As conclusións do último informe PISA situaron o alumnado galego entre o que máis baixou o nivel en competencias matemáticas e científicas e, sobre todo, en comprensión lectora nos últimos anos. Máis aló das eivas e das críticas a un estudo que adoita estandarizar e pecar de resultadista, a súa publicación abriu como poucas veces o debate sobre a situación do ensino no país.
Tres expertas do ámbito da pedagoxía, a docencia ou a organización educativa analizan a situación do ensino en Galicia tras o debate aberto polo informe PISA
Alén das puntuacións, tres expertas aproveitan o informe para debater sobre o sistema educativo; sobre os seus problemas e retos, pero tamén sobre as súas fortalezas. Tres mulleres que abranguen ámbitos da docencia, da pedagoxía, da organización educativa, da didáctica, das novas tecnoloxías ou do sindicalismo e que coinciden nunha advertencia inicial que debe ser, din, a base de toda análise sobre PISA: non desvincular os datos do contexto social actual e da situación das aulas tras os recortes sufridos nos últimos tempos.
"Non podemos arredar estes datos do informe PISA ou a situación das nosas e dos nosos adolescentes da situación da sociedade en xeral ou da situación nos centros de ensino polos recortes", alerta Arancha Nogueira, escritora e profesora de Lingua Galega e Literatura en Secundaria, que lembra que a falta de recursos "afecta sempre máis os e as máis vulnerables".
"As familias ven reducida a súa calidade de vida, as obrigas laborais fan que cada vez teñan menos tempo para pasaren cos seus fillos, que teñen nas pantallas tamén unha forma de lecer... Neste contexto, os menos favorecidos teñen menos capacidade para ese reforzo que familias con maiores recursos si poden permitirse e que debería proporcionarse na escola pública", reflexiona. "Se as ratios son máis elevadas e iso impide facer un mellor seguimento do alumnado que máis axuda precisa, loxicamente imos perder polo camiño capacidade en ciencias ou compresión lectora", engade.
"Non podemos arredar os datos de PISA do contexto social ou da situación dos centros polos recortes", di Arancha Nogueira, profesora
Porque si, Nogueira recoñece que "cada vez hai menos nivel de comprensión lectora e de concentración cando os textos pasan de 400 ou 500 palabras". "Pero non só lle acontece ao alumnado, senón á sociedade en xeral", explica quen sinala que PISA tamén destaca para ben a autoestima do alumnado, a súa boa relación coa contorna e moitos outros factores importantes que non se adoitan destacar.
Para Elena Añel, doutora en Psicopedagoxía pola UVigo, con experiencia como orientadora en Secundaria e membro da executiva de CIG-Ensino —sindicato maioritario na ensinanza en Galicia— a utilidade do informe PISA é que "nos fai aterrar e reflexionar". "Por desgraza, os resultados reflicten unha situación da que o profesorado galego leva advertindo moito tempo, a ninguén que estea hoxe nas aulas lle sorprenden os datos", di.
"O malo —aclara— é que só vemos os resultados da rapazada e iso é un erro; non podemos avaliar que e como están aprendendo cando non nos preocupamos nunca de quen lles ensina e como ensina e cando temos desprestixiado o profesorado. Centrámonos no cuantitativo pero énchesenos a boca falando dun sistema que se basee nas competencias, no saber comprender e no saber estar", denuncia.
"O PISA reflicte o que o profesorado galego leva advertindo tempo, pero non podemos avaliar só o que se aprende sen preocuparnos de como se ensina e de quen ensina", di Elena Añel
"O informe PISA é unha lectura moi superficial do que pasa, son probas estandarizadas que non van ao fondo cando a situación precisa de moito máis pouso", reivindica Montserrat Castro, pedagoga, docente na Facultade de Ciencias da Educación da UDC e con experiencia como mestra de Primaria e Secundaria.
Castro coincide coas súas compañeiras en que os resultados do PISA non se poden analizar de maneira illada e que os hai que ler mesmo "desde un punto de vista xeopolítico" porque neles "inflúen moitas cousas". "Faise un discurso sobre o informe que é perigoso porque botarlle a culpa dese baixo rendemento, que habería que cuestionar a que nos referimos con iso, á LOMLOE é tremendo... O que diga iso é que ou non leu a lei ou non estivo nunca polos colexios nin co profesorado", quéixase.
"Oxalá a culpa da situación fose da LOMLOE porque abondaría con mudar a lei. O que nos achegan os datos de PISA son só a punta do iceberg, a realidade é que hai unha boa parte do profesorado que se sente mal porque sabe que está a facer o que non tiña que facer polo contexto educativo e social", di Castro, que aclara que o gran problema "é a falta de recursos, de profesorado suficiente para atender os restos do ensino actual".
