CIG, CCOO, CSIF e UGT acusan ao Goberno galego de “represión” contra traballadores que, aínda que non participen nela, non rexeitaron expresamente a folga, iniciada hai un mes e con servizos mínimos que cualifican de “abusivos” por superar “o 90% do cadro de persoal”
CIG, CCOO, CSIF e UGT veñen de presentar unha denuncia ante a Inspección de Traballo da Seguridade Social para que interveña ante o que consideran “abusos, coaccións e vulneración do dereito fundamental á folga da consellería de Medio Rural co persoal técnico de incendios”. Un colectivo que está en folga indefinida desde o pasado 1 de agosto reclamando máis persoal, medios técnicos e un novo modelo de organización e loita contra o lume, pero cunhas mobilizacións que se están a ver condicionadas polo que cualifican como “servizos mínimos abusivos” impostos pola Xunta que segundo din superan “o 90% do cadro” de traballadores.
Os sindicatos acusan á Xunta de acosar a “persoal que manifesta apoio a folga a pesar de non poder facela por estar en servizos mínimos” e denuncia que a “persoal que non declarou expresamente o non apoiar a folga (a case todo) se lle descontaron cantidades importantes da sua nómina e incluso se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte do sustraído ilegalmente”, o que cualifican como “esquirolismo patronal”.
As “coaccións e a intimidación”, din os sindicatos, concrétanse tamén en “chamadas de ameaza, cambios de carteleiras, contratación de empresa externa para realizar as súas funcións ou a aplicación de descontos na nómina ‘por incendios’ ao persoal en servizos mínimos”, asegurando as organizacións sindicais que “estas emerxencias esenciais sempre foron atendidas con dilixencia e profesionalidade”.
Os sindicatos avanzan que manterán as súas mobilizacións cunha nova concentración o mércores 9 de setembro ás 11 da mañá diante da consellería de Medio Rural.