Nova Escola Galega denuncia que a decisión da Xunta supón "a aplicación de censura e control ideolóxico"
A Consellería de Educación denegou a petición de homologación para o XXXVI Encontro galego-portugués de Educadoras/es pola paz. Palestina e máis alá. Educar na vida en tempos de xenocidio, unha actividade de formación do profesorado que Nova Escola Galega leva catro décadas organizando e cuxa celebración está prevista para os días, 24, 25 e 26 de abril en Nigrán.
O Goberno galego alega que a actividade incumpre o principio de neutralidade ideolóxica que se aplica dende o pasado mes de xuño. Ademais, o informe técnico-xurídico emitido pola Consellaría sinala que a proposta formativa "non é susceptible de homologación nos termos propostos" xa que non cumpre "coas condicións de carácter extraordinario esixidas no artigo 20 da dita normativa" e que "a temática non está aliñada coas liñas estratéxicas do Plan de Formación do Profesorado", segundo referiu o departamento a Praza.gal.
Ante a denegación da homologación, Nova Escola Galega presentou un recurso, aínda pendente de resposta. A entidade denuncia que a decisión da Xunta supón "a aplicación de censura e control ideolóxico" e sinala que se trata dunha "circunstancia inédita para nós", que considera "moi grave".
"Parece que cando se toca Palestina e a realidade do xenocidio acéndense as alarmas da administración educativa e convén empregar calquera estratexia de cancelación ou disuasión para que o profesorado evite implicarse", di Nova Escola Galega
Nova Escola Galega denuncia que se está estendendo ás actividades de formación permanente do profesorado promovidas por entidades "a aplicación dun principio contido nunha normativa que non resulta de aplicación neste ámbito". Unhas instrucións que están "sendo empregadas como mecanismo de control, neste caso para censurar actividades pedagóxicas que non son do agrado da Consellería". A entidade alerta de que se está "restrinxindo a autonomía do profesorado e a súa liberdade académica á hora de decidir sobre como quere orientar a súa propia actualización docente".
"Parece que cando se toca Palestina e a realidade do xenocidio - recoñecido polas instancias internacionais máis autorizadas na defensa dos dereitos humamos - acéndense as alarmas da administración educativa e convén empregar calquera estratexia de cancelación ou disuasión para que o profesorado evite implicarse", di Nova Escola Galega.
"A neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade, implica optar por un perigoso relativismo moral", alerta NEG
Cando estas instrucións foron publicadas o pasado mes de xuño, Nova Escola Galega publicou un comunicado que denunciaba "a neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade nunha sociedade que reclama respostas educativas a problemas como as distintas formas de violencia"
"A neutralidade entendida como evitación, equidistancia ideolóxica, omisión na abordaxe da complexidade, implica optar por un perigoso relativismo moral, salvaguardando un presunto dereito á ignoracia, que coloca a institución educativa como cómplice da involución social por incompetencia ou desasistencia", engadía.
Sindicatos, anpas e outras entidades tamén denunciaron no seu momento a aplicación do principio de neutralidade ideolóxica neste sentido.
Este mércores CIG-Ensino publicou xa un comunicado de denuncia da decisión da Consellaría de Educación, sinalando que se trata "dunha mostra máis da censura ideolóxica que quere aplicar o goberno galego ao ensino público". O sindicato lembra que, fronte a estas restricións a unha xornada sobre o xenocidio en Palestina, "mantén nos seus postos ao subdirector xeral da Inspección e Avaliación Educativa que tachou de clase ociosa ao profesorado e publicou artigos de ideoloxía ultra e ao director territorial da Coruña que fixo comentarios machistas e franquistas". "A Consellaría demostra así, unha vez máis, que nas aulas galegas só entra a ideoloxía que os seus cargos políticos queren", engade.
As xornadas tentan analizar e facer fronte a "unha cultura global cada vez máis investida na violencia cultural e estrutural", na que "o cerco a Palestina" é "o exemplo máis visible e cruento"
Nova Escola Galega, movemento de renovación pedagóxica, leva organizando os Encontros da Paz dende 1986 (precisamente nesta edición vaise celebrar o 40 aniversario no mesmo lugar no que levou a cabo a primeira) e nunca atopara dificultades para a súa homologación e tampouco para a homologación de "ningunha outra actividade".
Neste caso, o encontro que se realizará na Residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, está organizada por NEG, Agappaz e Ponte nas Ondas!. Conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, da Xunta e da Facultade de Ciencias da Educación da UDC e da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. As xornadas tentan analizar e facer fronte a "unha cultura global cada vez máis investida na violencia cultural e estrutural", na que "o cerco a Palestina" é "o exemplo máis visible e cruento". A actividade busca crear un espazo de "construción colectiva de alternativas educativas que fomenten a nonviolencia e a paz"