Forte caída do nivel educativo en Galicia: curso e medio cara atrás en comprensión lectora

Alumna galega nun colexio e gráfico sobre o Informe PISA 2025 CC-BY-SA Imaxe: Xunta / Gráfico: Praza.gal

Unha caída xeral do nivel educativo, pero moi preocupante en toda España e tamén en Galicia. A última versión do Informe PISA revela unha alarmante baixada nas competencias do alumnado no Estado, nun descenso que afecta tamén as aulas galegas, con caídas que supoñen un retroceso de todo un ano escolar en matemáticas e ciencias e máis de curso e medio na súa capacidade para ler e entender un texto. 

A rapazada de entre 15 e 16 anos que realizou as probas en 2025 en Galicia amosa un nivel competencial en matemáticas e ciencias 20 puntos menor que o amosado nas de 2022, un descenso que aínda é maior en lectura, ao caer en máis de 30. Todo nun contexto global de "baixada continuada" nos resultados das probas e da que xa alerta a OCDE. 

O alumnado galego, que no anterior informe xa amosara unha caída nas competencias en matemáticas e en lectura pero que mantiña o nivel en ciencias —situando Galicia como a mellor comunidade— amosa agora un preocupante descenso no nivel educativo nestes tres ámbitos. 

A caída nas competencias en matemáticas e ciencias do alumnado galego é de 20 puntos; o descenso en lectura é de máis de 30

Os 486 puntos obtidos polo estudantado galego examinado en 2025 de competencias científicas supoñen un descenso de 20 con respecto a tres anos atrás, aínda que aínda por riba tanto da media estatal (477), da da UE (481) e da da OCDE (482), ámbitos todos nos que houbo tamén baixadas importantes. 

No entanto, o alumnado galego, que lideraba en ciencias no Estado, pasa agora a ser superado polo da Comunidad de Madrid (495), Castilla y León (493), Asturias (492) e Cantabria (490), as catro comunidades que lideran o ránking. 

Pola súa banda, en matemáticas Galicia rexistrara 486 puntos en 2022 e baixa agora a 466 puntos, un punto por riba da media da OCDE pero superada tamén de novo polas mesmas comunidades que nas competencias científicas. 

A OCDE considera que unha caída de 20 puntos equivale á perda dun curso académico

En canto á comprensión lectora, o alumnado galego sofre tamén un importante retroceso neste Informe PISA ao pasar dos 485 puntos que obtivera en 2022 aos 454, só tres por riba da media estatal e ben por baixo da media da OCDE e da UE. 

O descenso na puntuación das competencias en lectura é de 31 puntos, unha enorme caída tendo en conta que no Informe PISA 20 puntos equivalen a un curso académico, tal e como se adoita sinalar de xeito estandarizado. Tendo en conta esta convención estatística que emprega a OCDE, o alumnado galego tería perdido un curso no que ten que ver coas súas competencias en ciencia e matemáticas e curso e medio en compresión lectora. 

Segundo o informe PISA 2025, os alumnos e alumnas están a experimentar "problemas con textos de máis de 400 palabras", afirmou o analista da OCDE e responsable da coordinación do estudo, Tue Halgreen, que non apunta as pantallas como a causa directa desta importante eiva, pero si como un dos factores que inflúen nela. 

Caída histórica en España

No conxunto do Estado, os resultados amosan unha situación crítica e moi preocupante tamén do sistema educativo, ao obter España o peor resultado da historia e sufrir a caída máis acusada. Un descenso que é global ao empeorar os datos en todo o mundo, pero que é moi importante no territorio español: 23 puntos menos en comprensión lectora, 16 menos en Matemáticas e oito menos en Ciencias. 

O informe PISA (Programme for International Student Assessment) é o resultado de probas de avaliación do funcionamento e competencias adquiridas polo alumnado dos sistemas educativos dos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Realízase cada varios anos desde o ano 2000 e ata o feito público este martes, correspondente a probas realizadas na primavera do ano 2025, os dous anteriores eran os de 2022 e 2018. 

Forte caída en Comunitat Valenciana e Euskadi

Os descensos experimentados en todas as comunidades autónomas son especialmente importantes na Comunitat Valenciana e en Euskadi, con caídas de 56 e 47 puntos respectivamente en lectura, de 38 e 22 en matemáticas e de 33 e 21 en ciencias. 

Por outra banda, os resultados de Catalunya non son comparables xa que foron excluídas das probas PISA máis do 23% dos alumnos e alumnas, aqueles con necesidades específicas, e que terían obtido as notas máis baixas. 

A Xunta culpa dos malos resultados do Informe PISA ao "modelo educativo socialista"

As reaccións non tardaron en chegar e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, culpou dos malos resultados galegos do Informe PISA ao "modelo educativo socialista". Segundo dixo, as malas puntuacións son "derivadas da aplicación no conxunto do sistema española da lexislación socilalista". 

"A primeira lectura política é que PISA suspende o modelo educativo socialista", insistiu Rodríguez, que presumiu, no entanto, da "posición de privilexio no conxunto de España" que ten Galicia "en comparación con outras comunidades". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.