Sen marxe para cubrir a Pediatría nos centros de saúde: "É moi complicado cambiar a situación sen máis persoal"

Sala de espera de Pediatría na área sanitaria da Coruña e Cee CC-BY-SA Sergas

"O problema máis importante é que non son nenos do teu cupo e non os coñeces igual. Aténdelos o mellor que podes pero non están sendo sempre atendidos polo mesmo profesional, que é o peor cara á poboación", critica unha pediatra de Ribeira, que explica a Praza.gal como se cobren as ausencias sen substitutos en Pediatría

Pasadas as sete da tarde nun centro de saúde de Vigo, as dúas traballadoras que atenden ao público conversan por tras das mamparas de protección que aínda fican alí despois da pandemia. Esa semana non hai ningún pediatra que pase consulta polas tardes, por iso na sala de espera non se escoitan as crianzas e tampouco hai ningún carro aparcado no corredor. Non saben se se tratará dunha ausencia prolongada, nin como a van cubrir. De momento, as axendas están pechadas e non poden dar citas. Os doentes correspondentes a ese cupo teñen que ir urxentes e que os vexa outro facultativo nese centro ou ir directamente ás urxencias do hospital. "Logo resulta que hai substituto e como non avisan, non puidemos citarlle aos que viñeron pedindo unha consulta os días anteriores", quéixanse.

O que debera ser unha excepción xa é cotiá en Pediatría no Sergas. Non hai lista de substitución porque todas e todos están a traballar e das seis persoas que remataron a residencia desta especialidade este ano, só unha escolleu quedar na Atención Primaria. O resto repartíronse entre os servizos de Pediatría dos distintos hospitais galegos.

Consulta de Pediatría CC-BY-SA Sergas

O sistema que vén empregando o Sergas ofrece dúas opcións cando se produce a ausencia dun pediatra –tanto programada como extraordinaria–: a intersubstitución ou a prolongación de xornada. A primeira supón que a axenda de crianzas enfermas dese pediatra que non está repártese entre os outros que si pasan consulta ese día. Así, varios nenos ou nenas aparecen citados á mesma hora e as salas de espera énchense polo atraso acumulado. A outra opción significa engadir dúas ou catro horas á quenda de traballo ordinaria dun pediatra para que nese tempo pase consulta aos doentes do compañeiro ausente. "Pero estas ausencias ás veces son baixas longas e así os doentes están mal atendidos, xa que uns días lles toca un pediatra e outros outro distinto, coa falta de seguimento que iso implica", apunta unha pediatra, que traballa nun centro de saúde da provincia de Pontevedra, a Praza.gal.

Cando falta un pediatra os nenos e nenas repártense entre o resto e varios aparecen citados á mesma hora, polo que as salas de espera énchense debido ao atraso acumulado

No centro de saúde de Ribeira falta un pediatra desde hai un ano e o resto fan prolongacións de xornada de maneira programada polas tardes para pasar esa consulta. Non o fan obrigados, pero non hai outra maneira de atender a todas as crianzas. "É unha xornada complementaria polo que o Sergas non te pode obrigar, chámante coas ausencias que hai e ti decides. Pero moitas veces hai presión porque repercute noutros compañeiros e arrimas o ombreiro", explica a pediatra Beatriz Martínez.

Neste caso, non queda outra que repartirse o traballo varias tardes á semana, o que implica consultas de oito da mañá a tres da tarde e seguido desde as tres ata as sete. Xornadas intensivas que se complican máis polo feito de non coñecer ás crianzas do outro pediatra ao que substitúen. "Para min, o problema máis importante é que non son nenos do teu cupo e non os coñeces igual. Aténdelos o mellor que podes pero non están sendo sempre atendidos polo mesmo profesional, que é o peor cara á poboación", salienta esta pediatra de Ribeira.

