As consultas por gripe aumentan un 107% nunha semana, pero a intensidade do virus segue baixa

Un grupo de persoas espera a súa quenda nun centro de saúde CC-BY-SA Xunta

Na segunda semana do ano rexistráronse nos centros de Atención Primaria 73,4 consultas por gripe por cada 100.000 habitantes, un forte incremento dende a primeira semana (35,4). Con todo, descendeu a venda de antigripais

A incidencia da gripe en Galicia continúa a aumentar, pero os indicadores -de consultas médicas, venda de antigripais nas farmacias e ingresos hospitalarios- recollidos polo Sergas na segunda semana do ano amosan que a intensidade do virus aínda se mantén en niveis baixos.

Así, o último informe de actividade gripal elaborado pola Consellería de Sanidade e publicado este xoves indica que a taxa de consultas por gripe aumentou un 107% na última semana, sete días nos que ingresaron no hospital 150 persoas con gripe confirmada. Pola contra, a dispensación de antigripais e probas de antíxenos nas farmacias sentinela minguou neste período.

O modelo do Sergas estima que nas vindeiras dúas semana a incidencia da gripe continuará ascendendo sen sobrepasar o limiar do nivel medio © Sergas

O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos (98,6 consultas por cada 100.000 persoas), seguido do das crianzas de 0-4 anos (90,3) e o de 5 a 19 anos (68,7)

A estimación do modelo de predición suxire que nas vindeiras dúas semanas a taxa de consultas por gripe continuará ascendendo sen sobrepasar o limiar do nivel medio. Con todo, indica o Sergas, dentro dos límites dos intervalos de confianza tamén se atopa a posibilidade de que na segunda quincena de xaneiro a incidencia da vaga de gripe si chegue a ese nivel medio.

Na segunda semana do ano rexistráronse nos centros de atención primaria de Galicia 73,4 consultas por gripe por cada 100.000 habitantes, un forte incremento dende a taxa da primeira semana de xaneiro (35,4). O incremento obsérvase en todos os grupos de idade. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 20 a 59 anos (98,6), seguido do das crianzas (90,3) e o de 5 a 19 (68,7). As persoas de máis de 60 anos -o grupo máis protexido pola vacinación- rexistrou unha taxa de consultas por gripe notablemente inferior, ao redor de 30.

A área sanitaria de Ourense foi a que rexistrou unha maior incidencia (96,6 consultas por cada 100.000 habitantes)

A taxa de consultas aumentou en todas as áreas sanitarias. A área sanitaria de Ourense foi a que rexistrou unha maior incidencia (96,6 consultas por cada 100.000 habitantes), seguida das da Coruña, Lugo e Santiago, todas elas por riba das 60 consultas por 100.000 habitantes.

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana do 6 ao 13 de xaneiro ingresaron 150 persoas con gripe confirmada, isto é un 27 % máis que a semana anterior. No que vai de tempada da gripe notificáronse 481 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.

Na semana do 6 ao 13 de xaneiro ingresaron nos hospitais galergos 150 persoas con gripe confirmada, isto é un 27 % máis que a semana anterior

A pasada semana, dende a Consellaría de Sanidade detallouse que a evolución da gripe nesta temapa estaba a ser semellante á do inverno 2019-2020, o que facía prever que o momento de maior intensidade da enfermidade comece a partir do día 15, cun maior número de casos de gripe na derradeira semana de xaneiro, a partir do día 20.

A Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda o emprego da máscara aos pacientes con síntomas respiratorios e aos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.