A Xunta reacciona ao Informe PISA: novo currículo en primaria e materia obrigatoria de lectura en secundaria

Actividade nun colexio de educación primaria en Galicia CC-BY-SA Xunta

A Xunta reacciona aos malos resultados que Galicia obtivo no último informe PISA publicado o pasado 8 de setembro. No medio dun contexto global de empeoramento, o alumnado galego acadou os seus peores resultados en ciencias e matemáticas pero, sobre todo, en comprensión lectora, onde o descenso nas notas equivale a un retroceso de curso e medio con respecto ao ano 2022. 

A Xunta porá en marcha entre este curso e o vindeiro o 'Marco galego de impulso educativo' para "recuperar os niveis anteriores ao último informe PISA"

Dúas semanas despois, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a posta en marcha "entre este curso e o vindeiro" do Marco galego de impulso educativo, que ten como un dos seus principais obxectivos a mellora da comprensión lectora do alumnado. Entre as medidas inclúese a modificación do currículo da educación primaria para que a lectura "sexa transversal" e a comprensión lectora "se traballe en todas as materias" e non só nas dedicadas especificamente á lingua. Ademais, nos dous primeiros cursos de secundaria haberá unha nova materia obrigatoria, Lectura e Comprensión, que incidirá na análise de textos. 

Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras o Consello da Xunta do 21 de setembro de 2026 CC-BY-SA Xunta

Así o explicou Rueda, que adiantou tamén a instauración do programa de reforzo Avance Lectura para lograr mellorar a comprensión de textos en 3º e 4º de primaria, unha iniciativa que será aplicada naqueles centros onde o alumnado teña máis necesidade de mellora. 

O currículo de primaria mudará para que a comprensión lectora sexa "transversal"; 1º e 2º da ESO terán nova materia obrigatoria: 'Lectura e Comprensión'

Será un programa semellante ao Avanza Matemáticas, co obxectivo de fixar conceptos básicos, mellorar o razoamento matemático ou a capacidade de cálculo tamén naqueles centros onde a administración considere que o alumnado precisa de reforzo. Ademais, o profesorado recibirá "formación específica" para levar a cabo tanto este plan como o que ten que ver coa comprensión lectora. 

Precisamente, Rueda avanzou o aumento do "apoio aos docentes" coa creación dunha oficina de atención ao profesorado, "asesoramento integral" que entrará en funcionamento en vindeiras datas. Tamén haberá "reforzo do acompañamento aos profesores en prácticas". 

Haberá programas de reforzo a alumnado, máis formación e apoio para o profesorado e un proxecto piloto de aulas de acollida para quen chegue co curso iniciado

Todas as medidas, asegurou o presidente da Xunta, teñen como obxectivo "seguir garantindo a igualdade de oportunidades" no sistema educativo galego que, destacou, "xa é un dos máis inclusivos". Para logralo, impulsarase tamén un plan de intervención temperá ante as dificultades de aprendizaxe nos primeiros cursos de primaria e un "proxecto piloto" de aulas de acollida na ESO. 

Estas aulas, que se instaurarán de maneira xeral se a iniciativa funciona, servirán para axudar á rapazada que chega co curso xa empezado, "por varias razóns aínda que o máis común é que se destine a alumado estranxeiro", co obxectivo de ofrecerlle "un reforzo do nivel lingüístico e noutras materias"

"Rede de centros de boas prácticas"

Por outra banda, o xefe do Executivo galego anunciou que a nova lei de educación dixital será "a clave" para afrontar "os retos de novas tecnoloxías como a IA", para a que haberá formación aos docentes. 

Por último, avanzou "plans específicos en cada centro" e a creación dunha "rede de centros de boas prácticas que sirvan de modelo para outros", así como a creación de "olimpíadas de primaria para estimular alumnos mediante retos e desafíos". 

O obxectivo de todas as medias, resumiu Rueda, é "reforzar o apoio educativo", centrándose no alumnado que máis o precise para "recuperar os niveis anteriores ao último informe PISA". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.