"Queren falar de coches? Imos falar de coches". O 19 de marzo de 2011 o deputado socialista José Manuel Lage Tuñas lanzáballe ao PP esta advertencia nunha sesión parlamentaria. Daquela, con case media lexislatura cumprida, o parlamentario do PSdeG aseguraba que chegara a hora de que os populares paladeasen a "temática automobilística que tanto lles gusta", a mesma que protagonizou boa parte da campaña electoral galega de 2009. E un ano depois, falouse de coches, case ata a extenuación. Lage Tuñas tiña presentadas 167 preguntas para que o Goberno lle detallase por escrito o gasto en combustible, peaxes e reparacións de diversos vehículos do parque móbil da Xunta. Pero o Executivo dilatou o período de resposta entre "seis meses" e "ano e medio", e o socialista acolleuse ao dereito que lle outorga o Regulamento da Cámara: se unha contestación por escrito tarda máis de 40 días, as preguntas poden ser incluídas na orde do día da comisión correspondente. E así o fixo Lage. Coas 167 preguntas.
Así as cousas, a Comisión Institucional do Parlamento tiña este martes vinte e seis páxinas de orde do día. Despois de debater outros asuntos a ritmo normal durante dúas horas e media, contra a unha da tarde comezaba a maratón. A, en palabras do presidente da comisión, "excepcional" situación ordenouse precisamente en función da aludida temática automobilística: primeiro gastos de combustible, despois gastos de peaxe, recursos públicos dedicados a reparacións mecánicas de vehículos oficiais e, por último, gasto en pneumáticos, todos os datos referidos ao período comprendido entre abril e xuño de 2011.
Lage virou en orais as 167 preguntas escritas pola dilación da Xunta en respondelas e deu lugar a un debate de máis de cinco horas: "se non queren unha cunca, terán sete"
E houbo datos, aínda que mesturados durante todo o longuísimo debate, case ata a saciedade, con reproches do PSdeG polo "desprezo" da Xunta ao Parlamento e respostas do director xeral de Relacións Institucionais, Gonzalo Ordóñez, reclamándolle ao socialista "altura de miras"e recomendándolle propiciar no Parlamento discusións sobre asuntos "máis sólidos". "Vostedes primeiro utilizaron os datos de forma miserable para atacar o anterior presidente da Xunta e o seu goberno e despois, cando lles solicitan os datos sendo vostedes Goberno, néganse a outorgalos", censurou Lage. Pero "se non queren unha cunca de caldo", os responsables gobernamentais "terán sete". "Se a calquera veciño da nosa terra se lle formulan estas preguntas, o que diría é... e non teñen cousas máis importantes que facer?", lamentou Ordóñez. "Xa verá se interesa ou non", retou Lage.
O presidente de Sogama reposta máis que Feijóo
Alén do bucle en torno á intención ou non da Xunta de realizar unha "sabotaxe" aos dereitos dos parlamentarios, as densísimas respostas de Ordóñez si permitiron tirar algunhas conclusións en torno ao gasto do parque móbil da Xunta, todo o concretas que poden ser tendo en conta que o período analizado é de só tres meses. Así, por exemplo, o director xeral explicou que nese treito o vehículo oficial do presidente da Xunta gastou 1.804 euros en combustible, do que se podería tirar que, nun ano, o coche de Feijóo consume uns 7.200 euros de gasolina. Mentres, o responsable de Relacións Institucionais detalla que o presidente de Sogama, Luis Lamas -un dos cargos mellor pagados da Administración-, gastou 2.361 euros de combustible neses tres meses, gasto que, asegura, se reducirá nuns 1.000 euros grazas ao novo sistema de uso compartido de coches oficiais, implantado neste 2012.
O cerne do debate foi quedando en segundo plano e a discusión abrangueu dende pagamentos de facturas ata a "traxectoria democrática" do director xeral
Algo máis de 2.200 en combustible do automóbil de Alfonso Rueda, 1.000 euros en peaxes do coche do conselleiro de Industria ou 1.118 euros dunha reparación do vehículo do director do gabinete da Presidencia foron outros dos datos que quedaron sobre a mesa dunha comisión cuxa extensión e reiteración de preguntas e argumentos provocou que a materia tratada fose quedando, gradualmente, nun segundo plano. A "traxectoria democrática" de Ordóñez, os "esforzos ímprobos" da Xunta para pagar facturas en prazo, ou a intención de lograr "eco publicitario" por parte de Lage foron algunhas das reflexións, acusacións e dúbidas que ambos políticos intercambiaron durante unha sesión na que o volume de preguntas do socialista foi retrucada cunha explicación por veces enrevesadamente detallada do alto cargo, chegando a deterse no custo da reparación do "capuchón do palier" dun coche oficial.
"Non tivemos nunca intención de chegar a este punto", sinalaba Lage cando se cumprían cinco horas de debate e sete e media de comisión, reprochando de novo ter que converter en orais as preguntas que antes eran escritas. Segundo o director xeral, a "intención" non era "omitir ningunha resposta", senón "transmitir personalmente" ao deputado todo o que preguntara. Falouse, polo tanto, de coches. Durante máis de cinco horas e cun inmenso volume de datos que, en todo caso, apenas permiten obter unha mínima perspectiva da cuestión, discutida por primeira vez no fragor preelectoral de 2009. "O que abonda, non dana", repetiuse en varias ocasións ao longo da sesión.