Bebé ao pouco de nacer CC-BY-SA Xunta

"Todos o facemos o mellor que podemos, pero non podemos seguilos como se fosen os nosos", sinala a pediatra de Ribeira sobre os pacientes que atende pola ausencia doutro compañeiro

No caso das crianzas, segundo varios pediatras consultados por Praza.gal, o seguimento é case máis importante que no dos adultos. "Hai moitas revisións e hoxe o vexo eu, pasado mañá tócalle a un compañeiro e para a semana a outro. E todos o facemos o mellor que podemos, pero non podemos seguilos como se fosen os nosos porque traballamos cinco días pola mañá para o noso cupo e non cinco días no cupo de tarde, senón estariamos vivindo no centro de saúde. A perda de seguimento si que se nota cando estás a pasar consulta porque sempre hai cousas que quedan no aire, pero non hai outra maneira de facelo porque non hai ninguén que veña a cubrir as ausencias", debulla Beatriz Martínez.

Ela é unha das poucas pediatras que non tivo dúbidas á hora de escoller a Pediatría na Atención Primaria, mais a maioría da xente na súa promoción optou pola atención hospitalaria. "Foise creando un déficit na Atención Primaria e iso fai que non se poidan cubrir todas as prazas e que os demais teñamos que intentar resolver esas ausencias, que tampouco sabemos cando van xurdir", conta.

"Por exemplo, na Pobra a persoa que estaba en Pediatría pediu un traslado e esa praza quedou sen cubrir un tempo (agora xa está cuberta). Cando non hai pediatra na Pobra, as crianzas repártense conforme chegan pola porta entre Ribeira e Boiro. E nós non sabemos cando se vai cubrir ou non esa ausencia, decatámonos de que a temos que substituír cando as crianzas entran pola porta no centro de saúde de Ribeira", sinala Martínez.

"Non hai outra maneira de facelo porque non hai ninguén que veña a cubrir as ausencias", explica Beatriz Martínez

Os nenos e nenas non poden alzar a voz, pero o malestar das súas familias con esta situación aumenta en períodos nos que circulan máis os virus respiratorios, como sucedeu o pasado decembro. "Sobredemanda sempre hai, pero nesta temporada cando se xuntou a COVID coa gripe e o Virus respiratorio sincitial houbo un pico de demanda importante", recoñece esta pediatra, que considera que as ausencias dos pediatras incrementan as visitas a urxencias do hospital, pero tamén as consultas urxentes sen cita nos centros de saúde.

"É moi complicado cambiar a situación que temos agora mesmo sen máis persoal. Non temos marxe. Se non tes pediatras fai que haxa máis sobrecarga no persoal que tes e iso implica que non teñas moito tempo por paciente e que non poidas explicar moitas cousas ás familias das crianzas. O ideal sería ter máis pediatras de Atención Primaria, por suposto, e o uso racional dos recursos", defende Beatriz Martínez.

Foto de arquivo dunha mobilización contra a falta de pediatras en Viveiro © Somos unha Área Viveiro

É nas consultas de Pediatría dos centros de saúde onde se realizan os principais labores de prevención e detección precoz das enfermidades graves coas crianzas

A pediatra de Ribeira incide en que "hai que acudir ao pediatra", pero tamén facer un "uso racional" das consultas. "Falta moita pedagoxía con pais e nais. Faise, pero cos tempos que temos por doente non podemos pararnos moitísimo tempo con iso. Con menos demanda poderiamos estar máis tempo con ese paciente e explicarlle as cousas, e así, seguramente a seguinte vez que lle sucedese a mesma cousa primeiro aplicaría as pautas que lle deches a vez anterior", concede.

As e os pediatras da sanidade pública galega non son os únicos en situacións semellantes, pero botan en falta que se tomen medidas para buscar un novo sistema que permita a chegada de novos médicos e médicas que escollan a Pediatría en Atención Primaria. Un sistema que habería que implementar canto antes, pois os tempos para a formación de residentes e as prazas que hai non permiten que se poidan incorporar moitos cada ano, e é nas consultas de Pediatría dos centros de saúde onde se realizan os principais labores de prevención e detección precoz das enfermidades graves coas crianzas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.