O Goberno galego incluíu unha cláusula ilegal en todos os contratos de substitución polos que deixou de pagar ese mes pero ao tempo esixiu ás persoas afectadas que lle pedisen permiso para traballar noutra cousa
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que condena o Goberno galego por incluír en 2017 unha cláusula ilegal en todos os contratos de substitución das escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Esa cláusula suspendía esas relacións laborais durante os meses de agosto nos que eses centros permanecen pechados.
Aínda que as persoas titulares substituídas tivesen en vigor o seu contrato tamén ese mes, os seus substitutos non mantiñan os mesmos dereitos. Non só pasaban a estar nun limbo que a inspección laboral considerou fraudulento, senón que mesmo lles esixían pedir permiso para poder traballar noutra cousa durante ese tempo no que non cobraban soldo.
A sentenza agora feita pública, que dá a razón a unha denuncia formulada pola CIG, constata que en 2017 o Consorcio incluíu de xeito xenérico en todos os contratos de substitución unha cláusula que estableceu que “durante o período de pechamento da Escola Infantil o presente contrato ficará suspendido, ficando exoneradas as partes contratantes das súas obrigas recíprocas de traballar e remunerar o traballo durante tal período”. “Porén”, engadía a cláusula, “se durante o tempo de vixencia do contrato o traballador/a xera dereito a vacacións, estas serán gozadas durante o período de pechamento do centro”.
A inspección laboral xa considerou "fraudulenta" esa cláusula e agora o TSXG dá a razón á CIG, que a denunciou
O Consorcio mesmo facilitou exemplos de como aplicar a cláusula. Así, “se este persoal substituto segue traballando con data 31 de xullo, dado que non se produciu a incorporación do persoal titular, deixarán de acudir á escola” ata o seguinte 1 de setembro, cando o substituto debía volver traballar ata a reincorporación do titular. Mesmo estableceu que durante esas suspensións de contratos nos meses de agosto quen desexase realizar outra actividade “deberá solicitar e ter autorizada a compatibilidade co traballo para o cal foron contratados”.
Esta situación foi detectada pola inspección de traballo cando unha traballadora substituta afectada tentou cobrar o paro durante o mes de suspensión do contrato. A inspección laboral considerou “fraudulenta a utilización de contratos sucesivos ou intermitentes para o desempeño da mesma actividade laboral”, con “extincións” dos mesmos “por períodos curtos que, en realidade, responden a interrupcións ou descansos a desfrutar polos traballadores mentres subsiste a obriga de cotizar á Seguridade Social”. E agora o TSXG ratifica esa fraude.
No proceso xudicial a Xunta argumentou que a cláusula foi aceptada polo persoal “de común acordo” e que ela mesma non a executou en todos os casos senón só nalgúns. Pero o tribunal non acepta esas explicacións e lembra que o persoal está en situación máis débil que a empresa á hora de negociar eses acordos.
A sentenza só admite que a cláusula podería ser válida nos casos nos que xa non estivese previsto que a persoa titular estivese contratada tamén en agosto, co que a substituta asumiría esas mesmas condicións. Pero a sentenza insiste en que “o que consideramos non conforme a dereito e ilícito é a inserción indiscriminada e en masa, en todos os contratos de interinidade por substitución”, desa cláusula. E lembra que a lexislación laboral básica establece que “a duración do contrato de interinidade será a do tempo que dure a ausencia do traballador substituído con dereito á reserva do posto de traballo”.
A sentenza conclúe anulando dita cláusula e establecendo que “as persoas traballadoras afectadas pola aplicación desa cláusula teñen dereito a manter activas as súas relacións laborais durante os períodos de peche por vacacións e festas escolares das Escolas Infantís, sempre que ese réxime sexa o que se lle aplicaría á persoa traballadora substituída”.