SOS Sanidade volve á rúa pola Atención Primaria e medra o desapego médico ao pacto de CESM coa Xunta

Concentración de SOS Sanidade Pública na Coruña, este 26 de abril CC-BY-NC-SA CIG

Unha semana despois da fin da folga médica convocada polo sindicato gremial CESM que provocou a suspensión dunhas 1.600 cirurxías, 32.000 consultas e 2.700 probas, e contrariou, en forma e fondo ao resto de sindicatos e mais a diversos movementos en defensa da sanidade pública, SOS Sanidade Pública volveu á rúa. A plataforma, segundo tiña previsto, mobilizouse nunha vintena de concellos para volver poñer o foco na Atención Primaria nun contexto no que se desmarca abertamente do acontecido con CESM.

En vésperas de que a súa iniciativa lexislativa chegue ao Parlamento, SOS Sanidade manifestouse este mércores nunha vintena de localidades e volveuse desmarcar do pacto que puxo fin á folga "corporativa"

En vésperas de que, o vindeiro 9 de maio, o Parlamento aborde a iniciativa lexislativa popular formulada por SOS Sanidade para reforzar este primeiro elo da atención sanitaria pública -acumula máis de 50.000 sinaturas de apoio-, a plataforma reitera que "existe a oportunidade de reverter as consecuencias do fracasado sistema actual". Trátase, din, de que non cumpra "unha semana de espera para ser atendido no médico de cabeceira", que haxa "PAC pechados ou sen servizos mínimos" ou que se primen "as consultas telefónicas" por riba das presenciais".

Concentración de SOS Sanidade Pública en Sanxenxo, este 26 de abril CC-BY-SA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés

En vésperas da mobilización o voceiro de SOS Sanidade, o doutor Manuel Martín, tamén situou estas protestas nun marco de "desacordo" cos eixes do pacto que o Sergas pechou co CESM para acabar coa folga que mantiña bloqueado boa parte do sistema. Sobre todo, con "acabar coa obrigatoriedade da dedicación exclusiva" á sanidade pública para que o persoal médico poida cobrar o denominado complemento específico, que ata agora vén supoñendo uns 800 euros mensuais e que, segundo o pactado, roldará os 600 euros para o persoal facultativo que tamén exerce na privada.

Para SOS Sanidade, o sindicato CESM -sen representación na Mesa Sectorial na que se realizan as negociacións formais do persoal sanitario coa Xunta, por non ter votos dabondo- aproveitou o descontento no seo dos cadros médicos e o contexto de mobilización xeral para convocar unha folga "oportunista" e "corporativa". Mostra disto, apunta, é que as melloras pactadas por CESM atinxiron só ao persoal médico mentres que as acordadas ao día seguinte na Mesa Sectorial -en retribucións ou reducións de xornada- si benefician tamén ás demais categorías profesionais.

400 profesionais da área de Ourense discrepantes co pacto do CESM

Mentres estas mobilizacións de SOS Sanidade Pública se desenvolven tamén continúan agromando mostras de desapego ao pacto pechado polo CESM co Sergas. Despois de que, xa a semana pasada, arredor de 300 facultativos e residentes da área sanitaria de Lugo se desmarcasen dunhas medidas "puramente económicas" que "non representan as inquedanzas do colectivo médico nin palian as crecentes necesidades da sociedade", este 26 de abril arredor de 400 profesionais da área ourensá manifestábanse nun sentido moi semellante.

Concentración de SOS Sanidade Pública en Burela este 26 de abril CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Mediante un manifesto divulgado polo Colexio Médico de Ourense e atribuído a "máis de 400 médicos e farmacéuticos de Atención Primaria e hospitalaria" da área explican que "os verdadeiros motivos" que os levaron a secundar a folga foron "a reclamación de cambios organizativos e estruturais e a dotación de recursos humanos que garantan as condicións para desempeñar o noso labor con dignidade". Tamén poñer o foco na "deterioración da asistencia sanitaria". E o pactado polo CESM "non aborda o fondo do problema", cren.

Tras o desmarque de arredor de 300 médicos da área de Lugo, o manifesto de persoal ourensán coida que a folga foi desconvocada sen "abordar con seriedade" o "fondo dos problemas" no Sergas nin ter en conta "as necesidades dos pacientes"

Mantén o persoal que asina o manifesto ourensán que a folga foi desconvocada "sen abordar con seriedade" estes problemas e sen ter en conta as "necesidades expresadas polos pacientes". "O conflito non foi aliviado" e o o "obxectivo común" da "sostibilidade da sanidade pública galega" segue igual de lonxe, coidan.

"Cómpre adoptar medidas organizativas contundentes, valentes e urxentes" que permitan o persoal facultativo de hospitais e Atención Primaria, din, "lograr unhas condicións de atención de calidade aos pacientes". Iso, aseguran, é o que van "seguir demandado", o cal non quita que tamén reclamen "reivindicar mellores condicións" laborais e salariais "sen que por iso sexamos demonizados".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.