Presidencia merca un coche oficial de gasolina e tres diésel e frea na transición a híbridos e eléctricos

Un vehículo da Xunta, nunha imaxe de arquivo, e detalle dos importes que Presidencia ofrece para adquirir os seus novos vehículos CC-BY-SA Praza.gal

Que os membros do Goberno galego viaxasen en coches propiedade da Xunta para exercer as súas funcións oficiais apenas foi albo do debate público nas primeiras dúas décadas de autonomía. Menos aínda obxecto de especial controversia. 

Así foi ata que o PP de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda despregou unha campaña consistente en facer ver que o uso deses vehículos por parte do Goberno do PSdeG e do BNG respondía a unha ansia de "luxo" por parte dos seus máximos responsables, o socialista Emilio Pérez Touriño e o nacionalista Anxo Quintana. Mesmo cando os responsables daquel Executivo viaxaban en automóbiles mercados en tempos de Fraga.

O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, participando o pasado 20 de setembro como piloto no 'Eco Rally' da provincia da Coruña proba na que participan coches eléctricos e híbridos CC-BY-SA Xunta

O enorme ruído político que, por exemplo, acompañou naqueles anos a compra dun novo automóbil para a Presidencia da Xunta contrastou coa absoluta discreción que acompañou, o pasado 2022, a renovación integral parque móbil dedicado aos desprazamentos do presidente e o resto de membros do Consello. A través dunha operación de arrendamento financeiro, os Citroën C6 e C5 de Feijóo e do seu equipo foron remudados por outros coches da gama alta do grupo PSA

Cando o Goberno cambiou en 2022 os coches do presidente e dos conselleiros por híbridos argumentou razóns como "reducir os gastos en combustibles" e minguar "as emisións de gases e partículas contaminantes"

Entre as características para adquirir mediante leasing aqueles novos coches (unha berlina DS-9 para o presidente e SUV do modelo DS7 Crossback para os conselleiros) a Xunta incluíu que fosen híbridos conectables. O mesmo noutros coches de inferior gama que incorporou na mesma operación e noutras posteriores. Un dos obxectivos que perseguía, explicara, estaba "reducir os gastos correntes en combustible e reparacións e reducir as emisións ao medio ambiente de gases e partículas contaminantes".

Pero esa tendencia a que o parque móbil oficial tenda cara ás tecnoloxías híbridas ou mesmo 100% eléctricas vén de frear. Cando menos, por parte da Consellería de Presidencia, responsable directa do parque móbil e baixo cuxa competencia están tamén dende o pasado abril todas as políticas de mobilidade do Goberno galego.

Documentación do contrato que tramita Presidencia para adquirir catro coches oficiais CC-BY-SA Praza.gal

O departamento que dirixe Diego Calvo iniciou este mes os trámites para mercar catro novos coches oficiais por case 200.000 euros. Concretamente, ofrece ata 197.532,50 euros (IVE incluído) por unha berlina do segmento D con motor de gasolina de ata 41.750 euros e outras catro diésel que poden custar ata cadanseus 40.500 euros. Para o coche de gasolina a Xunta esixe un mínimo de 250 cabalos de potencia e que chegue, cando menos, ata os 240 quilómetros por hora. Nos diésel especifica que non poden baixar dos 190 cabalos e acadar os 200 quilómetros por hora.

A consellería de Diego Calvo destina 197.000 euros á compra de catro berlinas gasolina e diésel alegando "necesidades de autonomía e seguridade",  que poden "tomar as curvas con maior estabilidade" e teñen "mellor resposta na estrada" que os SUV, tipo de coche dos conselleiros dende 2022

A documentación do contrato inclúe unha breve xustificación da compra. Os coches, indica, son para "cubrir determinadas necesidades de autonomía e seguridade requiridas nos servizos prestados polo Parque Móbil da Xunta". 

Ademais, "os modelos berlina xeralmente teñen un centro de gravidade máis baixo e unha distribución de peso máis equilibrada que os SUV, o que lles permite tomar as curvas con maior estabilidade e agarre". A "forma máis aerodinámica das berlinas reduce a resistencia ao vento, o que mellora a eficiencia do combustible, e finalmente, este tipo de modelos adoitan ter unha suspensión máis ríxida que os SUV, o que proporciona un mellor control e resposta na estrada", engade.

Diego Calvo, entregando un vehículo enchufable á Policía Local de Vilanova en xuño de 2023 CC-BY-SA Xunta

Atendendo a esta descrición, cabería deducir que Presidencia se dispón a substituír con estes automóbiles algúns dos híbridos arrendados en 2022. En resposta a preguntas de Praza.gal, a consellería admite que "no caso de que sexa necesario e despois de comprobar que responde ás necesidades", efectuarán esa remuda.

Presidencia indica que a intención é "contrastar o funcionamento destes novos modelos e comparalo cos actuais" do parque móbil e non desbota que acaben substituíndo algúns dos vehículos híbridos que empregan membros do Consello da Xunta

Cuestionada pola razón da compra, alén dos motivos esgrimidos no propio contrato, Presidencia especifica a este xornal que "se debe a necesidades operativas do parque móbil da Xunta" e á intención de "contrastar o funcionamento destes novos modelos e comparalo cos actuais que hai agora mesmo no parque". "Trátase -aseguran- de vehículos máis rendibles en canto ao consumo de combustible que outros modelos empregados con anterioridade.

A consellería tamén pon o foco en anteriores adquisicións de coches híbridos ou totalmente eléctricos -alén dos automóbiles do presidente e demais membros do Consello da Xunta-. Tras operacións como a compra de 84 híbridos o pasado ano, indican, "só quedaban pendentes de substitución" para "culminar" o "plan de reestruturación" outros "83 vehículos de combustión de máis de 7 anos". Actuacións coma estas, aseguran, permitiron "acadar dende 2009 un aforro superior a 26 millóns de euros" no parque móbil. En 2020 o Consello de Contas afirmou non ser quen de  "verificar, de forma precisa" canto aforrou a Xunta en coches oficiais nese tempo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.