O plan de reactivación posto en marcha por Bruxelas derivou en mudanzas legais e novas figuras a través das que Goberno central e Xunta queren canalizar os fondos e, din, modernizar a economía
A UE fai os seus orzamentos para períodos de sete anos e tras consignar preto dun billón de euros para 2014-2020 preparou outro billón para 2021-27. Pero apareceu o coronavirus e para facer fronte á súa crise o pasado 21 de xullo os socios comunitarios elevaron a aposta: ao billón de euros ordinario para partidas que levan tres décadas chegando a Galicia convertidas en infraestruturas, programas de emprego ou axudas sociais sumaron 750.000 millóns baixo a denominación NextGenerationEU, un “instrumento temporal” para “reparar os danos económicos e sociais inmediatos causados pola pandemia” e facer que a Europa posterior á COVID-19 sexa “máis ecolóxica, máis dixital, máis resiliente e mellor adaptada aos retos actuais e futuros”.
Eses fondos non son os que xa están a empregar os estados ou outras administracións inferiores para axudar con subsidios aos diversos sectores produtivos afectados polas restricións sanitarias, axudas que saen dos orzamentos que xa había previstos, senón que o NextGenerationEU quere ser un instrumento para mudar eses sectores e que produzan doutro xeito. Que as economías europeas non dependan duns poucos sectores que unha pandemia poida ameazar, como no ocorre no caso galego co turismo e a industria do automóbil. Un cambio para o que se están a introducir toda unha serie de mudanzas lexislativas e figuras de xestión que repasamos:
NextGenerationEU
NextGenerationEU é o "instrumento temporal" co que a UE suma ao billón de euros do seu orzamento ordinario para 2021-27 outros 750.000 millóns para a reactivación, dos que España recibirá 70.000 en axudas directas e pode pedir outro tanto en préstamos
Baixo esa denominación, que engloba os 750.000 millóns de euros adicionais ao orzamento ordinario da UE dun billón para o período 2020-27 (fondos que a UE obterá emitindo débeda propia), a gran maioría sitúanse no denominado Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do que a metade, uns 360.000 millóns, poden ser á súa vez préstamos a disposición dos estados. Pero 312.500 millóns son axudas directas para os novos obxectivos de reforma produtiva introducidos pola UE e outros 47.500 millóns, denominados REACT-UE, sumaranse ás partidas tradicionais dos orzamentos ordinarios comunitarios, os denominados fondos estruturais, como os fondos FEDER de desenvolvemento rexional ou o Fondo Social Europeo (FSE) co que se fan programas de emprego.
De todo o NextGenerationEU, España recibirá 70.000 millóns de axudas directas e pode optar a outro tanto en préstamos, cartos que, tras a aprobación esta semana do regulamento europeo correspondente, se recibirán progresivamente desde mediados deste ano e cuxa execución, que será supervisada pola UE, debe completarse en 2026. Bruxelas esixe axilidade e para iso tanto o Goberno central como a Xunta, que acabará xestionando parte dos fondos, están a mudar a súa lexislación e planificar as iniciativas que poden recibir os cartos.
Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
O estatal Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia contempla a figura dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE), que poden ser declarados así polo Consello de Ministros pola súa "capacidade de arrastre" do resto da economía
É o plan estatal para a execución dos fondos europeos, que define os sectores económicos a priorizar, establece as cotas de responsabilidade de cada ministerio nas súas respectivas áreas de competencia, e para cuxa concreción o Goberno central aprobou o Real Decreto-lei 36/2020, validado no Congreso o 28 de xaneiro grazas á abstención de Vox e malia á negativa do PP e Ciudadanos, que consideran que abre a porta a un uso clientelista e corrupto dos recursos.
O Real Decreto-lei axiliza diversos trámites, facilita a xustificación de gastos, flexibiliza a reorganización do funcionariado para xestionar os fondos, aposta pola colaboración público-privada a través de entidades mixtas para a súa execución, establece que “nas áreas de competencias das Comunidades Autónomas estas asinarán convenios cos ministerios implicados para a xestión e execución dos fondos” e sinala que os cartos que as administracións ou entidades privadas reciban e non executen de acordo co previsto deberán ser reintegrados.
Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia
O Real Decreto-lei crea este órgano de coordinación entre as comunidades e o Estado para a execución dos fondos. Formada pola ministra e os conselleiros de Facenda, nela participarán tamén outros secretarios de Estado e por baixo dela unha “comisión de coordinadores” reunirá aos responsables inmediatos de xestión de fondos europeos de todas as comunidades.
Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE)
Serán os principais destinatarios dos fondos europeos. O Real Decreto-lei defíneos como “aqueles proxectos de carácter estratéxico con gran capacidade de arrastre para o crecemento económico, o emprego e a competitividade da economía española” e a competencia para declaralos como tales será do Consello de Ministros se considera que remedian deficiencias do mercado ou retos sociais, achegan valor engadido en termos de I+D+i, supoñen un risco tecnolóxico ou financeiro moi elevado ou favorecen a integración e o crecemento de pequenas e medianas empresas, entre outras posibilidades. “O PERTE poderá consistir nun proxecto único claramente definido canto aos seus obxectivos e as súas modalidades de execución, ou ben nun proxecto integrado, é dicir, un grupo de proxectos insertados nunha estrutura, plan de traballo ou programa comúns que compartan o mesmo obxectivo e se baseen nun enfoque sistémico coherente”, di o Real Decreto-lei.
Lei de Reactivación de Galicia
A Lei de Reactivación de Galicia é o instrumento co que a Xunta mudará a súa estrutura e os seus requisitos, especialmente os ambientais, para facilitar a execución dos fondos europeos, e ten nos Proxectos Tractores o equivalente aos PERTE estatais
A Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia é o equivalente a nivel galego do Real Decreto-lei estatal. Non está a ser impulsada pola Xunta senón polo PP, que rexistrou no Parlamento a súa proposta a comezos de decembro, antes de que se aprobase a norma estatal, e desde aquela vén presentando todo tipo de emendas. Segundo Feijóo, o obxectivo é que sexa aprobada definitivamente este mes de febreiro.
A lei non só pretende facilitar a execución dos fondos europeos que cheguen a Galicia senón que reduce trámites en diversos eidos para facilitar a implantación empresarial aínda que non teñan que ver cos recursos comunitarios. Entre outras cuestións, deixará en mans de ‘entidades de colaboración’ parte da tramitación ambiental de proxectos empresariais, esixirá menos requisitos á hora de xustificar subvencións, permite que o Goberno galego poida autorizar parques eólicos non previstos pola súa propia planificación para o sector ou facilita que a Xunta reorganice o seu funcionariado para facilitar a execución dos fondos europeos.
Proxectos Tractores
A lista de proxectos tractores que baralla a Xunta foi variando entre críticas da oposición e movementos sociais que o Goberno galego desvía acusando ao central de non explicitar os criterios de selección e, ao tempo, sentíndose xa agraviada dun reparto que aínda non se produciu
Son o equivalente a nivel galego establecido na Lei de Reactivación Económica dos PERTE do Real Decreto-lei estatal. A lexislación galega xa contemplaba as figuras do Proxecto Industrial Estratéxico e da Iniciativa Empresarial Prioritaria, coas que o Consello da Xunta decide facilitar trámites e axudas ás empresas que considera conveniente, como fixo nos últimos anos cunha planta de transformación do leite en Curtis ou unha empresa de taboleiros de madeira en Betanzos. Pero agora a Lei de Reactivación reduce os requisitos para que poidan ser aplicadas esas dúas figuras e crea por riba delas a do Proxecto tractor.
“A consideración como proxecto tractor será declarada polo Consello da Xunta de Galicia simultaneamente a súa declaración de proxecto industrial estratéxico”, sinala a lei, que engade que serán os que “supoñan unha especial capacidade de incidir en diversos sectores económicos para xerar crecemento, emprego e competitividade, actuando como vertebradores doutras iniciativas empresariais que incidan de xeito significativo na economía galega, e que reúnan os requisitos técnicos para ser susceptibles de ser financiados polos fondos do Instrumento Europeo de Recuperación, ou por aqueles derivados do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”.
