Con datos deste 20 de abril, en Galicia recibiran cando menos unha dose de vacina contra o coronavirus un total de 681.904 persoas, segundo datos do Ministerio de Sanidade, que os recibe das comunidades autónomas. Nesa mesma xornada, xa recibiran a pauta completa de vacinación (ata agora, composta por dúas doses), a que conduce á inmunización, 232.363 persoas.
Na mesma xornada, segundo a mesma fonte de datos, 9,9 millóns de persoas no conxunto do Estado tiñan xa posta unha dose de vacina. Mentres, 3,6 millóns de persoas tiñan a pauta completa e xa estaban inmunizadas.
Con datos do día 20, as persoas coa pauta da vacina completa multiplicaban en Galicia por 1,9 ao total de contaxiadas e, no conxunto do Estado, esta proporción era de 1,05. Mentres, a poboación cunha soa dose era 5,66 veces superior á contaxiada en Galicia e 2,87 veces en España
Na mesma xornada, atendendo á información oficial do Ministerio de Sanidade, o dato oficial de España indicaba que, dende o comezo da pandemia, pasaran o coronavirus uns 3,4 millóns de persoas. Ese mesmo o día, o Servizo Galego de Saúde contabilizaba un dato acumulado de 120.445 contaxios.
Deste xeito, en Galicia o número de persoas vacinadas cunha soa dose multiplicaba por 5,6 o total das que se contaxiaran. Mentres, as que estaban xa inmunizadas por ter as dúas doses facíano por 1,9, isto é, estaban a piques de duplicalo.
A correlación estatal entre persoas contaxiadas e poboación coa pauta completa era un chisco inferior: 1,05 persoas coas dúas doses por cada persoa contaxiada. Mentres, a correlación galega de poboación cunha única dose si era moito maior que a estatal: 5,66 persoas que xa recibira o primeiro picazo por cada persoa contaxiada fonte a 2,87 no conxunto do Estado.
Feijóo mestura ambos indicadores
Como amosan os datos sobre estas liñas, a combinación dun alto ritmo de vacinación cunha incidencia do virus menor que a estatal no conxunto da pandemia está a permitir que os indicadores galegos sexan mellores que os de España no que atinxe á correlación entre número de persoas vacinadas e número de persoas contaxiadas. No entanto, este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mesturou todos estes indicadores a data de 20 de abril.
Para procurar facer ver que o ritmo do seu Goberno na vacinación é maior, deu en comparar o número de persoas vacinadas cunha soa dose en Galicia co número de persoas que recibiron as dúas en España. Acto seguido, comparou eses datos cruzados, coas respectivas cifras acumuladas de contaxios
Feijóo afirmou que "España leva vacinadas," o mesmo "número de persoas que resultaron contaxiadas" mentres que "Galicia leva vacinadas a cinco veces máis persoas das que resultaron contaxiadas", o que implica mesturar a poboación cunha soa dose coa que recibiu a pauta completa
Na súa exposición inicial na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo sinalou que "España leva vacinadas, aproximadamente" o mesmo "número de persoas que resultaron contaxiadas" mentes que "Galicia leva vacinadas a cinco veces máis persoas das que resultaron contaxiadas". "Se España está empatada en número de persoas que pasaron a COVID co número de persoas vacinadas" e "Galicia vacinou cinco veces máis que as que pasaron a enfermidade", expuxo, é sinal de que "estamos nunha situación mellor desde o punto de vista da rapidez" da vacinación.
En realidade, con datos do día 20, as persoas coa pauta da vacina completa multiplicaban en Galicia por 1,9 ao total de contaxiadas e, no conxunto do Estado, esta proporción era de 1,05. Mentres, a poboación cunha soa dose era 5,66 veces superior á contaxiada en Galicia e 2,87 veces en España. Daquela, a correlación entre persoas inmunizadas e contaxiadas en Galicia é mellor que o total estatal, pero a diferenza cos datos do día citado por Feijóo era de apenas nove décimas. Mentres, o dato relativo ás persoas cunhas soa dose si supón en Galicia quintuplicar amplamente o número de contaxiadas, pero o dato estatal non implica "empatar", senón case triplicar o acumulado de contaxios.
Os datos a día 21 de abril: case o 30% da 'poboación diana' con polo menos unha dose
A mestura de datos por parte de Feijóo chegaba poucas horas antes de que o Ministerio de Sanidade volvese actualizar a información a respecto da vacinación, neste caso con información pechada a 21 de abril. Atendendo a esta nova actualización, case o 30% da poboación galega maior de 16 anos (concretamente, o 29,9) recibiu xa polo menos unha dose de vacina. O dato estatal é do 25,3%. Galicia leva postas o 89,5% das doses recibidas, arredor de medio punto por baixo da media estatal.
Isto implica que as persoas con cando menos unha dose sexan xa 706.458. Dado que, a 21 de abril, o número de persoas contaxiadas acumuladas eran 120.581 (co dato pechado polo Sergas ás seis da tarde), a poboación con polo menos unha dose multiplicaba en Galicia por 5,86 a cifra de contaxios acumulada. Mentres, a poboación coa pauta completa chega xa a 241.155, o que supón multiplicar por 1,99 o total de contaxios acumulado. Para o o conxunto do Estado, o número de persoas con polo menos unha dose multiplica agora por 2,93 o total de contaxiadas e a poboación coa pauta completa equivale a 1,09 veces a poboación contaxiada.
Por grupos de idade, entre a poboación maior de 80 anos xa é máis do 97% a que recibiu polo menos unha dose de vacina (algo máis dun punto por baixo da media estatal) e o 65,9% xa ten postas as dúas (no conxunto do Estado, o 72,1%. No grupo de 70 a 79 anos, o 71,2% ten xa posta polo menos unha dose (o dato estatal é do 55,1%) e está inmunizada o 1,7% (no total estatal, o 3,8%).