O xuízo no Tribunal Supremo incluirá un interrogatorio do ex-presidente ourensán e a comparecencia de dez axentes da Garda Civil
O Tribunal Supremo vén de sinalar para o luns 13 de xaneiro o xuízo penal contra José Manuel Baltar, senador e ex-presidente da Deputación de Ourense, por un delito contra a seguridade viaria por conducir un coche oficial da institución provincial a 215 quilómetros por hora. Os feitos ocorreron o 23 de abril de 2023, pero o xuízo chegará case dous anos despois grazas aos sucesivos recursos e o aforamento do político popular coa súa elección como senador, o que fixo que o caso acabase no Supremo.
Agora o alto tribunal ademais de fixar a data do xuízo vén de aceptar as probas propostas pola Fiscalía e a defensa, que inclúen o interrogatorio do acusado e a declaración como testemuñas de dez axentes da Garda Civil.
A Fiscalía pide para Baltar multa de 1.800 euros e retirada do permiso de conducir durante un ano
A maxistrada instrutora do caso concluíu o pasado verán que a actuación de Baltar podía ser constitutiva dun delito contra a seguridade viaria que o Código Penal castiga con pena de prisión de 3 a 6 meses, coa de multa de 6 a 12 meses ou coa de traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días, ademais da retirada do permiso de conducir de 1 a 4 anos. Dentro deses abanos, a Fiscalía pediu unha pena de 6 meses de multa a razón de 10 euros diarios, o que suporía un total de 1.800 euros, e un ano e un día de privación do permiso de conducir.
Ademais de poñer en dúbida a fiabilidade da medición do radar, a defensa de Baltar tamén tenta eximir o seu cliente argumentando que xa pagou a multa que se impuxo por eses feitos e que polo tanto non pode ser xulgado por eles.