" A demandada recuperación das 18 horas lectivas non está a vir acompañada dun aumento no cupo do profesorado acorde coas cifras polo que, simplemente as contas non saen e a consecuencia, alertan, será o empeoramento do ensino"
Este curso 26/27 que arranca o mércores 9 de setembro será o da aplicación efectiva da recuperación da xornada de 18 horas lectivas para os docentes de secundaria, unha das medidas contempladas no acordo asinado entre Xunta e algúns sindicatos en 2023, que foi corrixido a comezos deste 2026 para poder aplicala neste novo curso. Segundo denuncian membros do profesorado, esta demandada redución de horas non está a vir acompañada dun aumento no cupo do profesorado acorde coas cifras polo que, simplemente as contas non saen e a consecuencia, alertan, será o empeoramento do ensino.
“Nós entendemos que vai ser un comezo de curso moi conflitivo, con moitas dificultades nos centros. Por exemplo, a recuperación das 18 horas lectivas debería vir acompañada dun aumento do profesorado, dos cupos, que non foi tal”, explica Suso Conde, profesor no IES Santa Irene de Vigo e membro de Asembleas Abertas do Ensino Público, un espazo con representantes de máis de 200 centros galegos. “Por exemplo, un centro de Vigo que tiña un cupo de 54 docentes ao reducir a esas 18 horas lectivas ve reducida a súa capacidade lectiva en 108 horas. Polo tanto, debería recibir seis profes novos e isto non é así, mandan dous docentes novos no mellor dos casos. Isto, como consecuencia, supón un empeoramento do ensino, dos servizos, reducindo ou eliminando os agrupamentos, os desdobres, as medidas de atención á diversidade…e polo tanto, o principal prexudicado é o estudantado. Unha consecuencia da que xa avisara o profesorado e por iso o acordo era insuficiente. Queremos recuperar as condicións laborais, pero non é a única reivindicación nin a costa de prexudicar o ensino”, detalla o docente.
“Necesitamos ese tempo para poder preparar as materias, para que o ensino, as persoas, teñan esa atención individualizada que require o alumnado e demandan as familias”, explica Suso Conde, docente membro de Asembleas Abertas do Ensino Público
Conde, na liña doutros docentes consultados, lamenta que desde o Goberno galego se vende a medida como un beneficio para o profesorado, que agora dará dúas horas menos de clase, pero non é que se traballe menos. Por unha banda, a excepcionalidade de 20 horas que inclúe a norma fai que moitos docentes non cambien a súa carga lectiva e, por outro, salientan que esas dúas horas de clase reducidas son para poder dedicar para outro tipo de labores docentes, como xa pasaba hai anos –a implantación das 20 horas foi unha “medida transitoria” en tempos de crise, en 2010- e que a día de hoxe a situación é máis complexa pola diversidade nas aulas. “Hai unhas necesidades ás que temos que dar resposta e necesitamos ese tempo para poder preparar as materias, para que o ensino, as persoas, teñan esa atención individualizada que require o alumnado e demandan as familias”, explica Suso Conde.
Dentro do espazo das Asembleas Abertas decidiron desenvolver unha consulta a todo o profesorado para abordar que tipo de accións queren desenvolver e fixar un calendario de mobilizacións. “Toda a comunidade educativa, profesorado, sindicatos, alumnado e familias temos que loitar para defender o ensino público que queremos no día a día, porque a situación é insostible”, lamenta Conde.
“Este ano como non nos dan máis dotación de profesorado, en principio imos ter que agrupar o alumnado de Bacharelato de Artes con outros grupos", lamenta a directora do IES Pedro Floriani de Redondela
Desde o IES Pedro Floriani de Redondela levan enviados á Consellería de Educación distintos escritos solicitando máis profesores sen que, de momento, contasen con resposta. “Este ano como non nos dan máis dotación de profesorado, en principio imos ter que agrupar o alumnado de Bacharelato de Artes, que ten unhas características moi concretas, co resto de grupos de ciencias sociais ou humanidade e os de ciencias puras”, indica Rosa María Ligero, directora do centro.
Ligero relata que o Bacharelato de Artes fora moi demandado pola sociedade de Redondela e, tras moito loitar, finalmente púxose neste centro, dos catro que hai no concello pontevedrés.
