A Xunta suma 10 novos coches oficiais diésel e gasolina e afonda no freo da transición a híbridos e eléctricos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitando un concesionario Renault en Nigrán en outubro de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tras formalizar o pasado novembro a compra de tres novos coches diésel e un gasolina, Presidencia inicia os trámites para mercar outros seis automóbiles de combustión

Hai xa algo máis de 15 anos, tantos como PSdeG e BNG levan fóra da Xunta, que o feito de que os membros do Goberno galego utilicen coches propiedade da Administración para os desprazamentos por razón do seu cargo non é obxecto de especial controversia política. Si o foi entre 2005 e 2009, cando o PP cuestionou con intensidade e dureza dende a oposición que os membros do gabinete que encabezaban Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana viaxasen nestes automóbiles, que os de Alberto Núñez Feijóo pasaran a identificar cun presunto gusto polo "luxo" propio de "novos ricos" ou "sultáns".

Nestes anos a política dos Executivos do PP ao respecto pasou por diferentes fases. Dende diversas operacións de compra priorizando vehículos da marca Citroën ata arrendamentos financeiros ou compras nas que un dos criterios clave era que os novos coches fosen híbridos ou eléctricos, alegando razóns ambientais e de aforro. Non obstante, neste 2024 esa política de transición cara á mobilidade parcial ou totalmente eléctrica vén experimentando un freo que agora a Xunta intensifica elevando a 10 as compras de novos coches diésel ou gasolina

Destaques da documentación dos contratos cos que a Xunta se dispón a mercar 5 coches oficiais diésel e un de gasolina CC-BY-NC-SA Praza.gal

Como informou Praza.gal, o pasado setembro a Consellería de Presidencia iniciou o proceso para mercar un novo coche oficial diésel e tres de gasolina para "cubrir determinadas necesidades de autonomía e seguridade requiridas nos servizos prestados polo Parque Móbil da Xunta". O contrato foi formalizado en novembro por algo máis de 197.000 euros coa empresa compostelá Bonaval Móvil -a única que se presentou-, que subministrou á Xunta cinco berlinas da marca Škoda de 266 (o de gasolina) e e 194 cabalos (os tres diésel).

Tanto os cinco novos diésel coma o de gasolina serán berlinas do segmento D con tracción ás catro rodas e alta potencia. A consellería reserva case 300.000 euros para ambas operacións

Apenas un mes despois desa adxudicación, a mediados deste mes de decembro, Presidencia puxo en marcha outro contrato para mercar máis coches de combustión. Desta volta vai mercar cinco vehículos, todos eles diésel e da mesma gama que os comprados en outono, berlinas do segmento D -habituais para seren empregadas como coches de representación ou oficiais- e para facelo reserva un orzamento de ata 245.025 euros, IVE incluído.

Como en setembro, a Consellería indica na documentación do contrato que con estes novos coches vai cubrir determinadas necesidades de autonomía e seguridade" no parque móbil da Xunta e xustifica a elección en que "os modelos berlina xeralmente teñen un centro de gravidade máis baixo e unha distribución de peso
máis equilibrada que os SUV,", o que "lles permite tomar as curvas con maior estabilidade e agarre". Os SUV foron o tipo de vehículo escollido en 2022 pola propia Xunta para o transporte dos conselleiros e conselleiras.

Entre os requisitos técnicos do contrato figura que estes cinco coches non poden ter menos de 190 cabalos de potencia. A Xunta tamén pide outras características, como cambio automático ou tracción ás catro rodas.

Presidencia xustifica a compra indicando que as berlinas son máis seguras e estables ca os SUV nos que se viñan desprazando os conselleiros. O pasado setembro defendeu, asemade, que son "rendibles en canto a consumo" malia prescindir das tecnoloxías eléctricas

No que atinxe ao combustible, Presidencia apenas xustifica a elección e, tamén no mesmo sentido que no anterior contrato, indica que as berlinas teñen unha "forma máis aerodinámica" que "reduce a resistencia ao vento, o que mellora a eficiencia do combustible". Daquela, ao ser cuestionada ao respecto por Praza.gal, a Consellería agregara que se dispuña a  "contrastar o funcionamento destes novos modelos e comparalo cos actuais que hai agora mesmo no parque". "Trátase de vehículos máis rendibles en canto ao consumo de combustible que outros modelos empregados con anterioridade", aseguraban.

Estes cinco novos coches oficiais diésel non serán as únicas incorporacións ao parque móbil do Goberno galego nos vindeiros meses. Este pasado 20 de decembro, cando o novo contrato levaba unha semana a tramitarse, a mesma consellería lanzou outro dotado con ata 50.517,50 (IVE incluído) para mercar un máis, tamén unha berlina do segmento D e de combustión, pero obrigatoriamente de gasolina e máis potente, dun mínimo de 250 cabalos. Igual que os cinco diésel, debe ter cambio automático, tracción 4x4 e pintura cor negra metalizada.

O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, participando en setembro de 2024 como piloto no 'Eco Rally' da provincia da Coruña proba na que participan coches eléctricos e híbridos CC-BY-SA Xunta

Estes dous novos contratos, engadido ao de setembro, ratifican o cambio de rumbo da Xunta no que atinxe á incorporación de coches híbridos e eléctricos ao parque móbil de maior gama, o destinado ao transporte de altos cargos. Tamén o regreso á política de compras fronte á dos arrendamentos dos últimos anos. En total, como amosa o cadro que acompaña a estas liñas, o orzamento destinado por Presidencia para estes dez novos coches achégase ao medio millón de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.