Os resultados do Informe PISA 2025 revelaron a importante caída no nivel educativo do alumnado galego, un afundimento na liña co experimentado no contexto global e, con especial énfase, en España, cos peores resultados da historia. O empeoramento nos coñecementos en matemáticas e ciencias e, sobre todo, na comprensión lectora é a conclusión con maior impacto destas probas de avaliación das competencias da rapazada de 15 anos dos sistemas educativos dos países da OCDE. Pero hai máis.
O Informe PISA destaca que Galicia é unha das comunidades onde non hai diferenza de rendemento a favor dos centros privados e que mesmo é mellor o dos públicos
Por exemplo, o Informe PISA destaca que o ensino en Galicia é un dos poucos nos que non hai diferenzas de rendemento segundo a titularidade pública ou privada do centro escolar. De feito, mesmo é favorable aos públicos no caso de neutralizar as diferenzas socioeconómicas, unha situación nada habitual no resto de territorios.
O informe destaca que, aínda que en España o alumnado dos centros privados obtén, de media, mellores resultados que o dos centros públicos nas tres competencias avaliadas (ciencias, matemáticas e lectura), "a magnitude destas diferenzas é inferior á observada na media da OCDE e moi similar á do conxunto da UE". No caso de Galicia, nin tan sequera iso.
Os datos indican que en Galicia —con máis do 70% de centros públicos no nivel educativo analizado— "non existe diferenza estatisticamente significativa no rendemento en ciencias do alumnado dos centros públicos e dos privados", que inclúen tamén os concertados. Ocorre así tamén en Cantabria, Extrermadura, Murcia e Aragón, pero unicamente na comunidade cántabra e na galega a diferenza é mesmo positiva, con tres puntos a favor dos públicos que contrastan cos 62 puntos de fenda respecto dos privados en Melilla, os 47 nas Canarias, os 46 de Navarra ou os 35 do País Vasco.
Galicia e Cantabria son os únicos territorios onde a puntuación en ciencias é mellor nos centros públicos que nos privados
De feito, Galicia supera en 26 puntos a favor da ensinanza pública a media do Estado (-23) neste diferencial, en 28 a da UE (-25) e en 35 a da OCDE (-32).
En canto á comprensión lectoral, a diferenza en Galicia a favor dos centros privados (de -5 puntos) é "pequena e sen chegar a ser significativa" e contrasta cos -21 puntos no conxunto de España, os -22 na UE ou os -32 no conxunto do alumnado da OCDE. Un desfase mínimo que constata tamén cos 51 puntos en prol da ensinanza privada nas Canarias, os 31 en Euskadi ou os 28 na Comunitat Valenciana. Ou mesmo coa media estatal, por riba dos 20.
En matemáticas, pola súa banda, as maiores diferenzas a favor da privada danse en Melilla, Navarra ou as Canarias, con máis de 50 puntos de fenda en todas elas, mentres que "en sentido contrario destacan Galicia (0 puntos) e Cantabria (+2 puntos), onde as diferenzas son practicamente inexistentes ou lixeiramente favorables aos centros públicos. Unha cifra moi afastada de moitas comunidades e da do conxunto de España (-24).
En matemáticas o rendemento é idéntico entre públicos e privados; en lectura, a diferenza a favor dos privados en Galicia é só de cinco puntos fronte aos 21 no Estado
Alén disto, o propio Informe PISA destaca que as "importantes diferenzas territoriais" que se dan á hora de analizar os resultados tendo en conta se o centro escolar é público ou privado "suxiren que a asociación entre titularidade e rendemento educativo depende en gran medida das características socioeconómicas e da composición do alumnado en cada comunidade autónoma".
En definitiva, conclúe que estas diferenzas de nivel educativo non se deben tanto (ou só) á titularidade dos centros senón, polo contrario, "ás desigualdades no contexto socioeconómico do alumnado". Para analizar esta circunstancia, PISA estima o efecto do ISEC (Índice Social, Económico e Cultural) sobre os resultados académicos. Un índice que ten en conta o nivel educativo e a ocupación dos pais e os recursos do fogar.
Así, a análise do informe permite tamén ver como mudan as diferenzas de rendemento en ciencias en tres escenarios: sen descontar o efecto do ISEC, descontando só o ISEC do estudante e descontando á vez o ISEC do estudante e do centro educativo. Os resultados, di PISA, tanto en España como no resto de estados, demostra que "unha parte moi importante da vantaxe inicial do alumnado dos centros privados explícase polas diferenzas na composición socioeconómica do estudantado e dos centros".
A corrección polas diferenzas socioeconómicas
Así, en xeral, ao controlar o efecto do ISEC, o rendemento estimado do alumnado de centros públicos aumenta, mentres que o dos centros privados diminúe, "reducíndose considerablemente as diferenzas observadas e mesmo inverténdose nalgúns casos".
Descontando unicamente o ISEC do alumnado, a fenda en España redúcese desde os 23 ata os 7 puntos e en moitas comunidades baixa ata niveis mínimos, pero no caso de Galicia, xunto a Cantabria e Murcia, "o alumnado dos centros públicos obtén mellores resultados que o dos centros privados unha vez considerado o nivel socieconómcio dos estudantes".
De feito, aplicando esta corrección Galicia sitúase coa comunidade autónoma mellor parada do ránking, ao ter unha diferenza positiva a favor do ensino público de case 15 puntos, fronte á diferenza negativa a nivel estatal e de todas as comunidades autónomas e por riba das outras dúas que evitan a fenda: Cantabria e Murcia.
Galicia é a comunidade mellor situada ao neutralizar as diferenzas socioeconómicas: con diferenzas de 15 e 26 puntos no rendemento a favor dos centros públicos
Ademais, ao descontar á vez o ISEC do alumnado e o ISEC medio dos centros, o cambio é aínda máis notable. A nivel estatal, a diferenza pasa de favorecer aos centros privados a situarse catro puntos a favor dos públicos. Neste caso, Galicia sitúase, ademais, coa comunidade autónoma con maiores vantaxes finais a favor dos centros públicos (de 26 puntos), só superada por unha cidade autónoma (Ceuta) e por riba de todo o resto de territorios, nos que aínda catro (Navarra, País Vasco, Canarias e Balears) manteñen unha fenda favorable ao ensino privado.
"O rendemento dos centros públicos resulta claramente supearior ao dos privados cando se neutralizan as diferenzas socioeconómicas de estudantado e centros", advirte PISA. "A titularidade dos centros, por si soa, explica unha parte relativamente pequena das diferenzas de rendemento en ciencias", engade o informe, que aclara que a "aparente vantaxe" dos institutos e colexios concertados e privados "diminúe substancialmente e mesmo desaparece ou se inverte ao ter en conta as condicións socioeconómicas nas que se desenvolve a aprendizaxe".
En definitiva, o informe PISA pregúntase que pasaría se todos os centros atendesen o mesmo alumnado. A resposta é que a diferenza a favor da privada non só diminúe senón que se inverte. En 14 dos 18 territorios analizados no estudo a escola pública obtén mellores resultados. Galicia sería a primeira desta clasificación.