O pasado xoves 10 de setembro botou a andar o curso escolar en Infantil, Primaria e Educación Especial. Un curso marcado pola pandemia de coronavirus e pola polémica xerada pola xestión realizada pola Consellaría de Educación para esta volta a clase, que recibiu duras críticas por parte de profesorado, sindicatos e familias. Dende os primeiros días do curso, ao igual que noutras comunidades autónomas do Estado español, fomos coñecendo unha sucesión de novas sobre a aparición de positivos de coronavirus, aulas pechadas e mesmo a clausura temporal dun centro ao completo, o Colexio Calasancio de Pontevedra.
Os positivos afectaron a 73 centros distintos, nun total de 39 concellos diferentes. Os 27 peches de aulas leváronse a cabo en 18 localidades
Unha vez rematada a primeira semana completa de clases, a Xunta fixo público este sábado a relación completa de casos positivos e peches que se produciron nos distintos centros de ensino de Infantil e Primaria. Nestes primeiros días de curso detectáronse un total de 96 casos positivos en Galicia, que obrigaron ao peche de 27 aulas, ademais da xa referida clausura do Colexio Calasancio.
Os positivos afectaron a 73 centros distintos, nun total de 39 concellos diferentes. Os 27 peches de aulas leváronse a cabo en 18 localidades.
A Xunta anuncia que dende agora informará diariamente dos positivos e peches de aula que se vaian producindo
15 dos casos positivos corresponden a centros de Educación Infantil e os restantes 81 a Primaria. De igual xeito, 5 das aulas pechadas foron de centros de Infantil e 22 ao resto de centros que iniciaron a súa actividade.
Ademais, o Goberno galego anuncia que de agora en adiante "comunicará de forma conxunta os casos positivos de covid-19 relativos aos centros educativos", diariamente entre martes e sábado, de xeito que os medios "contarán coa información relativa aos casos do día inmediatamente anterior".
Pontevedra e A Coruña son os dous concellos máis afectados polos positivos nos centros de ensino, por diante de Ourense e Compostela
Por concellos, os máis afectados ata o momento polos contaxios nos centros de ensino foron Pontevedra (16 positivos, 1 colexio e 4 aulas pechadas) e A Coruña (13 positivos e 5 aulas pechadas). En Pontevedra foron 8 os centros afectados e na Coruña foron 9.
Ourense (8 positivos e 1 aula pechada) e Compostela (8 positivos e 2 aulas pechadas) tamén sufriron varios casos. O mesmo que Lugo (5 positivos pero sen aulas pechadas) e Vigo (5 positivos e 1 aula pechada). Fóra das cidades, tan só Padrón, Sanxenxo, Redondela, Marín, Friol, Brión e Carballo tiveron máis dun positivo