O señor lexislador educativo en Galicia, o Conselleiro de Educación, trasladou unha orde para o curso vindeiro que procura a neutralidade ideolóxica das actividades extraescolares dos centros e, así, na docencia. Non debe saber o Conselleiro, ou quizais pense que @s demais non o sabemos, que a ideoloxía é a idea hexemónica, a cultura dominante que nos resulta transparente porque nos constrúe, como dicía Sloterdijk. A ideoloxía forma parte de nós, mesmo neuroloxicamente, porque é o instrumento dos procesos de cría, de socialización primaria. Ata o de agora, o coñecemento e, polo tanto, o sistema educativo, servía para coñecer esa cultura de xeito activo, de maneira que os membros dun grupo social sexan capaces de comprender a súa propia cultura e de pensar sobre a pertinencia, ou non, de transformala. Pasan a ser axentes. Iso é a liberdade, a conciencia sobre algo e a posibilidade de operar sobre ese algo.
Non debe saber tampouco o Conselleiro, ou quizais pense que @s demais non o sabemos, que a neutralidade no pensamento non existe máis que nos totalitarismos, seguindo as análises de Arendt, máis relevantes que as palabras, máis baleiras que retorcidas, da súa neolingua. Así como a multiplicidade é a esencia da natureza, a pluralidade é o característico da dimensión política. A política é a democracia. O pluralismo é a multiplicidade das posicións a respecto de que facer coa cousa sensible, cos recursos comúns. Esta realidade non é necesaria, como a natureza, é só posible, e nesa posibilidade xógase a democracia.
Non debe saber o Conselleiro, ou quizais pense que @s demais non o sabemos, que a ideoloxía é a idea hexemónica, a cultura dominante que nos resulta transparente porque nos constrúe, como dicía Sloterdijk. A ideoloxía forma parte de nós, mesmo neuroloxicamente, porque é o instrumento dos procesos de cría, de socialización primaria
Ademais, os textos de Kant sobre o Iluminismo, é dicir, o momento da historia no que uns seres humanos se converten en cidadáns atrevéndose a pensar, sinalan que ese uso da razón non pode ser só privado, ha de ser público. Precisamente, expor as diversas opinións nas prazas, nos espazos comúns, é o xeito no que aprendemos a ser tolerantes, ao irnos acostumando a escoitar e aceptar relatos nos que non nos recoñecemos, que non coinciden coa nosa visión. O profesor Carlos Fernández Liria, no libro Escuela o barbarie, explícao ben: a escola pública é baluarte do pluralismo porque nela simplemente é posible que suceda. O pluralismo existe e asegúrase porque hai pluralismo. Nese contexto, os individuos que se forman para ser cidadáns dunha sociedade (e non só traballadores dunhas empresas) poden adquirir esa dimensión activa en relación á cultura que permite escoller mesmo opcións alleas ás que tradicionalmente coñeceron, no seo familiar –ou no seo dixital–. Niso consiste o Estado moderno de Dereito, en asegurar que cada individuo libremente determine o seu xeito de estar na vida, cos límites necesarios que permiten esa mesma liberdade en todos os demais.
O problema da intolerancia e da polarización sucede, precisamente, porque esta sociedade produce individuos que só reforzan a súa visión persoal sobre o mundo, polos discursos comerciais que non buscan diferenza, senón unha compracencia rendible, polos algoritmos personalizados nos seus dispositivos electrónicos e ata polo nesgo de confirmación da IA. Non sabe o Conselleiro, ou quizais iso é o que pretende mostrar, que a súa receita fronte a polarización é precisamente a causa desa polarización –e narcisismo– que, cada vez máis, nos achega a niveis de hostilidade social que dificultan a convivencia. Mais é curioso, tamén, que o Conselleiro si defenda a libre expresión ideolóxica da escola concertada e, por suposto, o dereito do subdirector xeral de Inspección -un dos responsables dos que, ao parecer, parte esa máxima de neutralidade ideolóxica no ensino público- a expresar posturas que mesmo se sitúan fóra da Constitución.
O Conselleiro parece mesmo ignorar as bases do liberalismo político clásico e por suposto que ignora o que sucede nas aulas, nas que @s docentes non se dedican a opinar, como tertulian@s, e nas que parte do alumnado exhibe, non sei se con liberdade, pero si con insistencia, as máximas moi políticas que escoitan a través das redes sociais, que pasaron a ser os seus axentes de socialización máis relevantes
Non debe saber o Conselleiro que o totalitarismo, precisamente, se caracteriza pola anulación, por decreto, do pensamento. O pensamento é o oposto á neutralidade, que é a supresión do pensamento e a imposición da ideoloxía. O Conselleiro parece mesmo ignorar as bases do liberalismo político clásico e por suposto que ignora o que sucede nas aulas, nas que @s docentes non se dedican a opinar, como tertulian@s, e nas que parte do alumnado exhibe, non sei se con liberdade, pero si con insistencia, as máximas moi políticas que escoitan a través das redes sociais, que pasaron a ser os seus axentes de socialización máis relevantes. No sistema educativo, non debe sabelo o señor Conselleiro, intentamos xerar criterio a través do coñecemento.
Pero o que máis me chama a atención de todo este dispositivo de represión institucional, que, de momento, se presenta coa banalidade propia dos tempos, é que son as persoas que traballan para partidos políticos as que afean aos demais ter opinións políticas, as que desprestixian coas súas palabras a propia política –ademais de facelo arreo con accións–. Iso só pode significar dúas cousas: a primeira, que descoñecen a definición do ser humano segundo Aristóteles e reducen a política á súa lóxica de partidos. A segunda, que están expondo a persecución de calquera diverxencia a respecto do que eles, como membros de gobernos, locais ou autonómicos, executan. Isto é, impondo o totalitarismo nos seus termos.
A historia da humanidade balancéase entre a forza ou a violencia e a palabra ou o diálogo. Que as palabras deixen de empregarse para o diálogo e funcionen como instrumentos violentos, advertía Norbert Elias, significa que o tecido cultural democrático se esvae e comeza a caída cara a violencia ou o fascismo, que son o mesmo. Estamos nese momento, mais aínda, creo, no intre no que podemos decidir se nos deixarnos levar pola gravidade ou regresamos, coma un pobo en éxodo, cara a palabra, cara ao bo vivir.