co seu cargo.
A condición de senador que o PP lle entregou como compensación á súa saída da institución provincial propiciou que ese xuízo pasase ao Tribunal Supremo, o cal resolveu retirarlle o carné un ano e impoñerlle unha discreta multa de 1.800 euros, a mínima posible, por delito contra a seguridade viaria. Segundo Feijóo, o delito de Baltar apenas foi unha "falta no código de circulación" e, como Rueda, evitou pedirlle que deixe o escano. Ao cabo, os coches oficiais agora son silenciosos.