O Sergas recomenda o uso xeral de máscara en todos os centros sanitarios ante o pico de gripe

O Sergas recomenda o uso xeral de máscara en todos os centros sanitarios ante o pico de gripe CC-BY-SA Praza Pública

Hai 653 persoas ingresadas por ou con gripe, 27 delas na UCI, fronte a 120 ingresadas por ou con COVID-19, 7 na UCI

Ante o pico de gripe que se está a rexistrar en Galicia a Consellería de Sanidade vén de recomendar o uso xeral de máscara en todos os seus centros sanitarios desde este mesmo venres e durante os próximos 15 días, momento no que se revisará a situación epidemiolóxica. Así o comunicou este venres o conselleiro, Julio García Comesaña. Sanidade tamén posporá actividades non prioritarias.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e altos cargos do seu departamento na comparecencia deste venres na que recomendaron o uso de máscara e información da evolución da gripe CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ata agora a recomendación de uso de máscara limitábase ás zonas dos servizos de urxencias e ás unidades con persoas inmunodeprimidas, pero agora será ampliada a todos os espazos tanto dos centros de saúde como dos hospitais. Unha recomendación que chega porque segundo Comesaña "estamos preto do pico de gripe" e entre esta semana e a próxima acadarase o maior número de contaxios, situación que se está a reflectir nunha importante tensión nos servizos de urxencias ante a incapacidade xa previa da Atención Primaria. 

Segundo Sanidade, este decembro estase a rexistrar unha media diaria de 2.700 atencións nos servizos de urxencias do Sergas, un 8% máis que o ano pasado (2.500 atencións de media), coas patoloxías respiratorias xogando "un papel importante no aumento". Canto ás hospitalizacións, actualmente hai 653 persoas ingresadas por ou con gripe (27 delas na UCI), 160 persoas ingresadas por ou con COVID-19 (7 na UCI), e 162 por ou con Virus Respiratorio Sincitial (VRS), das que 6 están na UCI.

A infección respiratoria predominante nestes momentos en Galicia é a Gripe A, sendo a responsable do 68 % dos casos, mentres que a linaxe predominante da COVID-19, na actualidade, é a JN1. Canto a positividade das probas, os test que se están a realizar nestas xornadas acadan un 34 % de positividade no caso da gripe, e un 8% no casos das infeccións do Virus Respiratorio Sincitial.

Máscaras CC-BY-SA Praza Pública

O conselleiro convida á poboación a vacinarse porque "moita da xente que temos ingresada está sen vacinar"

Ante esta situación, o conselleiro solicitou á poboación extremar as precaucións nas xuntanzas do Nadal e convidou á vacinación a todas as persoas que aínda non o fixeran, pois “moita da xente que temos ingresada está sen vacinar”.

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explicou as medidas que está a poñer en marcha o Sergas para atender o incremento da demanda nos centros sanitarios. Así, e de acordo co recollido nos Plans de Contixencia, o conxunto das áreas sanitarias galegas (agás a de Lugo) reforzaron os seus recursos humanos e materiais, o que supuxo un aumento no número de profesionais e a posta en operatividade de 80 camas máis no conxunto do sistema. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.