A Xunta merca 10 coches de alta gama por medio millón de euros tres anos despois da súa última renovación

Un dos Skoda Superb mercados pola Xunta recentemente na súa gama máis alta, L&K CC-BY-SA Praza.gal

O Goberno galego, que viña empregando vehículos de Stellantis tras a campaña de Feijóo contra o "luxo" dos Audi, adquire 10 Skoda Superb L&K (2 de 266 CV e 8 de 194 CV), "un coche luxosamente equipado" segundo a marca

Nas últimas semanas o Goberno galego vén de adxudicar ou licitar tres contratos distintos cos que mercará un total de 10 coches de alta gama Skoda Superb L&K (2 de 266 CV e 8 de 194 CV) por un prezo total de medio millón de euros, a uns 50.000 euros cada vehículo. A Xunta xa recibiu as primeiras unidades dun "coche luxosamente equipado", segundo o presenta a marca, que van ser empregadas polos conselleiros e conselleiras -Rueda seguirá co DS-9 que herdou de Feijóo-.

Os Skoda supoñen novas mudanzas no parque móbil de representación que viña empregando a Xunta, sobre o que se comezaron a poñer os focos na campaña de 2009 do PP contra o "luxo" dos Audi que usaba o goberno de coalición de PSdeG e BNG e antes Manuel Fraga. Naquel momento Feijóo prometeu empregar vehículos fabricados en Vigo, malia que aquí non se producían os Citroën C6 e C5 nos que acabaron viaxando o presidente da Xunta e os conselleiros ata 2022. 

Da mesma matriz, Stellantis, foron o DS-9 e as 12 unidades de DS-7, todos híbridos, que pasou a empregar nese momento o Goberno galego mediante leasing. Uns vehículos, os DS-7 tipo SUV, que varias fontes da Xunta coinciden en considerar unha mala elección e que van ser reutilizados dentro da administración noutros cometidos. Agora, só tres anos despois, o Goberno galego opta por volver á compra en propiedade de vehículos só de combustión e xa non de Stellantis senón da checa Skoda, do grupo Volkswagen. 

Interior dun Skoda Superb L&K na web promocional da marca © Skoda

A finais de 2021, cando a Xunta de Feijóo decidiu renovar os coches oficiais do Goberno, incluíunos nun contrato de leasing dun total de 191 vehículos para distintos departamentos da administración. Ese leasing foi adxudicado a comezos de 2022 para catro anos con opción de compra e supuxo que o Goberno galego pasou a empregar coches híbridos, no caso de Feijóo unha berlina DS-9 de 225 cabalos, os vicepresidentes dous DS-7 Crossback de 300 cabalos e os conselleiros 10 DS-7 Crossback pero de 225 cabalos. 

Ao estar eses vehículos incluídos nun lote máis amplo con outros 67 coches de menor categoría por 2,3 millóns de euros non se pode establecer o custe individual de cada unidade. En todo caso, os DS, segmento premium do grupo Stellantis, fabricáronse en China e Francia, co que Feijóo seguiu sen poder cumprir a súa promesa de empregar coches fabricados en Vigo. 

Os 12 coches DS-7 tipo SUV empregados nos tres últimos anos polos conselleiros veñen colleitando críticas por parte dos seus usuarios: "foron unha mala elección"

Os 12 DS-7 son tipo SUV e nestes tres anos en servizo veñen colleitando numerosas críticas por parte dos seus usuarios, conselleiros e persoal dos seus gabinetes, pola incomodidade dos asentos da parte traseira para traballar. Ao seren vehículos altos, os pasaxeiros sofren moitos movementos, segundo queixas reiteradas que mesmo levan a varias fontes da Xunta a afirmar que "foron unha mala elección". Tamén os condutores, din esas fontes, se veñen queixando da súa seguridade e comodidade.

E ese, o da maior estabilidade dos vehículos tipo berlina fronte aos SUV, é un dos argumentos para que agora, antes de que remate o leasing contratado en 2022, a Xunta estea a adquirir en propiedade novos vehículos de alta gama da marca Skoda. Segundo a xustificación oficial esgrimida nos concursos polo Goberno galego, "os modelos berlina xeralmente teñen un centro de gravidade máis baixo e unha distribución de peso máis equilibrada que os SUV, o que lles permite tomar as curvas con maior estabilidade e agarre". Os pregos dos novos contratos tamén esgrimen que "a forma máis aerodinámica das berlinas reduce a resistencia ao vento, o que mellora a eficiencia do combustible, e finalmente, este tipo de modelos adoitan ter unha suspensión máis ríxida que os SUV, o que proporciona un mellor control e resposta na estrada".

