A Fiscalía mantivo a petición de 1.800 euros de multa e retirada do carné un ano, no rango máis baixo do que permitiría a lei
O senador e ex-presidente da Deputación e do PP de Ourense José Manuel Baltar sentou este luns no banco do Tribunal Supremo como acusado dun delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 quilómetros por hora un coche oficial do ente provincial hai preto de dous anos, o domingo 23 de abril de 2023, á altura de Seabra, en Zamora. A defensa de Baltar baseouse en esgrimir supostos erros dos axentes da Garda Civil e do radar para negar que circulase a esa velocidade senón só a 199 por hora, o que evitaría a condena penal, e en insinuar que é obxecto dunha cacería política.
Tras desvelar elDiario.es os feitos, Baltar fillo deixou a Deputación de Ourense en xullo de 2023 e a presidencia do PP provincial en outubro daquel mesmo ano. Pero Feijóo recolocouno como senador e, polo tanto, aforado, o que demorou case dous anos o seu xuízo e o trasladou de Zamora ao Tribunal Supremo.
Na súa declaración no Supremo Baltar asegurou que nunca superou os 200 por hora mentres que o seu avogado defensor, Juan Ramón Montero, avogado tamén do PP en casos de corrupción como Gürtel ou Filesa, tentou facer ver supostos intereses espurios dos axentes da Garda Civil, que inicialmente só tramitaron unha sanción administrativa e despois instruíron un atestado por posible responsabilidade penal.
Segundo os axentes, que admitiron o erro, fixérono ante dúbidas iniciais sobre a marxe de erro que podería ter o radar empregado. Finalmente con calquera das posibles marxes de erro a velocidade acadada superaría o límite penal, polo que ampliaron a denuncia. Pero o avogado foi máis alá e chegou a insinuar que un dos axentes implicados logrou un ascenso logo de que transcendese a identificación de Baltar.
Finalmente a Fiscalía decidiu manter a súa petición de pena, de 6 meses de multa a razón de 10 euros diarios, o que supón 1.800 euros, e un ano e un día de privación do permiso de conducir. Iso supón situar a sanción no rango máis baixo do que permitiría a lei, que contempla que estes feitos poidan ser castigados con pena de prisión de 3 a 6 meses, con multa de 6 a 12 meses ou con traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días, ademais da retirada do permiso de conducir de 1 a 4 anos.
Rueda pide esperar á sentenza pero salienta que "a petición do fiscal ten pouco que ver co que se dicía inicialmente"
Á espera de que se coñeza a sentenza este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo o foco precisamente na reducida pena que solicita a Fiscalía. "Imos esperar, pero a petición do fiscal ten pouco que ver co que se dicía inicialmente", valorou o popular.