O primeiro informe PISA tras a pandemia reflicte un empeoramento xeral das competencias do alumnado en todos os estados e comunidades
O informe PISA (Programme for International Student Assessment) é o resultado de probas de avaliación do funcionamento e competencias adquiridas polo alumnado dos sistemas educativos dos países da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Vénse realizando cada varios anos desde o ano 2000 e ata o feito público este martes, correspondente a probas realizadas na primavera do ano 2022, o anterior era o de 2018. Isto é, o informe agora coñecido permite analizar o efecto nos sistemas educativos da pandemia da COVID-19 e as súas restricións, con meses sen clases presenciais.
O resultado xeral en todo o mundo é un retroceso das competencias analizadas, sexan as matemáticas, a lectura ou as ciencias. Porén, no caso galego as ciencias apenas rexistran empeoramento e o país segue á cabeza do resto de comunidades do Estado.
Segundo este último informe PISA, os 506 puntos obtidos polo estudantado galego examinado en 2022 de competencias científicas sitúan o país á cabeza do resto de comunidades, empatado con Castela e León, e moi por riba dos 485 puntos da media estatal e da OCDE e dos 484 puntos da media da UE. Son, ademais, apenas 4 puntos menos que os 510 puntos que rexistrara o estudantado galego no anterior informe, de 2018.
Porén, as restricións educativas da pandemia si parece que tiveron un maior efecto nas competencias adquiridas en lectura e matemáticas. En matemáticas Galicia rexistrara 498 puntos en 2018 e baixa agora a 486 puntos. E en lectura os anteriores 494 puntos caen agora a 485. Nos dous casos Galicia está lixeiramente por riba da media estatal de 474 e 475 puntos (nos postos 8 e 7 entre as comunidades autónomas) así como por riba das medias da OCDE e da UE.
As rapazas galegas rexistran unha maior competencia lectora que os rapaces, que son algo mellores en matemáticas, mentres en ciencias apenas hai diferenzas
O estudo tamén permite comprobar que as rapazas galegas rexistran unha maior puntuación en competencias lectoras que os rapaces (499 fronte a 472 puntos) e que nese eido a diferenza entre ambos sexos é moi superior á que se rexistra nos outros dous ámbitos nos que os rapaces teñen máis puntuación, con 491 fronte a 481 puntos en matemáticas e apenas 509 fronte a 503 puntos en ciencias.
Segundo a Consellería de Educación, "o estudo reflicte un contexto xeneralizado de baixada nos resultados acadados, tanto a nivel estatal como internacional, consecuencia da afectación da pandemia no sistema educativo". Porén, a Xunta considera que "Galicia mantén o seu diferencial con respecto á media do conxunto das comunidades autónomas e do contexto internacional".
A Xunta salienta a capacidade do sistema educativo galego de que o rendemento do estudantado dependa das súas capacidades e non do seu contexto social, económico e cultural
O Goberno galego tamén salienta que "outra das fortalezas que se afianzan no sistema educativo galego é a equidade, ámbito que lidera novamente xunto a Cantabria" e no que se mide "en que medida un sistema educativo é capaz de dar igualdade de oportunidades e conseguir así que o rendemento dos seus estudantes dependa das súas capacidades e non do seu contexto social, económico e cultural".
Para este último informe PISA as probas en Galicia realizáronse na primavera de 2022 a 1.824 alumnos de 58 centros. En todo o Estado foron 30.800 os estudantes examinados e en toda a OCDE 690.000.