A segunda sentenza penal contra o baltarismo tamén chega co condenado fóra da Deputación

Alfonso Rueda e José Manuel Baltar saúdanse na inauguración dun hotel en Nogueira de Ramuín en xuño de 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A condena por delito contra a seguridade viaria aos mandos dun coche oficial da Deputación chega en vésperas do décimo aniversario da ratificación da que afrontou Baltar pai polos 104 enchufes na institución ourensá formalizados en vésperas de entregarlla ao fillo

O Tribunal Supremo ditou o pasado 17 de xaneiro a sentenza que, comunicada este luns, ratifica que José Manuel Baltar cometeu un delito contra a seguridade viaria aos mandos dun coche oficial da Deputación de Ourense. A consecuencia penal para o actual senador do PP por designación do Parlamento é a mínima posible, en liña co solicitado pola Fiscalía, única acusación: 1.800 euros de multa cun ano e un día de retirada do permiso de conducir.

O Supremo acredita que Baltar conducía o vehículo oficial "sen lugar a ningunha dúbida" a "cando menos, 204 quilómetros por hora" -os 215 que captou o radar menos o 5% da marxe de erro do aparello-. O ditame, ante o que non cabe recurso ningún, é a segunda sentenza penal contra o baltarismo e chega, como a primeira, cano o condenado xa non ostenta a presidencia da Deputación de Ourense, que a familia comandou durante máis de tres décadas.

Feijóo, con José Luis Baltar e outros cargos nun magosto do PP de Ourense en 2008 CC-BY-SA PPdeG

O vindeiro marzo cumpriranse dez anos dende que a Audiencia ourensá elevou a firme a condena ao patriarca da dinastía, José Luis Baltar, por prevaricar con 104 enchufes na Deputación. Ese cento de colocacións tiñan como beneficiarias múltiplas persoas vencelladas ao congreso que pouco despois, hai agora 15 anos, estaba chamado a aprobar a sucesión na presidencia provincial do partido: Baltar pai por Baltar fillo. A herdanza foi aprobada malia á intensa campaña en contra da dirección galega da formación na que supuxo a primeira derrota interna de Alberto Núñez Feijóo.

O caso do exceso de velocidade actuou como detonante para que a dirección o PP remudase a Baltar tras as municipais mesmo antes de chegar a xuízo. Agora, coa condena, Rueda desbota pedirlle que dimita do escano do Senado que lle entregou despois

A condena de Baltar pai non tivo efecto práctico directo ningún. Cando adquiriu firmeza a súa inhabilitación para cargo público durante nove anos levaba xa dous fóra da presidencia da Deputación, que legara ao fillo en 2012. O herdeiro revalidaría o trono provincial tras as municipais de 2015 por maioría absoluta, o cal xa non conseguiu en 2019, cando non obstante retivo o bastón de mando grazas ao intercambio de votos con Democracia Ourensana: a presidencia da Deputación a cambio da alcaldía da capital provincial para Gonzalo Pérez Jácome, na altura líder da terceira forza en votos na cidade.

Tamén neste 2023 houbo pacto PP con Jácome, coa dirección dos populares facilitando a alcaldía ao líder de DO -que desta volta foi primeira forza- coa contraprestación de non perderen a Deputación. Pero o caso do exceso de velocidade aos mandos do coche oficial estoupara antes das eleccións municipais, debilitando unha posición baltarista que enfraqueceu de vez ao quedar constatado, tras o paso polas urnas, que outra volta non lograra a maioría absoluta. Foi daquela cando comezou a operación presentada, dous días antes das constitucións dos novos concellos, como unha renuncia de Baltar a volver ser presidente.

José Manuel Baltar felicita a Luis Menor tras ser elixido como novo presidente da Deputación de Ourense en xullo de 2023 © Deputación de Ourense

O elixido polo partido para ocupar na Deputación -e despois, tamén no partido- a cadeira que levaba o apelido Baltar dende 1990 foi Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar e cargo da máxima confianza de Alfonso Rueda. Velaí a que, posiblemente, foi a verdadeira consecuencia política do caso do exceso de velocidade mesmo antes de chegar a xuízo. Un detonante para que Rueda conseguise, fronte a un baltarismo en horas baixas pero non extinto como estrutura de poder, o que Feijóo non lograra en 2010 e renunciara a volver tentar.

Ese xuízo foi esquivado por Baltar durante todo 2024 grazas a que a mesma dirección do partido decidiu, no verán de 2023, concederlle un dos escanos no Senado por designación do Parlamento de Galicia que quedaron vacantes tras as eleccións xerais dese ano, ao marcharen Feijóo e Miguel Tellado ao Congreso. Como membro da Cámara Alta adquiriu a condición de aforado, pola cal só pode responder penalmente ante o Tribunal Supremo que agora lle impón a condena relativizada este luns por Rueda, quen desbotou de inmediato esixirlle a dimisión que reclaman BNG e PSOE. Ao cabo, igual que ao pai, a condena chégalle a Baltar fillo cando xa non está na Deputación.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.