Segundo día consecutivo de récord de probas PCR, con máis de 6.500, e 267 novos casos, outros 13 en residentes en centros de maiores

CC-BY-SA Praza Pública

Xa son 320 os usuarios afectados en once residencias de maiores, mentres nos hospitais aumentan os pacientes en UCI, ata 35, pero diminúen en planta, a 201

Os datos oficiais ofrecidos pola Xunta na última xornada a respecto da pandemia do coronavirus amosan un novo récord de probas PCR por segundo día consecutivo, cun total de 6.585 tras as 6.551 dun día antes. Os novos casos rexistrados na última xornada son 267, máis que o día anterior pero na liña que se vén rexistrando desde hai un mes arredor de 250, cifra que tamén confirman os datos facilitados polo ministerio.

Na última xornada só se rexistrou un falecemento, ata un total de 727, pero seguíronse a rexistrar novos casos en residencias de maiores, outros 13, co que xa son 320 os usuarios afectados en once centros distintos e 118 os traballadores.

Canto ao tipo de atención que requiren as persoas afectadas, hai tres máis en UCI (35 en total, a maior cifra da actual vaga) mentres que en planta hai nove menos (201). Delas, na área da Coruña son 6 as persoas en UCI e 54 en planta.

Nas residencias, na última xornada rexistráronse 13 novos casos en sete centros distintos de persoas maiores, o que fai que o cómputo total se eleve 320 persoas usuarias nun total de once residencias

Nas residencias, na última xornada rexistráronse 13 novos casos en sete centros distintos de persoas maiores, o que fai que o cómputo total se eleve 320 persoas usuarias nun total de once residencias, na que a máis afectada segue a ser a DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, con 131 casos entre os residentes. Nas residencias de discapacidade, as afectadas son dúas, a Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros, con 23 casos, e a Pain Menni de Betanzos, cun caso. Entre o persoal, son 118 os traballadores positivos en coronavirus nas residencias de maiores e 20 nas de discapacidade.

Pontevedra-O Salnés e Ourense son as áreas sanitarias con peor evolución nas últimas xornadas mentres na Coruña mellora a situación polas altas, pero con 65 novos casos

Por áreas sanitarias, a de Pontevedra-O Salnés segue a ser a que peor evolución presenta, con 810 casos activos na última xornada, 26 máis que na xornada previa, seguida da de Ourense, con 689 activos, 21 máis. Pola contra, a área da Coruña segue a mellorar a súa situación a base de altas, 97 na última xornada, co que reduce os positivos activos a 1.077, 32 menos que o día anterior, malia rexistrar na última xornada 65 novos casos.

Un DOG extraordinario na tarde deste venres fixo oficiais as novas restricións para Vilanova de Arousa e prorrogou as de Verín sinalando para as dúas vilas que as taxas de incidencia acumulada veñen aumentando nas últimas semanas

Por outra banda, un Diario Oficial de Galicia extraordinario publicado na tarde deste venres fixo oficial a ampliación das restricións a Vilanova de Arousa, unha das vilas máis afectadas polo brote detectado na área de Pontevedra-O Salnés ligado a unha empresa cárnica. Entre os poucos datos que a Xunta comunica a través desa vía, o DOG sinala que nas tres últimas semanas veñen aumentando as diversas taxas acumuladas a 3, 7 e 14 días e que “o 60 % dos casos declarados nos últimos 14 días en Vilanova de Arousa foron nos últimos 5 días, sendo este concello o que amosa a taxa acumulada a 3 días máis alta de toda a comarca, e 2,57 veces a observada para o total de Galicia”.

No DOG extraordinario deste venres a Xunta tamén mantén as restricións establecidas para Verín sinalando que “a taxa acumulada a 14 días obsérvase como vén aumentando nas últimas semanas e a taxa acumulada a 7 días ascende, amosando un valor de máis do dobre do conxunto de Galicia”. “O brote ten características de alto risco atendida a taxa de incidencia nos últimos tres días e a porcentaxe de positividade de probas PCR, en especial no concello de Verín polo aumento recente de casos xunto co aumento de ingresos e a circunstancia de ter unha poboación moi envellecida”, sinala a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.