Oito institutos de Santiago adían o inicio do curso pola falta de respostas da Xunta sobre docentes, horarios e espazos

Selos e sinaturas na carta remitida por oito institutos de Santiago á Consellería de Educación CC-BY-SA Praza Pública

"A 9 de setembro, todos son incertezas". O pasado mércores, a apenas vinte e catro horas do inicio do curso en Infantil, Primaria e Ensinanzas Especiais e a apenas unha semana da data fixada para o regreso ás aulas en Secundaria e Bacharelato, o conselleiro Román Rodríguez retomaba as competencias educativas do Goberno galego reunindo o Consello Escolar de Galicia. Entre as propostas no seu regreso á Consellería, a "semipresencialidade" en BAC e FP nun contexto no que o protocolo para afrontar o coronavirus defendido pola Xunta dende o pasado xullo non é máis ca un "punto de partida".

"Non temos coñecemento do cupo de profesorado nin da aceptación da modificación de horarios, é imposible organizar os horarios e asignar os espazos"

Na mesma xornada, os ecos sobre as posibles mudanzas no protocolo que os institutos deben volver ás aulas espallábanse por centros de toda Galicia. E algúns deles xa decidiron frear. É o caso de oito institutos de Santiago, cuxas direccións comunicaron nunha carta conxunta á Inspección Educativa a súa intención de adiar o inicio do curso pola ausencia de respostas da Xunta en asuntos clave como horarios, uso de espazos e mesmo o número de docentes do que disporán no primeiro curso marcado dende o inicio pola pandemia.

"Non temos coñecemento do cupo de profesores/as (...), nin da aceptación da modificación de horarios e/ou quendas nalgúns centros", polo que "é imposible organizar os horarios do profesorado" e, por extensión, "asignar os espazos do alumnado". "En consecuencia", advirten, tamén resulta imposible "abrir o centro o día 16 de setembro", data fixada pola Xunta, lembran as direccións dos institutos Antón Fraguas, Eduardo Pondal, Lamas de Abade, A Pontepedriña, Rosalía de Castro, Sar, Xelmírez I e Xelmírez II.

A dirección do IES de Sar (na imaxe) é unha das que optou polo adiamento do inicio do curso © IES de Sar

"Nesta situación de pandemia -explica a misiva-, a maioría dos centros comezarían a última fase da organización" do novo curso dende o pasado 4 de setembro. E agás "algunha excepción puntual das vacantes", indican, xa terían que "ter toda a información necesaria", con doce días por diante para "ter todo o a punto". Pero o certo é que "a 9 de setembro, todo son incertezas", reprochan

"Necesitamos un mínimo de sete días lectivos para organizar os centros", advirten as direccións destes oito institutos, que decidiron adiar o comezo do curso previsto para o día 16 co obxectivo de que poida ser "correcto"

"Non só non temos coñecemento das vacantes que nos corresponden". Tampouco, lamentan, "sabemos se van ser aceptadas as nosas propostas tanto no relativo á modificación de horarios ou quendas como de número de docentes". "Se tivésemos a información o 10 de setembro, as reunións do claustro non poderían realizarse antes do día 11" e a "organización dun curso tan complexo e esixente" quedaría reducida a "catro días e medio", incluíndo a fin de semana.

"Necesitamos -conclúe a carta- un mínimo de sete días lectivos para poder organizar os centros" e "se as vacantes e as modificacións de horarios" chegasen o venres, día 11, "o comezo do curso non podería ser antes dos días 23, 24 e 25". Por todo isto, a decisión destes centros é "adiar o inicio do curso para garantir a toda a comunidade educativa un inicio de curso correcto".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.