A xerencia da área sanitaria de Vigo reúnese cun grupo de pediatras ante o malestar creado pola norma na que o persoal de enfermaría ten que valorar as crianzas e consultarlles por teléfono aos pediatras e matizará o protocolo sen contar con enfermaría
O Sergas recoñece eivas no protocolo enviado a todos os centros de saúde con Pediatría da área sanitaria de Vigo que implicaba a valoración inicial do persoal de enfermaría das crianzas que solicitasen a atención no día cando non haxa un pediatra no centro.
Tras remitir o escrito coas instrucións a seguir sen consensuar cos médicos e médicas especialistas nin coas profesionais de enfermaría, a xerencia da área sanitaria de Vigo viuse forzada este martes a manter unha reunión con representantes do colectivo de pediatras, xunto ao que vai "matizar" a norma.
Porén, desde o Sergas en Vigo manifestan que non se vai contar co persoal de enfermaría para modificar a redacción desa norma que obecede á falta de pediatras e –inciden en Sanidade– "garantir a asistencia pediátrica" a todas as nenas e nenos aínda que non haxa un pediatra pasando consulta no seu centro de saúde.
No Sergas confirman a Praza.gal que o documento remitido o pasado 21 de abril non foi comunicado previamente aos pediatras, pero si "foi consensuado antes con algún xefe de servizo" de centros de saúde da área sanitaria de Vigo. "Neste momento temos un 30% de ausencias en Pediatría de atención primaria", lembran desde o Sergas para xustificar as medidas ditadas, "e non hai pediatras no paro para contratar".
O Sergas dáse 15 días para volver reunirse cos pediatras e espera que de aí saia o "documento definitivo" para enviar aos centros de saúde co protocolo para cando non haxa pediatras
A CIG-Saúde fixera público o contido desta ordenanza do Sergas ao considerar que contribuía "a crear unha inseguridade xurídica sobre as e os profesionais de enfermaría" e que semellaba unha maneira de "responsabilizar a enfermaría da falta de pediatras". Agora o propio Sergas deixa fóra da negociación ao colectivo de enfermeiras e enfermeiros e tampouco levará este asunto á comisión de centro, onde se debate coa representación sindical do persoal, porque entende que "non vai afectar ás condicións laborais dos profesionais".
Nun prazo de 15 días a xerencia do Sergas en Vigo, liderada por Javier Puente, volverá reunirse con este grupo de pediatras, que remitiu inicialmente un escrito de queixa ao coñecer a existencia deste protocolo que implicaba que enfermaría consultase con pediatría por teléfono a súa valoración inicial das crianzas. Desa nova xuntanza esperan que saia o "documento definitivo" que enviar aos centros de saúde. Desde o Sergas reiteran que o que enviaron foi "unha guía de actuación" pensada "sobre todo" para actuar nos centros de saúde "do rural", onde hai menos pediatras.