Hai uns días asistín a un curso de formación do profesorado. Nel unha psicóloga díxonos aos profesores alí reunidos que lle debíamos ofrecer ao alumnado actividades con diferentes niveis de dificultade para que elixan e debemos evitar os exames. Tamén fixo un ataque contra a disciplina nos centros educativos. Para ela, non debemos potenciar a disciplina “porque esta aliña”
Hai uns días asistín a un curso de formación do profesorado costeado pola Xunta de Andalucía. Nel unha psicóloga díxonos aos profesores alí reunidos que lle debíamos ofrecer ao alumnado actividades con diferentes niveis de dificultade para que elixan e debemos evitar os exames. Tamén fixo un ataque contra a disciplina nos centros educativos. Para ela, non debemos potenciar a disciplina “porque esta aliña”. Tampouco debemos rifarlles aos alumnos nin poñer partes. Segundo ela, para solucionar os problemas de ruído, deberíanse poñer cortinas e moqueta nas aulas, como se fai en Noruega, xa que estas absorben o son. Agora ben, non parece que a disciplina, por si soa, aliñe. Para que o alumnado desenvolva un pensamento crítico debemos fomentar que este exercite o seu pensamento en materias como Filosofía, non promover a indisciplina.
A disciplina, o esforzo e o respecto son requisitos indispensables para unha boa educación. Pois a experiencia móstranos que estes valores son importantes para a vida en xeral. Se un tendeiro abre sempre tarde o seu negocio, non se esforza por facer as cousas ben, é irrespectuoso cos seus clientes, etc. non vai prosperar. Ademais, a experiencia nas aulas revela que estes valores son importantes para que os alumnos aprendan. Eu todos os cursos vexo que, en xeral, os alumnos que son respectuosos e disciplinados e se esforzan aprenden máis e conseguen mellores resultados.
A disciplina, o esforzo e o respecto son requisitos indispensables para unha boa educación. Pois a experiencia móstranos que estes valores son importantes para a vida en xeral
Por outro lado, se botamos un ollo ao informe PISA 2022, vemos que os sistemas educativos mellor posicionados son aqueles nos que se valora a disciplina, o esforzo e o respecto, como o xaponés. Noruega, o país que a psicóloga puxo como exemplo, sitúase por debaixo de Galicia en todas as áreas medidas, a pesar de ser un dos países do mundo que máis inviste en educación e coa proporción de alumnado por profesor máis baixa.
Que modelo educativo estamos construíndo? Sen estes valores nos centros educativos, non importa o que se gaste en persoal e recursos materiais, nin o que se innove, nin o que fagan os docentes, o alumnado non vai adquirir unha boa educación
É fácil instaurar estes valores no sistema educativo galego, dado que son valores propios da cultura tradicional galega. Ademais é rentable instauralos. Pois os centros educativos nos que hai unha falta de disciplina e de respecto necesitan máis persoal e investimento. No instituto no que estiven o curso pasado o alumnado rompía mesas, cadeiras, portas, libros e dispositivos electrónicos e ensuciábao todo. Recordo que incluso levantaron o cableado que ía pola parede. No instituto no que estou este curso roubaron os ordenadores. Ademais prendéronlle lume ao interior do edificio. En cambio, nos centros escolares de Xapón, os estudantes limpan eles mesmos as aulas e os espazos comúns.
Se a experiencia e os informes internacionais nos din que a disciplina, o esforzo e o respecto son positivos para a educación, por que as administracións públicas sufragan con diñeiro dos contribuíntes cursos nos que se socavan estes valores? Por que por un lado financian a participación no informe PISA e, por outro, costean cursos de formación do profesorado nos que se ensinan métodos de países que obtiveron resultados decepcionantes nese informe? Por que un profesor que lles esixe aos seus alumnos que se esforcen e suspende a unha parte deles ten que facer moita máis burocracia de escasa utilidade que un profesor que os aproba a todos, como informes individualizados, propostas de mellora, plans de recuperación e plans de reforzo? Que modelo educativo estamos construíndo? Sen estes valores nos centros educativos, non importa o que se gaste en persoal e recursos materiais, nin o que se innove, nin o que fagan os docentes, o alumnado non vai adquirir unha boa educación.