Necesita mellorar. O Informe PISA 2025 alerta de que o sistema educativo en Galicia ten eivas na integración e na equidade do alumnado migrante. Os resultados da avaliación das competencias da rapazada de 15 anos escolarizada nos países da OCDE dá algunhas de cal e outras de area ao ensino galego. Mentres constata uns malos resultados xerais dos coñecementos en matemáticas, ciencias e comprensión lectora, dentro dun contexto global de retroceso, destaca os centros públicos do país como os que mellor nivel teñen en comparanza cos privados e concertados. Pero tamén pon deberes á Xunta á hora de reducir ou liquidar as desvantaxes que afronta o estudantado chegado de fóra.
O peso do alumnado estranxeiro medrou moito nos últimos anos en Galicia ao medrar o seu número un 130%; agora supón máis do 10% do estudantado
En tan só cinco anos, o número de alumnos e alumnas de orixe migrante en Galicia incrementouse nun 130%, ao pasar dos 14.000 que había no curso 2020/21 a superar os 32.000, máis do dobre, do curso pasado. O peso do estudantado estranxeiro medrou de xeito exponencial: hai un lustro representaba o 4% do total e agora chega ao 11%, máis de un de cada dez cativos e cativas das aulas galegas, segundo os datos máis recentes dos que dispón a Consellería de Educación.
O informe PISA destaca que a diversidade nas aulas non supón en problema, pero si implica retos que afrontar tanto para o alumnado como para o sistemas educativo, xa que "a condición de migrante adoita coincidir con outros factores de vulnerabilidade, particularmente a desvantaxe socioeconómica", e implica en moitos casos dificultades na aprendizaxe ou na integración ao ter que "desenvolverse nunha lingua de instrución distinta á que utiliza no ámbito familiar".
Así, a puntuación media da rapazada de orixe migrante en Galicia sitúase máis de 55 puntos por baixo da da nativa no global das tres probas de avaliación do informe: ciencias, matemáticas e lectura. Equivale, segundo as estimacións de PISA, a ir máis de dous cursos e medio por tras, unha diferenza 15 puntos maior á que se da de media en España (40) onde a fenda é similar á que se observa no conxunto da OCDE, organismo internacional que organiza as probas, e algo mellor á que hai na UE (48).
A rapazada de orixe migrante vai case tres cursos por tras da nativa en Galicia segundo o informe PISA, unha diferenza que só se reduce a dous descontando o nivel socioeconómico
A análise da relación entre condición de migrante e rendemento en PISA constitúe "unha ferramenta fundamental para avaliar ata que punto os sistemas educativos logran compensar as desigualdades de orixe e garantir a igualdade de oportunidades", explica o informe. E aí suspende claramente Galicia, onde o alumnado migrante representa o 13,3% do estudantado de 15 anos, fronte ao entre o 16% e o 17% da UE e da OCDE e ao 20,3% de España, onde varias comunidades teñen unha proporción aínda maior.
O caso é que en ciencias, as maiores diferenzas de rendemento entre o alumnado nativo e migrante rexístranse en La Rioja (70 puntos a favor do primeiro) e Galicia (60), superando ambas amplamente o valor medio de España (43). Algo semellante ocorre coas matemáticas, con La Rioja e Galicia tamén como as comunidades con maior fenda (71 e 59 puntos respectivamente), lonxe dos 45 do Estado. En comprensión lectora, os malos datos das aulas galegas (48) só son superados por La Rioja (61) e Murcia (54), fronte a unha media estatal que queda en 35. En todos os casos, as Illas Canarias aparecen como a comunidade con menor brecha por orixe.
Peores resultados entre migrantes
Porque na maioría dos sistemas educativos participantes en PISA, o alumnado nativo obtén mellores resultados que o alumnado de orixe migrante. No entanto, se temos en conta o nivel socioeconómico e cultural das familias e se corrixe o seu efecto para igualar as condicións do estudantado, o panorama adoita "mudar substancialmente", aínda que non o fai demasiado en Galicia, que volve saír moi mal parada.