“Nin sequera podemos repartilos metade e metade nos grupos, senón que temos que facer unha mestura destes rapaces nos outros grupos, porque é menos alumnado que o resto. Aínda así, os nosos grupos acaban tendo 31, 32 alumnos, son bastante numerosos. E coa complexidade que iso conleva, porque hoxe en día as necesidades educativas tamén hai que atendelas tamén en bacharelato, non só na primaria o una ESO”, di a directora do centro.
Ante esta situación, xa remitiron por escrito a solicitude de entre dous e tres profesores máis á Consellería, pero non se atendeu a petición. “As familias de artes xa nos expresaron que están descontentas con esta medida e que non van quedar caladas, que o Bacharelato de Artes ten que ter unha entidade propia. Esta é a tesitura na que nos vemos agora mesmo”, relata.
Por outro lado, Ligero explica que no centro teñen moitas necesidades para a ESO, polo que tamén solicitaron unha profesora ou profesor máis de pedagoxía terapéutica, especialistas que entran na aula “como apoio para aquel alumnado que ten máis dificultades, que é máis vulnerable ou que ten algunha necesidade”, detalla.
Consultada por este xornal, a Consellería de Educación subliña que “a política da Xunta segue orientada a mellorar as condicións laborais dos docentes e a calidade do sistema educativo. Froito do acordo acadado coas organizacións sindicais CCOO, UGT, ANPE e CSIF a finais de 2023, e coas últimas novidades incorporadas este ano, avánzase na reconfiguración do horario de Secundaria e na mellora da atención á diversidade. En virtude disto, e como xa dixemos, incorporaranse 900 novos profesores ás aulas o vindeiro curso na etapa de Secundaria”.
Unhas cifras que para a CIG son irreais. “O incremento en secundaria non é para nada de 900 docentes, senón que pouco máis de 500 e no caso de primaria, mantéñense as cifras”, detalla Laura Arroxo, secretaria nacional de CIG-Ensino.
Arroxo pon o foco nos problemas que a anhelada recuperación das 18 horas, que levaban anos reclamando, está a ter para a organización dos centros cos recursos actuais. “Como admite excepcionalidades en moitos casos o profesorado mantense igual, nas 19 ou 20 horas ou ben o centro ten que buscar alternativas como pode ser reducir o profesorado de garda, reducir os apoios ou reducir a liberación que o profesorado ten para facer tarefas de coordinación ou de dinamización. Polo tanto os números que vende a Consellería para nós son totalmente propagandísticos e non reflicten a realidade dos centros educativos”, indica a responsable de CIG-Ensino.
"O centro ten que buscar alternativas como pode ser reducir o profesorado de garda, os apoios ou reducir a liberación para tarefas de coordinación ou de dinamización. Os números que vende a Consellería para nós son totalmente propagandísticos e non reflicten a realidade dos centros educativos”, indica a responsable de CIG-Ensino, Laura Arroxo
Desde o sindicato nacionalista detallan que xa tiveron moitas chamadas en xullo con reclamacións, que trasladaron tanto ás xuntas de persoal como á Dirección Xeral de Recursos Humanos, entidade que ten a última palabra sobre as vacantes que se van cargar no concurso. “Nós xa viamos no mes de xullo que non estaban receptivos a aumentar os cupos do profesorado e a nós os equipos directivos xa nos trasladaban que para organizar o persoal poñendo as 18 horas no profesorado de secundaria precisaban máis docentes e non os están mandando”, explica Laura Arroxo.
Isto, segundo lembra a secretaria nacional da CIG-Ensino, xa pasara en primaria no ano 24, cando se aplicou a redución de 25 a 23 horas, que tampouco veu acompañada de máis docentes.
Arroxo coincide en que actualmente esta falta de recursos é aínda máis grave pola atención á diversidade que debe haber nas aulas. “É incrible o aumento que sufriu o número de nenos e nenas con necesidades educativas especiais pois moitas razóns: porque hai máis diagnósticos, porque temos moito alumnado inmigrante, que tamén precisa dunha atención máis individualizada, porque a sociedade por sorte avanzou e viu que a inclusión educativa era necesaria, real e favorable para todos os nenos e nenas que non era así no caso de hai 20 anos e, polo tanto, son máis necesarios que nunca, eses apoios, ese persoal de atención á diversidade, etc. Non se ampliou o mesmo número de profesores que se reduciran naquel momento, que fora un millar, pero a maiores vivimos unha realidade moi distinta, sobre todo no que ten que ver con a atención á diversidade”, resume.
