O Sergas impón que enfermaría valore as crianzas nos centros de saúde sen pediatras e a CIG denuncia "inseguridade xurídica"

O xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente (segundo pola esquerda), visitando o centro de saúde de Covelo en marzo de 2023 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A nova instrución do Sergas en Vigo é citar as crianzas "inicialmente con enfermería" cando non haxa pediatra no seu centro de saúde e soliciten a asistencia no día, polo que será esta ou este profesional quen realice "unha primeira valoración e comunicará a mesma telefonicamente ao pediatra"

O Sergas leva meses tratando de sortear a escaseza de pediatras en Galicia, unha circunstancia que non foi unha sorpresa para o sistema sanitario público e que está a afectar tamén a outras comunidades autónomas. A última medida adoptada para paliar este problema tivo lugar na área sanitaria de Vigo, onde enviaron a todos os centros de saúde que de maneira habitual teñen consulta de Pediatría, a ordenanza de que nos días nos que non haxa pediatra será o persoal de enfermería quen valore as crianzas enfermas, tendo que trasladar despois a súa valoración a un pediatra que estea a pasar consulta noutro centro de saúde ou no hospital, para que sexa ese profesional quen decida como actuar. 

"Están a responsabilizar a enfermería da falta de pediatras", denuncian desde a CIG-Saúde de Vigo, que fixo pública esta instrución do Sergas tras coñecela polos profesionais sanitarios afectados, que se atoparon coas novas normas sen ter un coñecemento previo. Segundo puido confirmar Praza.gal, pediatras do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo coñeceron a súa implicación neste novo protocolo cando comezaron a recibir chamadas dos centros de saúde. A medida tampouco foi comunicada na Comisión de centro, onde a xerencia da área sanitaria negocia coa representación sindical das e dos traballadores. 

Vacinación pediátrica na Cidade da Cultura en 2022, nunha imaxe tirada da gravación fornecida pola Xunta CC-BY-SA Xunta

O director de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, Roberto Atilano Devesa, asina a nota remitida o pasado 21 de abril, á que tivo acceso Praza.gal, na que indica como actuar en "situacións de ausencia de pediatras nun centro de saúde, cando se solicite cita para un paciente en idade pediátrica". Unhas directrices que modifican os protocolos actuais para cando se solicita a asistencia no día do neno ou nena, sempre que non precise dunha atención inmediata. 

"Con este protocolo están a crear unha inseguridade xurídica sobre as e os profesionais de enfermería", advirte a CIG-Saúde de Vigo

A partir de agora a xerencia de Vigo ordena citar ao paciente "inicialmente con enfermería" cando non haxa pediatra no centro, polo que será esta ou este profesional quen realice "unha primeira valoración e comunicará a mesma telefonicamente ao pediatra do centro de referencia (centro cabeceira), que decidirá posteriormente a actuación para seguir". No caso de que nese centro de saúde de referencia, "comunicará cun pediatra no hospital [...] que decidirá a actuación para seguir".

"Con este protocolo están a crear unha inseguridade xurídica sobre as e os profesionais de enfermería. Quen asume a responsabilidade sobre unha prescrición que se fai por teléfono, por un profesional que non está diante do ordenador e polo tanto non ten acceso á historia clínica? Enfermería non ten que asumir esa responsabilidade que xera unha inseguridade tan grande", salienta a secretaria comarcal da CIG-Saúde en Vigo, Pilar Rodríguez, quen engade que esta nova directriz do Sergas acaba provocando que moitas desas crianzas acaben igualmente no hospital, polo que o mesmo pediatra remata valorando dúas veces a un neno ou nena. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no centro de saúde de Arbo co xerente da área sanitaria de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A CIG-Saúde pide a retirada desta instrución. Ademais, Rodríguez sinala que se están a crear "friccións" entre a poboación e enfermería, pois a xente acode aos centros de saúde coas crianzas agardando pola consulta dun especialista en Pediatría e quen aparece na consulta é unha ou un enfermeiro. "Antes, cando non había pediatra no centro poñíase un cartaz anunciándoo para que a xente que entraba pola porta xa o soubese. Pero desde a xerencia mandaron retirar todos eses avisos e agora non é posible advertir as familias de que ese día non hai pediatra cando solicitan cita no mostrador para o mesmo día", conta a representante sindical e enfermeira. 

"Estes nenos que acoden ao seu centro sen cita van ser vistos por un profesional sanitario que decidirá a mellor opción para a súa atención", responde o Sergas

Consultado por este xornal, o Sergas reitera que "o principal problema da sanidade é agora mesmo a falta de médicos especialistas, médicos de familia e pediatras, principalmente". "Como consecuencia desta falta de pediatras, e ante a imposibilidade da súa substitución, a dirección de atención primaria do Sergas na área sanitaria de Vigo vén de elaborar unha guía de actuación para o persoal dos centros de saúde, co obxectivo de que, naqueles casos nos que non haxa pediatra, por ausencia, baixas, etc., se garanta a atención aos cativos que acoden ao seu centro de saúde sen cita", argumentan na súa resposta.

O Sergas engade que "estes nenos que acoden ao seu centro sen cita van ser vistos por un profesional sanitario que decidirá a mellor opción para a súa atención, xa ben sexa derivando ao cativo a urxencias hospitalarias, ou poñéndose en contacto cun pediatra doutro centro de saúde ou do hospital". Para a CIG-Saúde "inténtase esconder a falta de pediatras" tratando de que pareza que os doentes son atendidos con normalidade no seu centro de saúde, como se houbese un pediatra pasando consulta. "Igual é necesario protocolizar estes casos, pero hai que facelo consensuando coas traballadoras e traballadores implicados –e coa representación sindical– e acordando cos hospitais como se deriva a esas crianzas porque o que se indica agora é moi ambiguo", asevera Pilar Rodríguez.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.