Feijóo ante un DS-7 tipo SUV como os que viñan empregando ata agora os conselleiros CC-BY-SA Xunta

Cando foron lanzados os contratos, antes de que se coñeceran os coches que finalmente serían adquiridos e o uso que terían, Praza.gal preguntou á Xunta polo motivo polo que se optaba por vehículos de combustión freando así a transición xa iniciada no parque móbil a híbridos e eléctricos. A resposta foi que se debía "a necesidades operativas do parque móbil da Xunta" e á intención de "contrastar o funcionamento destes novos modelos e comparalo cos actuais que hai agora mesmo no parque". "Trátase de vehículos máis rendibles en canto ao consumo de combustible que outros modelos empregados con anterioridade", dicía a Xunta, dando por superada así a argumentación empregada cos DS híbridos de 2022 de que permitirían "reducir os gastos correntes en combustible e reparacións e reducir as emisións ao medio ambiente de gases e partículas contaminantes".

Agora xa se sabe o modelo que se adquirirá cos novos contratos, o Skoda Superb L&K de alta gama, e o destino, que será para uso do Goberno galego, aínda que este está composto por 12 conselleiros e conselleiras e de momento só se van mercar 10 coches.

A empresa gañadora dos concursos ofreceu rebaixas de 6 euros en cada coche diésel e de 18,50 euros nos de gasolina

Uns vehículos que a Xunta mercará á empresa Bonaval Móvil, única que se presentou aos tres concursos que o Goberno galego abriu nos últimos meses e que ofreceu rebaixas de só 6 euros en cada coche diésel e de 18,50 euros en cada un de gasolina, rebaixas exactamente iguais en cada un dos tres concursos distintos. O primeiro concurso xa foi adxudicado e supuxo a compra de catro Skoda Superb da gama máis alta, L&K, que a propia marca presenta como "un coche luxosamente equipado". Un deles é gasolina de 266 CV e os outros tres son diésel de 194 CV.

A Xunta tamén ten pendente de adxudicar e formalizar outros dous concursos nos que ás únicas ofertas presentadas suporán que se acabará facendo con outros seis Skoda Superb L&K similares: outro gasolina de 266 CV e outros cinco diésel de 194 CV. Os 10 vehículos, tanto os catro xa mercados como os seis pendentes da formalización do contrato, son 4x4 e teñen 7 velocidades.

Segundo os pregos dos contratos, "estes vehículos adquírense co propósito de repoñer os vehículos do Parque Mobil da Xunta de Galicia que se teñen previsto dar de baixa". Porén, fontes oficiais do Goberno galego aseguran que non se vai prescindir a curto prazo dos anteriores DS-7 tipo SUV cuxo leasing fora contratado por un ano máis. Igual que Rueda manterá o DS-9 de Feijóo, algún conselleiro seguirá utilizando os DS-7 xa que os 10 novos Skoda non chegan para os 12 membros do Goberno galego. E o resto de DS-7 serán reutilizados noutros cometidos dentro da Xunta. Isto é, a Xunta utilizará para distintos fins un total de 23 coches de alta gama.

Canto á decisión de mercar agora en propiedade os novos coches tras o leasing polo que se optou hai tres anos, as mesmas fontes oficiais atribúeno ás mellores condicións económicas que se rexistran na actualidade para a compra.

O consello de Contas afirmou en 2020 non ser quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta en coches oficiais tras a campaña de Feijóo contra o "luxo"

Tras a campaña de 2009 de Feijóo contra o "luxo" do anterior goberno de coalición, os executivos populares veñen argumentando que coas súas políticas co parque móbil da Xunta as arcas públicas lograron "un aforro superior a 26 millóns de euros". Porén, en 2020 o Consello de Contas afirmou non ser quen de "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta en coches oficiais nese tempo.

DS-9 azul, vehículo que manterá Rueda herdado de Feijóo © DS Automobiles

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.