Un dos eixos dos argumentarios do PP de Feijóo e Rueda na oposición en Galicia foi cargar contra PSdeG e BNG por utilizaren coches oficiais na súa condición de cargos da Xunta
Un do eixes dos argumentarios do PP de Alberto Núñez Feijóo mentres estivo na oposición ao Goberno galego do PSdeG e BNG foi cargar con dureza por que cargos do Executivo galego utilizasen coches oficiais para o desempeño das súas funcións. Con independencia de que boa parte daqueles vehículos fosen mercados durante os mandatos do PP de Fraga, Feijóo e o seu daquela xefe de campaña, Alfonso Rueda, caracterizaban esa práctica cotiá de calquera goberno como un suposto gusto polo "luxo asiático" de socialistas e nacionalistas.
Descualificativos como "sultán de Monte Pío", dirixido ao presidente socialista Emilio Pérez Touriño, foron unha constante. Máis aínda despois de que o Goberno adquirise un novo vehículo para a Presidencia, un coche da marca Audi que os conservadores alcumaran como "coche fantástico", mantendo que custaba máis que o do daquela presidente dos EUA, Barack Obama.
Ao tempo que afirmaban que algúns dos vehículos oficiais "de súper luxo" contaban con elementos coma "un mini-bar" (era unha neveira común para arrefriar auga) os de Feijóo lanzaron unha intensa campaña a prol de Citroën, a marca con fábrica en Vigo daquela pertencente ao grupo PSA e actualmente parte de Stellantis. A mesma empresa que, mentres foi líder da oposición en Galicia, lle proporcionou de balde un vehículo de alta gama para que o utilizase na súa condición de presidente do PPdeG.
Tras usar un coche cedido pola empresa como líder do PP na oposición, Feijóo prometeu viaxar como presidente nun Citroën fabricado en Vigo, o cal era imposible. Si utilizou durante anos un C6 e os conselleiros, un C5, ata que o pasado 2022 os remudaron por outros novos do mesmo grupo
Como parte daquela campaña, Feijóo dera en prometer que utilizaría nos seus desprazamentos oficiais como presidente un coche fabricado en Vigo, promesa imposible de cumprir toda vez que naquela altura a factoría de Balaídos centraba a súa produción en vehículos como furgonetas e, posteriormente, monovolumes incompatibles co uso oficial. O que si sucedeu é que o coche oficial da Presidencia da Xunta pasou a ser un Citroën C6 que xa estaba no parque móbil e que as conselleiras e conselleiros viaxaron durante anos en Citroën C5.
Con estas e outras medidas, presentadas como unha reestruturación do parque móbil en clave de "austeridade", o Goberno do PP asegurou que se produciría un substancioso aforro de fondos públicos. O pasado 2020, o Consello de Contas asegurou nun informe oficial que non é posible "verificar, de forma precisa" canto aforrou realmente a Xunta en coches oficiais.
Todo isto aconteceu ata que o pasado 2022, aínda con Feijóo como presidente, o Goberno do PP decidiu remudar todos os vehículos oficiais dos membros do Consello da Xunta no marco dun contrato de arrendamento con PSA Financial Services, do grupo Stellantis. Os coche no que agora viaxa Rueda para os seus desprazamentos oficiais é unha berlina DS-9 e os seus conselleiros viaxan en SUV DS-7 Crossback.
59 Citroën á chatarra nunha operación para renovar 84 coches
A cruzada partidaria e mediática contra o uso de coches oficiais por parte do Goberno galego da esquerda, semellante á mantida na actualidade polo mesmo equipo de Feijóo para afear e ridiculizar que o Executivo do PSOE e UP en xeral e Pedro Sánchez en concreto utilicen medios de transporte do Estado, converteu naqueles anos as habituais compras e vendas de automóbiles por parte da Xunta en asunto de acendido debate político. Nos últimos anos isto non sucede -a renovación de todos os coches do presidente e dos conselleiros non espertou crítica ningunha na actual oposición-, pero esas operacións séguense producindo.
