A nova iniciativa preséntase como máis flexible e voluntaria para os profesionais, aos que ofrece a posibilidade de realizar actividades hospitalarias desde prazas de atención primaria, o que faría estas máis atractivas ante as dificultades para cubrilas
Catro días tardou a Xunta hai cinco anos en rectificar a súa intención de crear unha nova figura de "pediatra de área" que lle permitiría empregar a eses profesionais de xeito indistinto na atención primaria ou nos hospitais. A medida, pensada para paliar a falta de profesionais, foi retirada ante as protestas do colectivo e a alarma das familias, que vían nela unha maior dificultade para que nenos e nenas sexan atendidos habitualmente polos mesmos médicos.
Cinco anos máis tarde este xoves o PP aprobou no parlamento unha proposta similar para "permitir a prestación de parte do servizo en centros distintos ao fixado como principal" e facilitar que os profesionais compaxinen a súa actividade diaria nun centro de saúde ou hospital "co desempeño doutras actividades clínicas no hospital xeral da súa área sanitaria". Unha medida que agora se presenta como máis flexible e voluntaria para os profesionais fronte á anterior, que os deixaba en mans das necesidades do Sergas.
Hai cinco anos a Xunta incluíu a súa proposta de reforma da pediatría no Sergas na lei de acompañamento dos Orzamentos para o ano seguinte, unha norma coa que mudou con menos debate todo tipo de normas previas en múltiples eidos. No caso dos pediatras, o texto creaba a figura do "pediatra de área", baixo a que se incorporarían todos os novos profesionais desa especialidade e coa que se irían extinguindo as categorías previas de pediatra de atención primaria e especialista de pediatría.
O Goberno galego xustificaba que a nova figura posibilitaría “a prestación de servizos coordinados nos ámbitos de atención especializada e primaria, sen cinguirse a un único nivel asistencial”. Así, dicía que eses novos profesionais prestarían os seus servizos de xeito indistinto “nos ámbitos funcionais de atención primaria e hospitalaria, dentro da demarcación territorial da correspondente área sanitaria”, o que facilitaría á Xunta o seu desprazamento en función das súas necesidades.
Hai cinco anos a Xunta tardou só catro días en retirar a súa iniciativa ante o rexeitamento xeral dos profesionais
Esa reforma legal foi feita pública un venres e ás poucas horas xa amosaban a súa indignación a Sociedade de Pediatría de Galicia, a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e profesionais a título particular. Criticaban, entre outras cuestións, que a medida dificultaría que nenos e nenas fosen atendidos sempre polos mesmos profesionais, e demandaban máis diálogo por parte dunha Consellería de Sanidade, encabezada daquela por Jesús Vázquez Almuiña, que nin lles comunicara previamente a súa intención.
Catro días despois, o martes seguinte, a consellería emitía un comunicado informando de que retiraba a súa reforma legal e abríase a consensuar outras medidas cos profesionais para solucionar a falta de pediatras. E outros dous días máis tarde era o propio presidente Feijóo quen pasaba a desentenderse do problema e deitaba a solución ao problema nos propios médicos e no Ministerio de Sanidade.
Cinco anos despois este xoves o PP aprobou no Parlamento instar á Xunta a adoptar unha medida similar. A proposición non de lei impulsada polos populares, que agora o Goberno galego pode asumir ou mudar, reclama "consolidar as medidas de flexibilización das condicións de contratación no ámbito da asistencia pediátrica para permitir a prestación de parte do servizo en centros distintos ao fixado como principal, facilitando compaxinar a actividade diaria en atención primaria ou no hospital comarcal co desempeño doutras actividades clínicas no hospital xeral da súa área sanitaria". Isto é, agora a iniciativa preséntase, de momento e á espera de como a poida aplicar a Xunta, de xeito máis flexible e aberto para os profesionais.
Se en 2018 a intención era crear unha nova figura de "pediatra de área" para todos os novos accesos e que eses profesionais puidesen ser empregados nos centros de saúde ou nos hospitais en función das necesidades do Sergas, agora a intención da Xunta é dotar de máis atractivo ás prazas en atención primaria coa expectativa de que os profesionais que o desexen poidan desempeñar desde elas outras actividades hospitalarias.
A nova iniciativa do PP propón aos profesionais "compaxinar a actividade diaria en atención primaria ou no hospital comarcal co desempeño doutras actividades clínicas no hospital xeral da súa área sanitaria"
A iniciativa do PP aprobada este xoves foi votada en contra polo BNG e tentou ser emendada polo PSdeG engadíndolle novos matices, o que non logrou e levou aos socialistas a absterse. Entre outras cuestións, o PSdeG quería poñer o foco na mellora das condicións das prazas en atención primaria para facelas máis atractivas por si mesmas e non só pola posibilidade de que desde elas os profesionais poidan desenvolver actividades hospitalarias.
Os socialistas querían, por exemplo, que os pediatras de primaria poidan solicitar probas diagnósticas ou facer investigación desde a propia atención primaria. Porén, segundo o seu portavoz sanitario, Julio Torrado, a iniciativa do PP, aínda que máis flexible para os profesionais que a de hai cinco anos, segue poñendo o foco no maior atractivo que ten para os pediatras a atención especializada en lugar de prestixiar e mellorar a atención primaria.
Pola contra, a portavoz sanitaria do PP, Encarna Amigo, presentou a súa proposta como froito do diálogo da Xunta coas sociedades científicas para dar "máis atractivo ás prazas de atención primaria e a posibilidade de que os profesionais poidan compaxinar a presenza e o traballo no centro de saúde con actividades hospitalarias, como consultas especializadas ou gardas de urxencias".
Amigo lembrou que “este novo enfoque de compaxinar traballo en centros de saúde de atención primaria con traballo hospitalario estivo dispoñible este verán polo Sergas á hora de ofertar contratos ao persoal facultativo residente que remataba a súa formación, incluíndo unha cláusula específica que permitía fixar un máximo dun 40 por cento da xornada noutro centro hospitalario ou de atención primaria da mesma área”.
“Desde o Grupo Popular vemos esta medida, que se adoptou de xeito extraordinario e cunha vixencia limitada no verán, como un modelo que se podería estender e consolidar para facilitar a cobertura de prazas nos centros de atención primaria ou nos hospitais comarcais por parte de profesionais que teñen tamén inquedanza por participar en determinados tipos de actividade clínica que se localizan nos centros máis grandes”, sinalou a portavoz popular.