Ademais, avoga por unha "transformación" no sistema educativo pero non na liña que din algunhas voces: "Fálase de volver a ese modelo repetitivo, a unha metodoloxía mecánica, a unha aprendizaxe instrumentalista que nunca desapareceu, que segue estando aí", conta.
"Quen bote a culpa dos resultados do Informe PISA á LOMLOE ou non leu a lei ou non estivo nunca nos colexios nin co profesorado", asegura Montserrat Castro, docente da UDC
Porque as tres expertas coinciden, tamén, en que os rápidos cambios sociais pasaron por riba do sistema educativo sen que este soubese adaptarse (nin as administracións fixesen por adaptalo). "O mundo non ten nada que ver con hai só cinco anos; a sociedade evoluciona a unha velocidade á que non estamos afeitos e hai unha falta de capacidade de adaptación do ensino e das políticas educativas que son o que nos levan a estes resultados", di Añel en referencia ás conclusións do informe PISA.
"No nos pode sorprender que se fagan cambios e recortes na educación enfocados ao futuro laboral e ás empresas que non demandan uns coñecementos e que despois a rapazada nos os cultive. Os traballos aos que aspiran non lles piden iso", sentencia Nogueira, que volve pór o foco na falta de recursos e medios para atender un sistema educativo que mudou moito en poucos anos.
Como exemplo, Galicia recibe moito máis alumnado migrante que hai só uns anos "pero non se contan con máis docentes de reforzo para ese estudantado, senón que se recorta". Elena Añel insiste tamén en que "son moitos os retos" que agora afronta o profesorado comparado con hai uns anos. "Hai só un lustro un mestre tiña un grupo máis homoxéneo, onde todo o alumnado ía máis ou menos a un mesmo ritmo, pero agora temos ratios demasiado elevadas para a diversidade que hai nas aulas", explica.
Máis formación e recursos ante a diversidade
"Hoxe todos os nenos e nenas aprenden de xeito distinto e o profesorado ten que adaptarse a todo iso", insiste Añel, que demanda "máis formación" para os docentes que, malia ter "toda a vontade", están "limitados pola normativa". "Acaban máis preocupados de poder acabar o currículo e de entregar os documentos que se piden que doutras cousas porque iso é o que prioriza a Inspección; non temos flexibilidade nin capacidade de adaptación", engade quen pon outro exemplo claro: "Obviamente non se ensina igual nunha parroquia como Casaio, no rural, que nun instituto do centro de Ourense, pero o currículo e a ferramenta é exactamente igual para todos e non debería ser así".
"Hai demasiada homoxeneidade e inflexibilidade; temos que aproveitar máis as diferenzas", insiste Añel nunha reflexión que comparte con Montserrat Castro, que cre que "se están a demonizar situacións que son oportunidades marabillosas". "A diversidade é unha gran riqueza que temos como sociedade, que permite propostas educativas que acheguen diferentes formas de acceder ao coñecemento, de comprender, de ter puntos de vista diferentes, con diferentes culturas e visións do mundo", di quen volve ao de sempre. "Para poder traballar isto e aproveitalo precísase moito profesorado, moita formación, moito acompañamento ao alumnado e moito tempo... E iso é o que está a faltar en moitos centros".
"Os profesores están sobrevivindo e sofren cada vez máis unha maior desconfianza por parte da clase política, que está máis pendente das familias que das demandas dos profesionais. Estamos moi apremados por ter contentos a pais e nais; hai que ter altura de miras", pide Añel, que engade a este problema o xa denunciado anteriormente: a falta de adaptación aos cambios sociais.
As tres docentes consultadas coinciden en que o sistema educativo non se soubo adaptar aos cambios sociais e que se precisan máis recursos para afrontar os novos retos
Castro opina igual e cre que a escola "debe estar máis pensada para persoas que viven unha sociedade moi cambiante, onde hai profesións que desaparecen mentres outras están a piques de chegar". "Non podemos traballar da mesma maneira e coas mesmas pretensións de lectura que cando ía eu á escola o século pasado, cando ler estaba restrinxido a xornais e libros e agora se pode e debe facer en diferentes soportes", di, abrindo o recorrente debate das pantallas e da súa afectación á perda de comprensión lectora e concentración que indica o informe PISA. "Cando a televisión chegou ás casas os vellos tamén quedaban pampos mirando para ela", lembra.
Todas coinciden: as pantallas son un factor a ter en conta pero non o causante. "Se ollamos ao noso redor, en calquera parque ou cafetería, vemos moita xente que supera os 40, 50 ou 60 anos pegada a un teléfono móbil, así que o da rapazada non nos ten que sorprender. Se facemos un test de comprensión lectora a esas persoas, seguramente veriamos que non sería moito mellor que a dos máis novos", di Arancha Nogueira.
