A central sindical censura que persoal da Policía Nacional afirmase ante estudantes que propaganda de Vox contra menores migrantes é "liberdade de expresión e non un delito de odio" sen "contrastar datos" nin achegar maior contexto
Hai anos, unha campaña da formación de extrema dereita Vox en Madrid xerou especial controversia por sinalar o colectivo de menores migrantes sen amparo familiar ligándoos a unha cantidade de cartos "ao mes" contraposta cunha suposta "pensión" dunha anciá de apenas 400 euros. Esa imaxe, denuncia o sindicato CIG-Ensino, foi empregada en charlas policiais a escolares na provincia de Ourense sen o necesario "contraste", contribuíndo a xuízo do sindicato a espallar "mensaxes de ideoloxía neofascista".
O episodio, detalla a central sindical maioritaria entre o profesorado do ensino público, aconteceu ante alumnado de 3º e 4º da ESO dun instituto público de Ourense durante unha das charlas incluídas no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e das súas Contornas, promovido polos ministerios de Educación e Interior. "Ante a exposición deste cartaz, o persoal da Policía Nacional procedeu a explicar" ao estudantado "que isto é liberdade de expresión e non un delito de odio, como se chegou a dicir no momento en que apareceu esta publicidade", afirman.
O que "non se explicou á rapazada", censuran, é que a imaxe "tivo que levarse á Fiscalía para dirimir se era unha cousa ou a outra pola súa, cando menos, tendenciosidade". E "por suposto", lamentan, "tampouco se contrastaron que os datos mencionados no cartaz sexan reais", obviando que "neste 2026 a pensión non contributiva está fixada en 628,80 euros mentres que un menor non acompañado non recibe asignación económica directa e é moi difícil cuantificar o investimento realizado na súa manutención". Segundo transcendeu a través das redes sociais, durante a propia charla cando menos un profesor "interveu" para "explicar" o "erro" e "perigo" de presentar unha campaña coma esa sen o debido contexto.
CIG-Ensino lamenta que unha acción do Plan de Convivencia e Mellora da Seguridade escolar, dependente do Estado, acabe "contribuíndo á manipulación e desinformación" da extrema dereita e contrástaa coa instrución de "neutralidade ideolóxica" ditada pola Consellería de Educación
Desta maneira, advirten, unha iniciativa como estas charlas, concibida para "previr riscos e mellorar a seguridade escolar, en temas como o ciberacoso, violencia de xénero, drogas, racismo e riscos tecnolóxicos, e para promover valores de convivencia, igualdade e respecto", acaba contribuíndo á "estratexia de manipulación e de desinformación á que o profesorado galego tamén está acostumado e que ten que contrarrestar diariamente nas aulas". Porque, advirten, "hai tempo que o profesorado vén detectando que a mocidade manifesta comportamentos relacionados cun ideario racista, antifeminista ou homófobo, todo aderezado de discursos sustentados no odio de clase, etnia ou de xénero".
Que feitos coma estes cheguen a acontecer, contrasta coas instrucións da Consellería de Educación a respecto da "neutralidade ideolóxica" das actividades complementarias nas aulas. Esas directrices supuxeran, para a CIG-Ensino, un movemento de "fiscalización do traballo do profesorado, censura e desconfianza" que "parece que non é aplicable aos discursos neofascistas aos que se lle dá entrada nos centros educativos".