Na derradeira semana de decembro os casos detactados polo Sergas aumentaron un 21%, o mesmo que a venda de medicamentos asociados nas farmacias
Xaneiro adoita ser o mes de maior incidencia da gripe e semella que tamén o será neste inverno. O número de casos detectados polo Sergas está en rápido ascenso -a Consellaría de Sanidade detalla que aumentaron un 21% na derradeira semana de diciembre- e tamén os ingresos hospitalarios. O Sergas estima que o pico da enfermidade comezará a partir do 15 de xaneiro e que a semana do 20 ao 26 será a de maior incidencia.
Así o está a explicar nos últimos días o conselleiro Antonio Gómez Caamaño, que este mércores presentou un acordo de colaboración cos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia para a posta en marcha dunha rede "pioneira" de 70 farmacias sentinela para anticipar a evolución da gripe a partir da venda de test de antíxenos e
medicamentos.
O momento de maior intensidade da enfermidade comezará a partir do día 15, cun maior número de casos de gripe na derradeira semana de xaneiro, a partir do día 20
As 70 farmacias das catro provincias que se suman ao convenio achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos. Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias "permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas", destaca o Sergas.
Para Gómez Caamaño os datos recollidos nas últimas semanas, tanto de asistencia sanitaria por infeccións respiratorias coma da demanda nas famacias de produtos asociados, veñen "confirmar o inicio da onda de gripe, cun nivel de intensidade baixa en aumento progresivo".
70 farmacias das catro provincias achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos
A evolución da gripe está a ser semellante á do inverno 2019-2020, o que fai prever que o momento de maior intensidade da enfermidade comece a partir do día 15, cun maior número de casos de gripe na derradeira semana de xaneiro, a partir do día 20. Nos últimos anos, unha vez superada a pandemia de COVID, o pico da gripe adiantouse en varias ocasións ao mes de decembro e mesmo a novembro (no inverno 2022-23), pero semella que nesta ocasión a enfermidade regresa ao seu calendario tradicional.
Algúns hospitais galegos comezan tamén a detectar os efectos do inicio da onda gripal. O CHUAC coruñés tivo na última semana, por exemplo, 49 ingresos por gripe, sete veces máis que na derradeira semana de decembro, destaca La Voz de Galicia. A mesma situación está a producirse no CHUVI vigués, onde se están a instalar máis camas en resposta ao incremento de ingresos por mor de enfemidades respiratorias.
Éxito da vacinación
800.000 persoas vacináronse da gripe, cunha cobertura do 75% nos maiores de 65 anos
Galicia preparouse para a onda da gripe cunha exitosa campaña de vacinación na que preto de 800.000 persoas foron protexidas. A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos vacinada está próxima ao 75%, que é o
obxectivo da campaña. En todo caso, Sanidade aspira a aumentar a cobertura, especialmente na franxa de idade de 60 a 69 anos, que está por debaixo do 50%. En cambio, supérase o 70% entre as persoas de 70 a 79 e o dato achégase ao 85% no caso dos maiores de 80 anos.
O Sergas mantén a posibilidade de vacinarse nos hospitais públicos ata o próximo sábado 18 de xaneiro
En canto ás embarazadas, máis do 35% vacinouse fronte á gripe. A Xunta lembra a súa importancia xa que a vacinación materna reduce as hospitalizacións e visitas a urxencias en bebés menores de 6 meses. No querespecta á vacinación infantil, Galicia xa acadou o obxectivo do 60% de nenas e nenos de 6 e 59 meses protexidos.
O Sergas mantén a posibilidade de vacinarse nos hospitais públicos ata o próximo sábado 18 de xaneiro. As persoas que desexen vacinarse da gripe e a covid poden solicitar autocita a través da aplicación Sergas Móbil, na que se lle facilitarán horarios dispoñibles no seu hospital de referencia.