Nos centros de FP hai aínda máis dificultades porque están a aplicar unha resolución que non está pensada para a realidade destes centros, onde existe maior carga burocrática e de xestión de tarefas específicas fóra das aulas
Mención á parte merece a situación en FP, onde tanto desde o profesorado como desde os representantes sindicais falan dun “descontrol moi grave” porque están a aplicar unha resolución que non está pensada para a realidade de FP, onde existe aínda maior carga burocrática e de xestión de tarefas específicas fóra das aulas, desde a posta en marcha e mantemento dos talleres ata a xestión das prácticas en empresas. “Agora mesmo ten unha carga de burocracia brutal xa non soamente todo o que ten que ver con busca de empresas, convenios e demais, ten unha carga burocrática máis para tutorizar ese alumnado que está nas empresas. A redución de horas que teñen por ser titor de FP dual, por ser coordinador da formación na empresa, etc. é totalmente irrisoria e, claro, vense abafados pola burocracia a maiores”, asegura Laura Arroxo, que lembra que a CIG xa reclamou que se comezara o curso en FP un pouquiño máis tarde.
No IES de Teis terán que contratar unha empresa externa para que lles faga tarefas como instalación dos equipos informáticos, que ata agora contaban con horas lectivas do profesorado. “A opción que nos deron foi que en lugar de facer as gardas pois fagamos ese mantemento, pero nós non estamos de acordo”, explica Ricardo Veiga, docente no centro
No IES de Teis (en Vigo) atopáronse ao rematar ao curso pasado coa nova de que lles eliminaban as horas asignadas para soporte de infraestrutura do centro, que desempañaban sete docentes do departamento de Informática dentro das súas horas lectivas. E non é unha cuestión menor, hai 700 equipos informáticos en uso para dar servizo a 1.700 persoas, tanto do estudantado como do profesorado.
Ricardo Veiga, profesor do departamento de informática, dispuña ata agora de sete horas á semana dedicadas a servizos que fan posible que se poida traballar no centro: instalar os equipos, os cartafois compartidos en rede, instalar e manter os sistemas para que o profesorado poida controlar o acceso a internet do alumnado, entre outras tarefas. “Uns servizos que engadían unha calidade ao traballo docente”, explica Veiga. Ante esta nova situación, desde o departamento de informática enviaron diferentes informes co detalle e a importancia das funcións, pero non cambiou nada. “Ata setembro, ninguén falou de como falicitar unha transición ou poñer un plan b. Hai moitas cousas que funcionarán por inercia, mentres funcionen, pero deixaremos de ter servizos básicos”, lamenta o profesor de informática.
“A opción que nos deron é que en lugar de facer as gardas pois fagamos ese mantemento, pero nós non estamos de acordo”, explica Ricardo Veiga. A solución máis probable, indica, pasará pola externalización parcial do servizo, que terán que asumir cos propios recursos do centro e o reparto de tarefas. “Están a menosprezar este traballo e deixando á vontade do profesorado o servizo. Xa non sabemos se é ignorancia ou falta de responsabilidade, pero están a prexudicar o ensino público”, lamenta o docente.
Desde a Xunta aseguran que “as horas de permanencia fixa que ten todo o profesorado poden ser utilizadas para diferentes actividades propias dos centros, entre as que está a posibilidade de complementar horarios de coordinación ou titorías, por exemplo, polo que non hai cambios significativos ao respecto”
Sobre as dificultades organizativas que están a atopar os centros para comezar este curso, desde a Consellería de Educación detallan que “a reconfiguración do horario do profesorado de secundaria que se está a producir ao abeiro do acordo de mellora educativa asinado cos sindicatos supón que estes pasan de impartir 20 sesións lectivas ata 18, como xa se ten explicado, e tamén facilita a autonomía dos centros educativos para unha mellor organización, en función das súas características”.
Axustes "necesarios"
En resposta a Praza.gal, desde a Xunta aseguran que “estes cambios que se aplican no próximo curso supoñen realizar algúns axustes necesarios para adaptarse a este novo contexto. Nese sentido, as horas de permanencia fixa que ten todo o profesorado poden ser utilizadas para diferentes actividades propias dos centros, entre as que está a posibilidade de complementar horarios de coordinación ou titorías, por exemplo, polo que non hai cambios significativos ao respecto”, indican.