Medio Rural descontoulles soldo en función dos incendios pero un xulgado lembra que “cando un traballador está en servizo mínimo, aínda que non haxa traballo efectivo, atópase á disposición da empresa e ten dereito á súa completa retribución”
No verán de 2020 técnicos forestais da Xunta iniciaron unha folga reclamando melloras nas súas condicións laborais e tamén un novo modelo de loita contra o lume. En plena campaña de incendios, a Consellería de Medio Rural ditou uns servizos mínimos elevados, pero ao tempo descontou parte do soldo do persoal que prestou eses servizos mínimos en xornadas sen especial carga de traballo. CIG, CCOO, CSIF, UGT e o comité de folga denunciaron ante a xustiza esa “represalia” e un xulgado de Santiago vén de darlles a razón porque “cando un traballador está en servizo mínimo, aínda que non haxa traballo efectivo, atópase á disposición da empresa e ten dereito á súa completa retribución”.
Ante a folga dos técnicos forestais Medio Rural aprobou unha resolución pola que estableceu descontos nos seus soldos co argumento de que “existían funcións administrativas e de responsabilidade que non se exerceron polos traballadores en folga” que prestaron servizos mínimos. O sistema aplicou descontos progresivos “en base á cantidade media de incendios forestais acontecidos en cada distrito de Galicia”, isto é, pagando menos ao traballador canto máis baixo fose o risco de incendio.
Porén, o xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Santiago lembra, citando diversa xurisprudencia, que “cando un traballador está asignado a un servizo mínimo, aínda que durante os mesmos non haxa traballo efectivo, atópase a disposición da empresa e polo tanto non está en paro”. Eses traballadores teñen daquela “dereito á súa completa retribución ou salario, con independencia de que presten traballo efectivo durante dito tempo de servizos mínimos, pois en definitiva supón que prestan servizos e están a disposición da empresa”.
A xuíza tamén salienta que “a inexistencia no ordenamento xurídico de normas retributivas especiais para o período de servizos mínimos prestado durante unha folga”.
A sentenza confirma o dereito dos afectados "a percibir o salario sen dedución proporcional ás funcións desenvolvidas ou á taxa de incendios”
No caso en cuestión, di a sentenza, “os traballadores estiveron a disposición da demandada [a Xunta] durante a xornada de traballo polo que, con independencia de que non desempeñaron todas as funcións que lles corresponden, esa dispoñibilidade outórgalles o dereito a percibir o salario sen dedución proporcional ás funcións desenvolvidas ou á taxa de incendios”. Polo tanto, a xuíza estima o recurso presentado pola representación sindical e declara o dereito do persoal “a percibir o 100% das súas retribucións mensuais no tempo no que prestaron servizos mínimos ao 100% da súa xornada laboral”. Tamén condena á Xunta a pagar as costas xudiciais.
A CIG pide a dimisión do conselleiro de Medio Rural, José González, e da conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, que daquela era secretaria xeral de Medio Rural
Ante esta sentenza a CIG considera que “deberían ser cesadas ou dimitir as persoas responsábeis da consellaría que aplicaron os descontos ou as que unha vez aplicados non quixeron rectificar a situación, nomeadamente María Jesús Lorenzana, secretaria xeral técnica nese momento da Consellería de Medio Rural e que pouco despois do conflito foi ascendida a conselleira de Emprego e Igualdade, e ao actual secretario xeral técnico de Medio Rural, Nicolás Vázquez, ademais da dimisión do conselleiro de Medio Rural, Jose González Vázquez”.