O xuízo por conducir a 215 por hora comeza este luns no Supremo, nun mes de xaneiro marcado por varios fitos significativos na historia dos Baltar, que afrontan a que sería a súa segunda condena penal
Este luns 13 de xaneiro está previsto que comece na Sala do Penal do Tribunal Supremo o xuízo contra José Manuel Baltar, senador e ex-presidente da Deputación e do PP de Ourense, por un delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial a 215 quilómetros por hora. O xuízo celebrarase coincidindo co 35 aniversario da chegada do seu pai, José Luis Baltar, á presidencia da Deputación de Ourense, e co 15 aniversario da sucesión deste á fronte do partido por parte do fillo, no que supuxo unha das maiores derrotas políticas de Alberto Núñez Feijóo.
Xaneiro está marcado na historia dos Baltar como un mes significativo. Foi o 20 de xaneiro de 1990, hai agora 35 anos, cando Baltar pai ergueu por primeira vez o bastón de mando da Deputación de Ourense. Fíxoo tras a marcha á presidencia do Parlamento do seu antecesor e compañeiro de xeira política Victorino Núñez, en plena integración do que foran Centristas de Galicia e antes Centristas de Ourense ou Coalición Galega no PP para garantir a primeira vitoria electoral de Manuel Fraga.
Uns feitos que veñen de ser lembrados e postos en contexto no libro Os Baltar, a senda do caciquismo na democracia plena (Edicións Morgante), escrito polos xornalistas Cristina Huete e Primitivo Carbajo, no que se relatan os comezos e ascensos de Baltar pai na política ourensá da man de Victorino Núñez e do creador de Coren, Eulogio Gómez Franqueira, do que mesmo chegou a facer de porteiro.
Acadada hai 35 anos a presidencia da Deputación de Ourense, a historia do caciquismo nela de Baltar pai chegou á súa fin noutro mes de xaneiro, o de 2012, cando dimitiu e entregou o cargo ao fillo. Dous anos antes, no mesmo mes, o 30 de xaneiro de 2010, hai agora 15 anos, Baltar fillo xa sucedera o pai á fronte do PP de Ourense derrotando o candidato co que Feijóo pretendía poñer fin á saga familiar. O líder popular xa non volvería tentar enfrontarse aos Baltar, pero estes si seguiron facendo ver que o PPdeG os necesitaba para manter o seu poder.
Traspasados de pai a fillo o PP de Ourense en xaneiro de 2010 e a Deputación en xaneiro de 2012, un ano despois, en 2013, tamén en xaneiro, un xuíz admitía a trámite unha querela contra o pai por enchufar máis de cen persoas nas semanas previas ao congreso provincial do partido que gañaría o fillo. Un caso que acabaría coa condena por prevaricación de Baltar pai cando esta xa non podía ter efectos porque xa estaba fóra de cargos políticos.
Tras ser detectado a 215 por hora hai case dous anos, Baltar fillo deixou a Deputación e o PP de Ourense, pero Feijóo recolocouno no Senado e ese aforamento demorou ata agora o xuízo
Unha década despois agora é o fillo o que, noutro mes de xaneiro, afronta outro xuízo tamén penal, neste caso por delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 por hora. Uns feitos que se produciron en abril de 2023, e que xa supuxeron a saída de Baltar fillo da Deputación en xullo daquel ano e do PP provincial en outubro. Pero Feijóo recolocouno como senador e, polo tanto, aforado, o que demorou case dous anos o seu xuízo e o trasladou ao Tribunal Supremo.
A Fiscalía pide para Baltar multa de 1.800 euros e retirada do permiso de conducir durante un ano
Agora será o alto tribunal o que decida se dá credibilidade aos seus argumentos de defensa, que negan que a velocidade real fose tan elevada e que atribúen a acusación a unha "campaña", ou á Garda Civil e o seu radar. Se os xuíces consideran probados os feitos, estes poderían ser castigados con pena de prisión de 3 a 6 meses, con multa de 6 a 12 meses ou con traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días, ademais da retirada do permiso de conducir de 1 a 4 anos.
Dentro deses abanos, a Fiscalía limitouse a pedir unha pena de 6 meses de multa a razón de 10 euros diarios, o que suporía un total de 1.800 euros, e un ano e un día de privación do permiso de conducir. Pero máis alá das características concretas da pena, sería a segunda condena penal a un Baltar tras a que recibiu o pai por prevaricar na Deputación de Ourense.