"O feito de que Galicia fose a primeira en dar o paso garante que os rapaces estarán moito máis protexidos ante unha enfermidade que é a causa máis frecuente de hospitalización nos lactantes", salienta o xefe do servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago sobre a vacina do virus respiratorio sincitial
O xefe do servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón, debulla as investigacións e o deseño da vacina contra o virus respiratorio sincitial (VRS), responsable de gran parte dos ingresos dos bebés, e que Galicia administrará de forma pioneira. "Estamos diante dun avance moi importante e o feito de que Galicia fose a primeira en dar o paso, aínda que a seguirán outros moitos países, garante que os rapaces galegos estarán moito máis protexidos ante unha enfermidade que é a causa máis frecuente de hospitalización nos lactantes", salienta o especialista.
O virus respiratorio sincitial afecta ao 90% dos menores de dous anos, e ten unha evolución que pode ser moi rápida, como vai axudar a vacina aos contaxiados?
A idea precisamente é que isto non é unha vacina como as entendemos clasicamente. Cando administramos unha vacina o noso corpo aprende a defenderse do patóxeno, neste caso do virus respiratorio sincitial. Aquí o que temos é unha inmunoprofilaxe ou vacina pasiva. Neste caso, adminístranselle directamente as defensas ao rapaz. As defensas xa van no vial da vacina, polo que o rapaz está protexido desde o primeiro momento no que se lle pon. Cando se administra unha vacina tradicional hai que agardar un tempo a que a vacina aprenda e o rapaz estea protexido. Pero neste caso trátase dun anticorpo monoclonal que vai dirixido contra o virus e que se administra como unha vacina, cun efecto que dura entre cinco e seis meses, que é o tempo que se prolonga a estación do virus sincitial.
Incluír a vacina do VRS no calendario a partir deste outono terá un impacto nas urxencias de Pediatría
Estamos seguros de que si. Hai que ter en conta que o primeiro ano de vida un de cada catro lactantes sans van infectarse, un de cada 56 vai ingresar e o 6% deles vai ingresar ademais nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Polo tanto, é moitísima a cantidade de patoloxía que xera este virus. Polos ensaios clínicos sabemos que desde que se licenciou esta inmunoprofilaxe evita case nun 80% as hospitalizacións por este virus e nun 80% a necesidade de atención médica dun rapaz infectado. É dicir, que ten que influír non só no descenso das hospitalizacións, senón tamén nas atencións a urxencias e incluso ao Pediatra de atención primaria.
A vacina do virus respiratorio sincitial vaise administrar no primeiro ano de vida en bebés sans, mentres que as crianzas de grupos de risco recibirán a vacina dous anos
O presidente da Xunta afirmou que este inverno o impacto do VRS nos lactantes foi máis forte, chegando a duplicar as hospitalizacións, evolucionou pola convivencia co coronavirus volvéndose máis letal?
Os casos non foron máis graves, o que houbo é máis cantidade. A razón é moi sinxela, en realidade o virus non circulou durante a pandemia, o mesmo que sucedeu co virus da gripe. O que pasou é que non tiñamos só a cohorte de acabados de nacer dun ano, senón que cando volveu a circular o virus este ano tiñamos os nados deste ano e os dos dous anteriores, que non estiveran aínda en contacto co virus.
Non houbo cambios na virulencia do virus, pero tiñamos máis cantidade de poboación que non estivera exposta previamente e houbo máis casos á vez. Por iso tivemos unhas cifras tan altas este inverno, e é posible que o inverno que vén tamén sexa duro porque aínda quedan rapaces destas estacións anteriores que non foron expostos ao virus. Pero o máis importante é protexer, precisamente, aos máis pequenos porque se tes este mesmo virus cando xa es máis maior a probabilidade de que ingreses ou de que teñas complicacións é moito máis baixa. A máxima prioridade é protexer aos rapaces de menos de seis meses e, idealmente, aos menores dun ano.
"A máxima prioridade é protexer aos rapaces de menos de seis meses e, idealmente, aos menores dun ano"
Como se deseñou esta vacina do virus respiratorio sincitial?
Falamos disto como unha vacina porque ao final funciona como unha vacina, no senso de que se administra aos rapaces de forma intramuscular cunha única dose. Pero realmente o que está dentro do vial non é unha vacina convencional que leva o patóxeno debilitado (ou unha parte del), o noso sistema inmune o recoñece e xera as defensas. Normalmente, o noso sistema aprende e ao cabo dunhas semanas estamos protexidos para que ao contacto con ese virus, ou con calquera patóxeno, o noso corpo xa sabe o que ten que facer e deféndenos.
Neste caso, o que se fai é administrar xa esas defensas preformadas. É dicir, os anticorpos que precisamos para bloquear o virus xa se fabrican previamente e adminístranse directamente ao rapaz. De feito, a vantaxe é que desde o momento en que pos este anticorpo monoclonal o rapaz xa está protexido e se entra en contacto co virus bloquea o seu intento de unirse ao noso pulmón. É un concepto distinto ao das vacinas clásicas, é o que chamamos unha inmunoprofilaxe pasiva. Pero para quen a recibe isto ten menos importancia, o importante é saber que este tipo de inmunización funciona, é segura, e aínda que ten diferencias de funcionamento o que podemos esperar é o mesmo.
"A vacina da COVID beneficiouse de toda a investigación que se fixera nas últimas décadas, precisamente nas vacinas do virus respiratorio sincitial"
Tivo relevancia o aprendido coa vacina da COVID-19 para a creación desta outra?
En realidade a vacina da COVID beneficiouse de toda a investigación que se fixera nas últimas décadas, precisamente nas vacinas do virus respiratorio sincitial. Isto ten que ver co grupo de Barney Graham, que descubriu que o antíxeno importante que utilizamos nesta inmunización, que é a proteína F –o equivalente á proteína S das vacinas da COVID, que é o mecanismo co que nos ataca–, cando se une ao epitelio do pulmón cambia de forma. É dicir, que aínda que é a mesma proteína, ten unha configuración distinta antes e despois de fusionarse.
O destacado disto é que as partes dese antíxeno que son importantes para o noso sistema inmune son diferentes. Algunhas expóñense na pre-fusión e outras a posteriori. Polo tanto, todas as vacinas que están en desenvolvemento, tanto para adultos como para rapaces, do virus respiratorio sincitial utilizan xusto a forma de pre-fusión, que é a que expón as partes máis vulnerables do virus. E a investigación do VRS acelerou a configuración necesaria da proteína S da COVID nas vacinas.
Como está previsto que se administre esta vacina ás crianzas en Galicia?
Vaise administrar no primeiro ano de vida en rapazas sans. Todos aqueles que nazan durante a estación do virus respiratorio sincitial, que aquí en Galicia normalmente vai de outubro a marzo, van recibir esta vacina. Probablemente será no propio hospital, como se facía no seu día coa vacina da hepatite B ou faise agora coa profilaxe da vitamina K. Ademais, cando vaia comezar a estación do virus vacinaranse tamén todos aqueles rapaces que nese momento sexan menores dun ano. Aínda falta precisar exactamente as datas de nacemento coa dirección xeral de Saúde Pública. A maiores, aqueles que sexan grupos de risco: os prematuros, aqueles con enfermidades do corazón, con afectacións pulmonares crónicas, etc. vana recibir tamén no segundo ano de vida ou ata que teñan dous anos.