Para analizar esta circunstancia, PISA estima o efecto do ISEC (Índice Social, Económico e Cultural) sobre os resultados académicos, un índice que ten en conta o nivel educativo e a ocupación dos pais e os recursos do fogar. Así que descontamos este efecto, a diferenza media de rendemento medio en ciencias —único ámbito analizado neste caso polo informe— entre alumnado nativo e migrante redúcese ata os 27 puntos na OCDE, os 25 na UE e os 21 en España, case á metade.
Galicia, aínda logo deste axuste, mantén unha fenda de 44 puntos en favor do alumnado nativo, só superada por La Rioja e seguida de Murcia, Andalucía, Aragón, Balears e Extremadura, con diferenzas próximas aos 30 puntos. Por outra banda, as menores diferenzas danse en Navarra (4 puntos), Melilla (6) ou Madrid (9), mentres que a media estatal queda en 21.
Corrixindo o impacto das condicións socioeconómicas, Galicia é a segunda comunidade cunha maior fenda entre alumnado migrante e nativo
En comprensión lectora, a fenda en Galicia segue a ser das máis grandes tamén descontando o nivel socioeconómico, tal e como indican os datos obtidos pola investigación realizada por Save the Children e ESADE a partir dos microdatos do informe PISA. Queda en case 33 puntos en favor do alumnado nativo, só superada polos 37 puntos de La Rioja e lonxe da media estatal, que baixa aos 15.
Son, de media nestas dúas competencias, case dous cursos por tras para o alumnado migrante. Ademais, se comparamos a diferenza na puntuación en lectura entre o estudantado de orixe nativa e o de orixe foránea con respecto a 2022, descontando tamén o nivel socioeconómico, Galicia perde outros seis puntos respecto a tres anos antes.
PISA é moi claro ao respecto ao advertir que en Galicia, xunto con La Rioja e Murcia, "persisten diferenzas relativamente elevadas mesmo despois do axuste, o que indica que seguen intervindo outros factores relacionados cos procesos de integración educativa, as características da poboación migrante escolarizada ou os padróns de segregación escolar".
Os resultados amosan, segundo o informe, que "aínda que o contexto socioeconómico explica unha parte moi importante das desigualdades de rendemento entre alumnado nativo e migrante, non constitúe a única explicación das fendas observadas e pon de manifesto a necesidade de políticas educativas que combinen medidas de compensación socioeconómica con estratexias específicas de inclusión e integración do alumnado de orixe migrante".
Preguntada polas medidas para mellorar esta integración, a Consellería de Educación destaca que no curso 2024/25 púxose en marcha o Programa de acollida ao alumnado estranxeiro dentro do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.
PISA advirte a Galicia da "necesidade de políticas educativas que combinen medidas de compensación socioeconómica con estratexias específicas de inclusión e integración do alumnado migrante"
Este programa inclúe medidas educativas e sociais "para facilitar a integración destes estudantes, con especial atención á adquisición das linguas, de tal forma que se poden establecer grupos de adquisición de linguas para estudantes que, procedendo do estranxeiro, descoñezan as dúas linguas oficiais de Galicia".
Ademais, o plan establece que é o Departamento de Orientación o que fai a avaliación inicial tanto a nivel curricular como socioemocional do alumno para "propor as medidas educativas de atención pertinentes". A partir de aí "asígnase o alumnado a un grupo de aula do nivel que corresponda e infórmase ao equipo docente".
Grupos de adaptación
Ademais, explica a Consellería, prepárase "unha presentación para axudar na transición de incorporación ao centro e propiciar o benestar emocional e establécese unha persoa de referencia no centro para o acompañamento de cada alumno, ben sexa o propio titor ou o coordinador de benestar e convivencia".
Alén disto, a Xunta tamén conta con grupos de adaptación da competencia curricular "para os alumnos que presenten un desfasamento curricular de dous ou máis cursos nas materias de Lingua (castelá e galega) e de Matemáticas", así como a posibilidade de escolarización nun curso inferior ao que lle corresponde por idade, entre outras medidas xerais de reforzo ou contra o abandono que se centran tamén moito na poboación migrante.