Segunda orde de "neutralidade ideolóxica" nas aulas: máis inspeccións e límites a charlas e visitas

O presidente da Xunta e o conselleiro de Educación, a principios de xuño nunha visita ao IES Aquis Celenis de Caldas polo remate das súas reformas CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Educación inclúe nas instrucións para o curso 26-27 un endurecemento dos controis sobre as "actividades complementarias" e limita a "unha por trimestre" as que non estean incluídas na programación anual, sobre as que mantén o control previo da Inspección

O curso académico que vén de rematar foi o primeiro no que rexeu a orde de "neutralidade ideolóxica" co que a Xunta dixo querer garantir que o profesorado transmita "os valores constitucionais", informe "obxectivamente e de maneira imparcial sobre o pluralismo social" e promova "o pensamento crítico e o respecto ás liberdades individuais". Fíxoo apoiándose nun artigo da lei educativa estatal de 1985 que, á súa vez, sinala ese concepto remitíndose ao punto do artigo da Constitución sobre o dereito á educación que trata a formación relixiosa e moral.

A aplicación práctica desa orde traduciuse nun incremento do control sobre as chamadas "actividades complementarias" nos centros educativos -"visitas didácticas ou charlas", concretara o conselleiro, Román Rodríguez- que xa se aplicou entre críticas políticas, sindicais e de persoal docente. Tras a primeira experiencia no curso 25-26, o Goberno galego disponse a aplicar a orde aínda con máis rixidez no 26-27, para o que na véspera de San Xoán vén de facer ditar máis inspeccións e límites a estas mesmas actividades.

Panel elaborado por alumnado dun instituto galego durante unha actividade complementaria © epdlab

Como hai un ano, a concreción desa "neutralidade ideolóxica" chega coa orde na que a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa dita instrucións para organizar o próximo curso. Tras a mesma referencia legal e constitucional, Educación volve obrigar a incluír "todas as actividades complementarias" na programación xeral anual de cada colexio e instituto e sinala como "moi excepcional" a posibilidade de "realizar actividades complementarias sobrevidas", "sempre e cando sexan aprobadas polo equipo directivo e se dea conta delas ao consello escolar e á Inspección educativa". Pero vai máis alá.

Mentres que para o curso 25-26 a Consellería instaba xenericamente a "garantir unha programación e distribución racional das actividades complementarias ao longo do curso, que non interfiran co desenvolvemento habitual das clases, evitando a concentración excesiva en determinados períodos, grupos ou cursos", desta volta fixa novos límites, mesmo numéricos. E, ao tempo, impón novos controis.

Así, por exemplo, obriga a "evitar" a "concentración" destas accións "en determinados períodos" ou "a participación reiterada dos mesmos grupos ou de determinados niveis educativos". Esixe ademais que "charlas, obradoiros ou intervencións puntuais" se organicen "coa menor alteración posible do horario lectivo habitual" e que "non se programe máis dunha por semana para o mesmo grupo".

O Correlingua -na imaxe, unha pasada edición na Coruña- encaixa no 'retrato robot' de actividade complementaria organizada por entidades externas aos centros en colaboración cos concellos © Concello da Coruña

No caso das actividades que impliquen saír do centro non deben "superar, con carácter xeral, tres saídas por grupo por trimestre" e, no caso das chamadas "actividades sobrevidas", queda prohibido que sexan "máis dunha por trimestre", segundo fixa en dous puntos diferentes da orde. "A Inspección -advirte a orde- velará pola adecuación pedagóxica e organizativa destas actividades complementarias".

A norma mesmo activa prevencións sobre a participación en "actividades sobrevidas organizadas por concellos, deputacións e outras entidades" e advirte de que "non procederá a participación" se considera que non teñen "xustificación educativa suficiente"

Tras esa mención á Inspección, a orde da Consellería indica que colexios e institutos públicos "poderán colaborar, de xeito habitual ou de xeito puntual, con diversas entidades, tanto públicas como privadas", sempre que "respecten os principios educativos, éticos e legais establecidos". "As colaboracións deben ser transparentes, obxectivas e orientadas ao beneficio educativo do alumnado e vencelladas ao desenvolvemento curricular", di.

Neste contexto, a Xunta mesmo activa prevencións explícitas sobre a participación en "actividades sobrevidas organizadas por concellos, deputacións e/ou outras entidades externas". "Sempre deberá responder a criterios de pertinencia pedagóxica e estar vinculada ao currículo e á programación didáctica das áreas, ámbitos ou materias cursados polo alumnado participante", polo que "non procederá a participación en actividades que carezan dunha xustificación educativa suficiente", advirten.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.