O contrato que a Xunta pon agora en marcha implica mercar 84 coches híbridos enchufables por case 4 millóns aproveitando unha subvención de 420.000 euros de fondos europeos transferidos polo Estado e mandar outros tantos automóbiles á chatarra
Unha das últimas está a tramitala dende finais de xuño a Vicepresidencia Primeira, que dirixe Diego Calvo. Consiste en mercar ata 84 vehículos "híbridos enchufables" aproveitando unha subvención de 420.000 euros de fondos europeos de recuperación concedida polo Estado á Xunta dentro do Plan MOVES III. O contrato, cun orzamento total de 3,9 millóns de euros, implica que ao recibir eses coches novos a Xunta envíe ao "achatarramento" outros tantos coches, entre eles ata 59 vehículos Citroën e en total, practicamente a metade mercados polos gobernos de Feijóo e Fraga e os restantes, polo Executivo de PSdeG e BNG.
Case unha vintena -en concreto, 19- dos Citroën que a Xunta envía á chatarra son coches do modelo C5 mercados durante os gobernos de Feijóo (17 en 2016, un en 2010 e outro en 2009). En boa parte dos mandatos do ex-presidente este foi o modelo de vehículo habitualmente empregado polas conselleiras e conselleiros e mais por outros altos cargos. Como é posible observar na táboa interactiva que acompaña esta información, a Administración galega desfaise tamén doutra decena de C5 adquiridos polo Goberno de PSdeG e BNG e doutro máis que xa viña da época de Fraga, entre outros coches tanto de Citroën como doutras marcas.
A previsión da Xunta é remudar estes 84 vehículos por outros tantos, todos eles "híbridos enchufables". Segundo indica a documentación do contrato, 70 deles deben ser berlinas do segmento D -coches dunha gama semellante ao C5- cun custo de ata 48.037 cada un, IVE incluído, todos de cor negra metalizada. Os outros 14 que vai mercar son turismos "compactos" do segmento C de cor branca e o Goberno galego ofrece 37.999,99 (IVE incluído) por cada un. O contrato non especifica cal será o uso destes coches, se ben as súas características apuntan a que os primeiros serán empregados para o transporte de diversos cargos e os segundos, para uso cotián de persoal da Administración.
A resposta de Touriño dúas semanas despois de perder a Xunta
A actual compra de vehículos por parte do departamento que dirixe Diego Calvo -formalmente, a contratación foi iniciada no nome da Vicepresidencia Segunda, aínda que na recente crise de goberno Calvo ascendeu a vicepresidente primeiro- non está a xerar controversia política ningunha. Non en van, os grupos que actualmente exercen a oposición (BNG e PSdeG) nin mencionaron a cuestión.
Unha práctica ben diferente a esta foi a exercida polos populares na oposición en Galicia, ao xeito da estratexia que agora desenvolven contra Sánchez no Estado. A principal diferenza co acontecido hai década e media, non obstante, é que o presidente do Goberno de España e candidato do PSOE á reelección o 23X, así como outros cargos, si están a apostar por responder ás acusacións dos de Feijóo.
Touriño non responder as acusacións de gastar fondos públicos en coches de "luxo" ata despois das eleccións, cando revelou aspectos como que Feijóo viaxara "polo país, inclusive en campaña electoral, subido a un Audi A8" que tiña asignado como conselleiro e vicepresidente
No caso galego, a resposta por parte do ex-presidente Touriño apenas chegara durante os anos de goberno e non existira no transcurso da campaña electoral. Concretamente, o mandatario socialista deu en retrucar a Feijóo sobre esta cuestión o 12 de marzo de 2009, isto é, once días despois de que o PP lograra a maioría absoluta por unha marxe dun único escano (38 para os populares fronte a 25 socialistas e 12 do BNG).
Despois de encabezar por primeira vez un Consello da Xunta como presidente en funcións, Touriño cargou con contundencia contra Feijóo e a súa "escasa estatura moral" e subliñou, por exemplo, que "ese señor" -Feijóo- circulara como conselleiro "polo país, inclusive en campaña electoral, subido a un Audi A8", como o que lle reprochaba a el mesmo. "Tanta demagoxia, oportunismo e falsidade acumulada non colle no edificio administrativo de San Caetano", afirmara. Non respondera antes, xustificara, porque ese tipo de acusacións non encadraban no seu estilo e concepción da política. Pasados os anos admitiría que a estratexia fora errada e que a reacción, evidentemente tardía.