O absentismo que a Xunta non sinala: o 39% do alumnado faltou a clase nos días previos á proba PISA

Alumnado galego facendo probas para o informe PISA e fragmento do documento sobre o absentismo en Galicia CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O rendemento en ciencias do alumnado que faltou a clase nalgún momento nas dúas semanas anteriores ás probas educativas é un 8% inferior ao que non faltou

Desde a pasada primavera a Xunta e o PP, co apoio da patronal, veñen desenvolvendo unha campaña contra o que denominan "absentismo" laboral pero que está centrándose realmente en controlar as baixas sanitarias ditadas por médicos. Outro absentismo, o escolar, vén de quedar en evidencia a través do informe PISA que avalía o rendemento académico en diversos países de rapazada de entre 15 e 16 anos. Segundo o documento, o 38,9% do alumnado galego que participou nas probas PISA declarou faltar "cando menos a unha clase ou a un día completo de escola durante as dúas semanas anteriores á proba". 

Galicia resultou ser unha das comunidades con menor absentismo, pero é das comunidades con máis efecto bruto dese absentismo na caída de rendemento en ciencias. Así, de Galicia o informe salienta que "o absentismo aparece claramente asociado a menores niveles de competencia científica incluso entre alumnado con características socioeconómicas similares".

O informe PISA salienta que "a asistencia regular e a puntualidade constitúen condicións básicas para a aprendizaxe, xa que garante a exposición continuada ás oportunidades educativas e favorecen a participación na vida escolar". Pola contra, "o absentismo, entendido como a falta de asistencia ao centro ou a determinadas clases sen xustificación, así como a impuntualidade reiterada, son indicadores de desvinculación escolar que poden afectar negativamente ao rendemento académico e ao benestar do alumnado". Así, "a evidencia internacional amosa que estes comportamentos asócianse con menores niveis de logro educativo e cun maior risco de fracaso e abandono escolar". 

Galicia é das comunidades con menos absentismo antes da proba PISA, pero está por riba da UE, a OCDE e moi lonxe de Portugal

Neste último informe PISA preguntouse ao alumnado examinado con que frecuencia faltou un día enteiro, a algunha clase ou chegou tarde a clase durante as dúas semanas anteriores ás probas. O resultado foi que en Galicia o 38,9% do alumnado examinado admitiu que faltara nalgún momento a clase nese período. A porcentaxe é das máis baixas de España, cunha media do 48,7%, e está na media da UE (38,5%) pero é superior á media dos países da OCDE que participan no informe PISA (33,9%) e moi lonxe do veciño Portugal (14,7%).

Redución da puntuación obtida nas probas PISA do alumnado que faltou a clase en comparación co que non o fixo, en datos brutos e descontando o nivel socioeconómico © Informe PISA

Na inmensa maioría dos países o absentismo ten correlación cun menor rendemento en ciencias. Segundo o sistema de valoración do informe PISA, nese eido Galicia obtivo nesta última avaliación un total de 486 puntos, fronte os 506 puntos da avaliación de 2022. Dentro deses rangos, o absentismo supuxo nesta última avaliación que o alumnado que faltou a clase nalgún momento obtivo 29 puntos menos que o que non faltou, o que supuxo unha baixada do rendemento do 8%, segundo o informe PISA. Eses 29 puntos de diferenza en ciencias sitúan a Galicia como a quinta comunidade con maior efecto bruto do absentismo no rendemento en ciencias, tras Euskadi, Baleares, Aragón e Asturias. 

De Galicia o informe PISA salienta que"o absentismo aparece claramente asociado a menores niveis de competencia científica incluso entre alumnado con características socioeconómicas similares"

Ademais en Galicia a diferenza bruta no rendemento por mor do absentismo mantense con independencia das variables socioeconómicas do alumnado, o que o informe PISA denomina como índice ISEC. Se a caída bruta do rendemento en xeral é de 29 puntos, desbotando as diferenzas socioeconómicas mantense en 27 puntos, sendo Galicia a segunda comunidade tras Baleares con maior caída do rendemento. Segundo PISA, "nestas comunidades o absentismo aparece claramente asociado a menores niveis de competencia científica incluso entre alumnado con características socioeconómicas similares". 

Rapazas e centros desfavorecidos rexistraron máis absentismo

En todo caso, en Galicia rexistrouse un maior absentismo en alumnado ou centros "desfavorecidos", co 40%, fronte aos "favorecidos", co 35,2%.

Canto ao sexo do alumnado, as rapazas rexistraron maior absentismo, co 40,4%, fronte aos rapaces, co 37,4%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.