A antiga área sanitaria da Mariña, incluída dende a reforma de 2018 na de Lugo -que pasou dende aquela a abranguer toda a provincia-, vén sendo un dos epicentros das protestas polo funcionamento da sanidade pública. Polo que sindicatos e veciñanza consideran carencia de servizos no seu hospital comarcal, o de Burela, pero tamén por unha falta de persoal en Atención Primaria que, como noutros puntos do país, os centros de saúde sofren máis no verán pola combinación de vacacións de profesionais e a chegada de veraneantes.
Con este pano de fondo, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, pero tamén a Xunta de Persoal do hospital, forzas políticas e outras entidades veñen redobrando unhas mobilizacións. A xerencia da área sanitaria vén de responder coa instauración dun sistema de censura previa na colocación de cartelaría nos centros de saúde.

Despois de que, durante o mes de xuño, nalgúns destes centros o propio persoal colocase comunicacións informando da carencia de persoal durante o verán e mentres proliferan protestas como as organizadadas baixo o lema Resurrección da nosa sanidade -aproveitando o eco que na comarca ten o viveirense Resurrection Fest-, o xerente da área, Ramón Ares, remitiu unha circular para advertir de que "toda información que se pretenda difundir deberá requirir" a súa "autorización en canto aos termos de forma e fondo".
O xerente da área sanitaria de Lugo remite unha circular aos centros de saúde para advertir de que "toda información que se pretenda difundir deberá requirir" a súa "autorización" e ordenar "retirar todos aqueles carteis que non se axusten" ás súas indicacións
Ese documento remitido aos centros, datado no día 30 de xuño e ao que tivo acceso Praza.gal, advirte de que "carteis e anuncios" deben "seguir as normas e protocolos do Sergas" e por iso, "no caso de que por parte dos profesionais" se "estime conveniente difundir información aos usuarios" con "carteis ou outras notas e anuncios", terán que remitilos antes por correo electrónico á Xerencia. Terán, especifica, que "indicar a información que se pretenda trasladar", o "lugar de colocación" e a súa "vixencia".
Tras esa comunicación, sinala Ares, "os órganos competentes da Xerencia resolverán sobre a procedencia, contido e forma da referida información, dando as indicacións oportunas ao respecto". A primeira indicación, en calquera caso, xa está ditada no propio documento: "Deberán retirar todos aqueles carteis ou anuncios que constan nas dependencias dese centro de saúde que non se axusten" a estas normas ou "non fosen emitidos" polo Sergas.

Precedentes no Sergas con Feijóo e en Educación con Fraga
Fontes sanitarias relacionan este movemento coas protestas das últimas semanas e, concretamente, con advertencias explícitas sobre a falta de persoal médico no verán como as divulgadas mediante carteis por persoal de centros de saúde coma os do concello de Cervo. Non se trata, en calquera caso, dunha práctica nova por parte do Sergas, que xa en anos previos tentou frear a colocación de mensaxes contrarias á política sanitaria do Goberno do PP non só nunha área sanitaria, senón en toda Galicia.
Sanidade xa emitira unha prohibición semellante para toda Galicia en pleno conflito polo peche do paridoiro de Verín en 2020. En 2003, o gabinete de Fraga tentara frear pola mesma vía as protestas nos centros de ensino polo Prestige e a guerra de Iraq
Así sucedeu, por exemplo, a comezos de 2020. Nuns meses marcados pola importante mobilización que conseguiu reverter a decisión de pechar a sala de partos e as urxencias pediátricas no hospital de Verín, a xerencia do Servizo Galego de Saúde emitira unha circular na que, entre outros aspectos, prohibira a colocación de anuncios ou carteis que non estivesen expresamente autorizados pola "dirección de cada centro", ás que facultou para retirar calquera anunciou ou cartaz "polo contido" ou por estar situado nun local que non considerasen apropiado.
Estas normas tiñan, ao tempo, innegables semellanzas coas ditadas polo Goberno de Fraga, no seu caso para o ámbito educativo, en plena crise política pola xestión da catástrofe do Prestige e pola participación española na invasión de Iraq. Daquela, no ano 2003, a Xunta instara as direccións de centros de ensino de toda Galicia a retirar carteis "propagandísticos, publicitarios ou referidos a declaracións ou manifestacións de coñecemento, xuízo ou vontade sobre cuestións alleas" ao ensino por seren "claramente ilegais".
Paralelamente, tamén é posible atopar similitudes entre as directrices marcadas pola área sanitaria de Lugo os ditados da Consellería de Educación para a organización de actividades complementarias no curso 25-26. Segundo a orde xa oficializada, colexios e institutos deben comunicar antes do período escolar todas as actividades previstas e, as que poidan ser "sobrevindas", só poderán celebrarse con previo control da Inspección. Todo, defende o departamento, para velar pola "neutralidade ideolóxica" nas aulas.