BNG e PSdeG propoñen senllos plans para paliar a "deterioración" do ensino público en Galicia

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, na presentación dos plans para o ensino CC-BY-NC-SA BNG / PSdeG

BNG e PSdeG aproveitaron o inicio da semana na que dá comezo o curso escolar para presentar senllos plans de choque contra a "deterioración" da educación pública en Galicia e para denunciar a falta de profesorado, as ratios elevadas ou os recortes no investimento que denuncia tamén boa parte do profesorado. 

Bloque e PSdeG coinciden en denunciar a "deterioración" do ensino público en Galicia e sinalan a Xunta pola falta de profesorado ou polos recortes

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este luns o Plan Máis Ensino Público para "abaratar ás familias a volta ao colexio e mellorar a calidade dun sistema educativo público que o goberno do PP “está deteriorando”. 

No plan presentado este luns o Bloque inclúe medidas como a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a universalización do servizo de comedores ou a aposta por "incrementar o investimento educativo até acadar o 4% do PIB nesta lexislatura". 

Ana Pontón, no CEIP Bergantiños de Carballo CC-BY-NC-SA BNG

Entre as iniciativas, o plan prevé tamén incrementar o número de profesores e profesoras, reducir as ratios nas aulas, eliminar burocratización nos centros e implementar programas específicos de apoio para os nenos e nenas con Necesidades Especiais de Apoio (NEAE).  

O 'Plan Máis Ensino Público' do BNG prevé recuperar a gratuidade dos libros de texto, universalizar os comedores, aumentar o número de docentes ou reducir as ratios

Así o explicou Pontón desde Carballo, onde mantivo xunto ao alcalde, Daniel Pérez, unha reunión coa dirección e a ANPA do CEIP Bergantiños, un centro con preto de 550 nenos e nenas ao que a Xunta, segundo denuncia, recortou os recursos para atender ao alumnado con necesidades especiais e no que 37 familias quedaron sen praza de comedor, "problemas nos que exemplifica a situación que está a vivir o ensino público en todo o país".

Pontón denunciou os problemas concretos deste centro de Carballo aclarando que se repiten por toda Galicia e sobre unha "realidade que mostra os problemas do sistema educativo galego" e dos que neste inicio de curso Pontón destacou de maneira especial dous: por unha banda, o "impacto económico" sobre as familias e, por outra, a "deterioración da educación pública" por parte da Xunta. 

Pontón denuncia que as familias enfrontan unha volta ao colexio que supón un gasto moi importante nas súas economías —uns 500 euros de media por neno ou nena—, nun mes ao que xa chegan cunha suba de prezos nos alimentos, nos carburantes, na luz ou na vivenda.  

"A Xunta engorda o ensino privado"

Mentres isto ocorre, reprocha a líder do BNG, “a Xunta o que fai é engordar o ensino privado”, con 367 millóns que “van á privada e que non se destinan á pública, a pesar de que hai nenos e nenas con necesidades educativas especiais sen atender ou sen comedor e de que hai problemas importantes que se poderían abordar con estes recursos”

Por outra banda, desde o PSdeG, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este luns un "Plan de Choque para a educación galega" que os socialistas rexistraron no Parlamento. A iniciativa, segundo explican, mobilizaría 50 millóns de euros, o 1,6% do orzamento da Consellería de Educación, que este ano supera os 3.000 millóns. 

Aula dun centro de ensino © Igaxes

Desa cantidade, 35 millóns servirían para incorporar 650 profesionais ás aulas galegas: 300 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, 150 en Audición e Linguaxe e 200 orientadores e orientadoras. "Non son horas reordenadas nin prazas que xa existían con outro nome. Son 650 profesionais que hoxe non están nas aulas e que estarían, con praza estrutural e a xornada completa", aclarou o líder socialista. 

O plan de choque do PSdeG prevé mobilizar 50 millóns: 35 para incorporar 650 profesionais e 15 para un plan urxente de infraestruturas

Así, Besteiro puxo o foco nos e nas orientadoras advertindo que "en Galicia non existe ningunha ratio, ningunha". "Un instituto pode ter 300 alumnos ou 1.300 e a norma di exactamente o mesmo, que é nada", engadiu tras lembrar que a Unesco fixa como referencia unha orientadora por cada 250 alumnos, o mesmo número que reclaman as propias orientadoras galegas e que o PSdeG recolle no seu plan como obxectivo. "Hoxe hai centros con máis de mil alumnos e unha soa orientadora. Iso todos sabemos que non é orientación, é simplemente un cartel colgado na porta dun despacho", dixo. 

"Os docentes chegan ao inicio de curso dicindo que as contas da Consellería non se corresponden con máis profesores reais nas aulas, e as familias levan meses dicindo exactamente o mesmo: consolidar prazas non é crear prazas novas", denunciou o tamén portavoz socialista no Parlamento. 

Inventario público do estado dos centros

Ademais, e respecto dos outros 15 millóns, Besteiro indicou que deberían dedicarse a un plan urxente de infraestruturas. Necesario porque, segundo dixo, nas obras deste verán repartíronse 86,7 millóns anunciados en 364 centros dos que a maior parte se concentra en 61 grandes actuacións, de xeito que aos 303 centros restantes lles quedan uns 23.400 euros de media, "que dá para arranxar un canlón ou cambiar unhas ventás". "Iso é mantemento, non modernización", resumiu.

Alén desta partida, Besteiro exixiu un inventario público do estado de cada centro, cos criterios de prioridade, o custo de cada obra e o ano no que se vai facer. "Iso é planificar. O que hai agora é un calendario de anuncios", insistiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.