Trabada asegura a continuidade da súa unidade de Infantil grazas a familias de Senegal, Chile ou Ferrol

33 nenos e nenas están matriculadas no CEIP Celso Currás de Trabada © CEIP Celso Currás

A comezos deste mes de xullo o Concello de Trabada lanzou un anuncio no que ofrecía vivenda de balde unha vivenda ás familias con nenos de nenas entre 3 e 6 anos co obxectivo de asegurar a continuidade da unidade de Infantil no seu colexio, o CEIP Celso Currás. O centro contaba con 33 nenos e nenas matriculadas entre Infantil e Primaria, pero para o vindeiro curso tan só estaba inscritos dous nenos e nenas entre 3 e 6 anos, lonxe do mínimo de seis fixado pola Xunta para manter aberta a aula. Á oferta de vivenda sumouse ademais a posibilidade de acceder a un emprego para algún dos proxenitores, dado o interese amosado por algúns empresarios da vila, que querían contribuír así a salvar esa parte do colexio.

Había menos dun mes para acadar o obxectivo, pero dende os primeiros momentos o Concello comezou a recibir mensaxes de familias residentes en toda Galicia, interesadas pola oferta de vivenda, un total de 16 no primeiro día. O único requisito que debían cumprir era instalarse na localidade e matricular dous ou máis nenos de entre 3 e 6 anos no ciclo de Infantil do CEIP. Algunhas das persoas que preguntaron pola vivenda tiñan só un fillo, ou tiñan dous ou máis, pero de máis idade, ou de menos, polo que non podían axudar a manter aberta a aula de Infantil. 

A primeira familia que cumpriu todas as condicións esixidas foi unha de orixe senegalesa, que ata agora residía na Coruña, unha parella con tres fillos de 2, 4 e 6 anos

A primeira familia que cumpriu todas as condicións esixidas foi unha de orixe senegalesa, que ata agora residía na Coruña, unha parella con tres fillos de 2, 4 e 6 anos. Os dous nenos maiores xa foron matriculados no colexio e a partir de setembro habitarán vivenda ofrecida polo Concello, unha vez que o seu pai finalice o emprego en hostalaría que ten na actualidade na cidade herculina. No outono, poderá ademais ocupar algún dos postos de traballo ofrecidos polos empresarios locais, que comunicaron que preferían contratar a persoas con fillos e fillas, que se asentasen na localidade.

Exterior do CEIP Celso Currás de Trabada © CEIP Celso Currás

Agora, para cubrir as dúas prazas restantes o Concello de Trabada deberá escoller entre as restantes familias que solicitaron información sobre a oferta de vivenda e emprego e que cumpren cos requisitos. Trátase dunha parella de orixe chilena que na actualidade vive en Cambre e que ten dous fillos xemelgos de 4 anos, e máis unha familia residente en Ferrol que conta con dous nenos de 3 e 4 anos. Neste último caso os dous membros da parella están no paro, mentres que no caso da familia de Cambre, un dos proxenitores traballa, polo que é probable que a escollida sexa a que vén dende a cidade ferrolá.

A segunda vivenda será para unha parella de orixe chilena que na actualidade vive en Cambre e que ten dous fillos xemelgos de 4 anos, ou para unha familia de Ferrol que conta con dous nenos de 3 e 4 anos

No momento en que estes dous nenos se matriculen no centro, a aula de infantil estará salvada para o vindeiro curso e, ademais, a súa continuidade semella asegurada para os anos seguintes, pois en 2017 naceron cinco nenos e nenas e os menores de 3 anos suman un total de 14. A alcaldesa da localidade, Mayra García, amósase "sorprendida" polo recibimento da oferta lanzada polo Concello hai unhas semanas. As familias que viñeron ver a casa quedaron moi satisfeitas coa vivenda e co colexio e tamén coa contorna, destaca, salientando a "tranquilidade" e o ambiente natural e seguro.

As vivendas están xa listas para entrar a vivir, nos lugares de Sante e Trabadela. E a rexedora asegura que polo emprego tampouco hai problema, comezando polos postos de traballo ofrecidos pola empresa Blanco Villar e por outras oportunidades laborais. "Dende o Concello o que podemos facer é ofrecer servizos no rural", destaca. "Ten que haber vida, ten que haber actividades para todos, e a xente ten que sentirse orgullosa de onde vive. Isto tamén é moi importante", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.