CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP convocan catro xornadas de paros -19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro- nas 200 escolas infantís privadas e de xestión indirectas existentes en Galicia, unha convocatoria que afecta a máis de dúas mil traballadoras e traballadores
O outono comeza con conflitividade laboral tamén no ensino infantil. CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP convocan catro xornadas de folga nas 200 escolas infantís privadas e de xestión indirectas existentes en Galicia, unha convocatoria que afecta a máis de dúas mil traballadoras e traballadores. As catro xornadas de paros -19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro- acompáñanse de mobilizacións nas rúas e xa este xoves están convocadas senllas manifestacións en Vigo e A Coruña.
Os sindicatos convocantes reclaman melloras no convenio colectivo estatal e demandan incrementos salariais ao tempo que denuncian "inmobilismo das patronais" na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, que si foi asinado polas centrais UGT, USO e FSIE, sindicatos aos que acusan de "deixar tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país, que apenas cobran o salario mínimo".
Denuncian que o persoal é un máis precarizados do noso país e que apenas cobra o salario mínimo
As negociación iniciáronse hai máis dun ano e desenvolvéronse ao longo de dez xuntanzas nas que -denuncian CIG, CCOO e SNEP- "as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas".
Hai uns días as organizacións patronais non se presentaron á xuntanza de mediación convocada polo Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), o que precipitou a convocatoria da folga.
As centrais convocantes da folga esixen un "urxente" cambio de rumbo "que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras"
As centrais convocantes da folga esixen un "urxente" cambio de rumbo "que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras". E fan un chamamento á "responsabilidade das patronais para que reconsideren a súa postura e negocien de forma xusta e construtiva coas traballadoras do sector". Tamén apelan ás centrais sindicais que aceptaron o convenio proposto pola patronal, aos que acusan de rachar "a unidade de acción sindical sen xustificación sensata desoíndo á maioría social que din representar".
As dúas manifestacións convocadas este xoves partirán ás 12 horas. En Vigo, a marcha comezará no MARCO e chegará á Porta do Sol. Na Coruña o punto de inicio será a Praza de Pontevedra, para rematar no Obelisco.