Feijóo, ao persoal sen intermediarios

Alberto Núñez Feijóo diríxese a Pedro Sánchez no Congreso, este 9 de xullo © PP

"De que prostíbulos viviu vostede?" Alén do tema en concreto, emanado de publicacións ligadas ao ex-comisario Villarejo hai máis dunha década para "matar politicamente" a Sánchez, a acusación do ex-presidente amosa que agora tamén asume o ataque ao flanco persoal e familiar en primeira persoa

Dende a tarde deste pasado mércores, 9 de xullo de 2025, volven emerxer comentarios en redes sociais e faladoiros, artigos de opinión e asimilados a respecto dunha eventual renuncia de Alberto Núñez Feijóo á moderación e ao centro político. Valores ambos que, segundo gran parte deses mesmos foros, o ex-presidente da Xunta reasimilara apenas tres días antes, no congreso do PP que o reelixiu como líder e que diversas cabeceiras presentaron como o seu acelerón final cara a unha inevitable chegada á Moncloa "en solitario" con independencia de que o propio Feijóo clamase por "respecto" para a extrema dereita de Vox.

Desta volta os textos de sorpresa teñen que ver coa irada acusación lanzada polo antigo titular do Goberno galego contra Pedro Sánchez nunha das súas réplicas á comparecencia do presidente do Goberno de España no Congreso sobre o caso Cerdán. "Pero con quen está vivindo vostede? Pero de que prostíbulos viviu vostede? Partícipe a título lucrativo do abominable negocio da prostitución. E agora quere ilegalizar a súa biografía", lanzou antes de repetir os seus proverbiais "alá vostede" e esixir a Sánchez que en ningún caso "se compare comigo".

Feijóo reproduce a través das redes sociais as súas acusacións contra Sánchez

A temática da arremetida non soou estraña para o público dalgúns xornais escorados alén das fronteiras da dereita tradicional. Hai xa ben de anos que estas cabeceiras teiman en ligar a Sánchez coa prostitución. Fixérono, como publicaron elDiario.es e La Vanguardia, a partir do do material obtido pola policía patriótica do Goberno de Rajoy da man do encarcerado ex-comisario Villarejo. Hai unha década tiveran entre os seus cometidos pescudar nos negocios -saunas en Madrid orientadas a homes homosexuais, segundo transcendeu- do pai de Begoña Gómez, esposa do daquela novo líder do PSOE, co obxectivo de tentar "matalo politicamente".

No círculo de confianza que defende e aplaude que Feijóo subise a aposta e a lama contra Sánchez persisten nomes e mentes que hai década e media xa estaban na sala de máquinas do PP galego forzando ao límite todos os resortes contra o Goberno de PSdeG e BNG

Os detalles da cuestión son, posiblemente, o de menos. Trátase de procurar implicar de cheo a Sánchez no escenario de sordidez, cartos escuros e tamén prostitución obviamente alimentado polas pescudas policiais, estas si legais, que sitúan no centro dunha presunta trama corrupta a quen foron os seus homes de confianza no PSOE, Ábalos e Cerdán. E para iso Feijóo recorre a unha vía que non é nova no seu currículo político, o ataque ao flanco persoal e familiar. Aínda que cunha diferenza relevante a respecto do acontecido lustros atrás en Galicia: agora faino tamén sen intermediarios, no campo aberto da batalla final polo poder en Madrid, e non só encomendándolle esta misión a subordinados orgánicos como Miguel Tellado.

Diversas crónicas e reaccións públicas indican que no círculo máis cercano do ex-presidente choveron os aplausos pola súa dura intervención contra Sánchez. Tamén as xustificacións. Subiu a aposta e a lama porque, defenden, antes o presidente do Goberno de España lle espetara que "o único que mantivo unha relación estreita cun delincuente condenado foi vostede", en referencia á súa amizade con Marcial Dorado, primeiro contrabandista de tabaco e despois sentenciado en firme en causas por narcotráfico

Aznar, Feijóo, Ayuso e Rajoy, no congreso do PP a pasada fin de semana © PP

Nese círculo de confianza persisten algúns dos nomes e mentes que, por exemplo, entre finais de 2008 e comezos de 2009 estaban na sala de máquinas do PP galego forzando ao límite todos os resortes para tentar desbancar da Xunta ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG, o cal acabaron logrando. Entre eses resortes estaba tamén o ataque persoal, pero en poucas ocasións verbalizado directamente por Feijóo, que como moito empregaba algúns dos mitins máis apaixonados para cuestionar que o socialista Emilio Pérez Touriño puidese ser considerado presidente da Xunta cando levaba tres anos e medio séndoo.

Falsas acusacións de violencia machista contra Anxo Quintana

A vida persoal máis exposta naquel tempo fora a de quen era vicepresidente e líder do BNG, Anxo Quintana, albo de falsas acusacións de violencia machista en declaracións de dirixentes do PP e en mensaxes anónimas aos medios de comunicación

A vida persoal máis exposta naquel tempo foi a de quen era vicepresidente e líder do BNG, Anxo Quintana, quen tiña entre as súas responsabilidades da Xunta o departamento de Igualdade e a loita contra a violencia de xénero. En vésperas das eleccións de 2009, o aínda presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, insinuara insinuara nun mitin en Punxín que Quintana exercera a violencia machista no marco de "serios problemas de convivencia" coa súa parella. Ambos levaran a Baltar aos tribunais, que o exoneraran.

En paralelo, múltiples medios de comunicación recibiran un correo de remitente descoñecido con fotografías de estragos nun portón de acceso a un garaxe. A mensaxe viña dicir, sen proba ningunha, que se trataba de desperfectos causados polo coche oficial de Quintana na súa noutrora vivenda familiar, a modo de agresión contra a súa ex-parella e nai dos seus fillos. 

Feijóo, Rueda e outros cargos do PP, celebrando a súa vitoria electoral 1 de marzo de 2009 © PPdeG

As mesmas fotografías circularan a través de mensaxes SMS mentres, daquela e despois, o PP sempre negou estar por tras delas. Igual que se desligou, por exemplo, da difusión da noticia dun falso accidente de coche do líder nacionalista. 

Ao tempo, dirixentes como Baltar ou o daquela secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda, deitaban insinuacións sobre corruptelas ou mesturas de intereses públicos e privados de Touriño, Quintana ou outros membros do Goberno ao que procuraban derrubar. Como agora, afirmacións demostradas como mentiras ían acompañadas doutras que eran verdade, con ou sen contexto rigoroso -por exemplo, a fotografía de Quintana no barco dun empresario, tomada anos antes e difundida tamén naquela campaña.

Escasos meses despois, xa como presidente da Xunta, Feijóo foi consagrado de vez en múltiples análises como paradigma de dirixente moderado do PP. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.