"As pantallas están na nosa vida, hai que normalizalo e non demonizalo; o problema é que non se fixo un uso responsable delas, non só na educación, senón na sociedade. Usámolas con escasa responsabilidade", engade que avoga por algún tipo de regulación que, cre, "non interesa aos poderes fácticos, a quen as controla". "Cando apareceron os coches motorizados ninguén pensaba en que houbese que regular algo ou pedir un carné para conducir... ata que empezou a haber accidentes. Non se trata de que haxa ou non pantallas, senón de ter en conta o que está detrás delas e os intereses dos que as proporcionan", di.
"As maneiras de ensinar seguen sendo as mesmas de hai vinte anos; se a rapazada non ten a mesma capacidade de atención, temos que cambiar"
Añel tamén cre que "non se debe estigmatizar" porque as pantallas "non están só nos centros escolares, senón na crianza dos nosos fillos". "Mudaron a forma de aprender; non é culpa delas senón de como se xestionan; podemos criticar as familias tamén, pero o sistema educativo ten que estar á altura e facer unha boa xestión das novas tecnoloxías", di quen analizou na súa tese de doutoramento a introdución das TIC no ensino obrigatorio.
"As maneiras de ensinar seguen sendo as mesmas de hai vinte anos; se a rapazada non ten a mesma capacidade de atención, temos que mudar e isto faise con investimento pero preguntando a onde priorizar ese investimento", engade quen asegura que "todos os plans da Xunta para a dixitalización están mal planificados, priorizando os intereses de particulares e empresas". De aí, conta, a fuxida de moitos centros do plan Edixgal. "Falta formación, plans de acollemento para estas tecnoloxías... Hai nenos que accedían por primeira vez á vida dixital nas escolas, xa en Primaria, cando non estaban preparados", exemplifica.
"O uso das pantallas é unha variable máis a ter en conta pero non se pode botar a culpa da situación só a isto", achega Montserrat Castro, que cre que a chegada acelerada das novas tecnoloxías ás aulas "non se soubo xestionar". "Nin aínda sabemos: puxéronse moitas expectativas nos recursos dixitais, como salvadores do sistema educativo, pero non é o único elemento relevante do sistema, senón un máis", di quen, con todo, cre que hai "moitos exemplos de colexios que fan un labor espectacular coas novas tecnoloxías" fronte a outros moitos onde "as tablets só viñeron substituír o papel".
O debate das pantallas
Como antes, Castro insiste en que todo sería máis doado, tamén na xestión das pantallas e da dixitalización, con "máis recursos, máis planificación e máis formación". "Porque cada colexio ten o seu contexto: non se poden mercar centos de ordenadores e logo non ter para lupas ou microscopios, pero tampouco pode ser que haxa axudas para libros de texto pero non para mecanismos que permiten traballar en 3D e son moi positivos". "Non se pode uniformizar, cada experiencia é diferente", insiste para corroborar a tese de Añel, que pon outro exemplo. "Ás veces non é cuestión de fala de cartos e recursos, porque os hai, senón que non se invisten como o profesorado pide e si como a Xunta quere; se cadra hai moitos centros que prefiren un profesor máis a 50 encerados dixitais", conclúe.
Todas, en resumo, coinciden na necesidade dunha ollada máis ampla ao ensino e unha análise ao detalle do sistema educativo en Galicia para atender ás súas necesidades, priorizando as alertas que manda o profesorado. Ademais, insisten en "non facer unha lectura illada sen ter en conta os recortes e o contexto social actual", como lembra Castro, e en fuxir da uniformidade e permitir unha maior flexibilidade á hora de adaptar as aulas á necesidade do seu alumnado e da súa contorna.
As tres expertas coinciden na necesidade de máis recursos, más flexibilidade, máis atención ás demandas do profesorado e máis análise en detalle desde e para Galicia
"Boto en falta unha boa avaliación do sistema educativo en Galicia, pero non con probas estandarizadas como a do informe PISA, senón máis cualitativa, indo aos problemas do día a día", engade Castro, que lembra que "cada comunidade autónoma ten competencias plenas no sistema educativo". "É a Xunta quen decide se hai máis ou menos profesorado, se se usan materiais máis ou menos diversos ou se nos centramos só nas novas tecnoloxías... Xa abonda de botar as culpas os uns aos outros", di.
"Facer unha análise duns resultados obtidos a través dunha proba estandarizada, feita pola OCDE e descontextualizada achega moito barullo e pouco proveito. Hai que ir máis aló", remata.