Á espera de que sexan aceptados polo Estado como receptores de fondos europeos, Feijóo xa avanzou antes mesmo de que se confirmasen as axudas comunitarias e de que o PP definise legalmente o concepto de proxecto tractor que a Xunta contemplaba declarar como tales iniciativas para a fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, o impulso da reciclaxe e a economía circular e a produción a partir de fontes enerxéticas renovables de hidróxeno que á súa vez sirva como fonte ou medio de almacenamento de enerxía.
A eses tres proxectos tractores iniciais a Xunta sumou posteriormente a “instalación de nova potencia renovable” -isto é, fundamentalmente máis parques eólicos-, pero tanto esa medida como a produción de hidróxeno desapareceron das peticións directas que Feijóo formulou a Sánchez o 29 de xaneiro para que sexan incluídas nas prioridades estatais, nas que xunto coa fabricación de fibras téxtiles e a economía circular aparecen o denominado polo aeroespacial no que a Xunta xa leva traballando anos, o desenvolvemento de novos procesos de fabricación sostibles para a automoción e a fabricación de vacinas contra a COVID e a tuberculose.
Menos dunha semana despois da reunión de Feijóo e Sánchez, o vicepresidente económico, Francisco Conde, anunciaba a creación dun denominado Polo para a Transformación de Galicia que presentou como unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa oito proxectos cos que optar aos fondos europeos, entre eles catro proxectos tractores entre os que volvían aparecer a xeración de hidróxeno verde e a instalación de nova potencia renovable, xunto coas fibras téxtiles e o impulso da economía circular.
Ademais deses proxectos tractores, a Xunta tamén fala doutras “iniciativas transversais, das que se beneficiarán os proxectos tractores” e que pretenden impulsar “cadeas loxísticas sustentables para o transporte; un centro de innovación en tecnoloxías renovables de hidróxeno; e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0”. A elas sumou posteriormente "un plan para a recuperación da terra agraria". E ademais desas iniciativas, a Xunta tamén quere que teñan amparo dentro do NextGenerationEU outras máis clásicas como infraestruturas viarias.
De momento, nada de todo iso está concretado, e tanto a oposición como movementos sociais reclaman diálogo e transparencia no reparto dos fondos, críticas que a Xunta desvía acusando ao Goberno central de non explicitar os criterios de selección e, ao tempo, sentíndose xa agraviada dun reparto que aínda non se produciu.
Proxecto Industrial Estratéxico e Iniciativa Empresarial Prioritaria
A Lei de Reactivación non fixa límites para o financiamento público das empresas que a Xunta considere estratéxicas ou prioritarias e só sinala que ademais "en todo caso, deberá contar con financiamento privado"
Proxectos tractores serán uns poucos, pero ademais deses elixidos a Xunta xa contaba coas figuras dos Proxectos Industriais Estratéxicos e as Iniciativas Empresariais Prioritarias. Chamadas a facilitar o investimento e a implantación empresarial en Galicia, non tiveron o efecto pretendido e agora a Lei de Reactivación Económica quere reducir os requisitos para poder acollerse a esas figuras e así recibir axudas e facilidades por parte da administración.
Ata agora para poder ser declarado como tal polo Goberno galego un Proxecto Industrial Estratéxico debía requirir dun investimento mínimo de 50 millóns de euros e a creación de máis de 250 postos de traballo. A nova norma prevé que poidan recibir esa consideración se cumpren dous dos tres seguintes requisitos: un investimento mínimo de 20 millóns, a creación dun mínimo de cen postos de traballo ou “que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e estean aliñados cos obxectivos da UE” e as súas liñas de financiamento.
A lei tamén modifica as condicións para declarar un proxecto como Iniciativa Empresarial Prioritaria. Xa non terán que comprometerse a manter a súa actividade durante un mínimo de cinco anos, como recollía o texto da lei de fomento empresarial de 2017. Aquela lei establecía que podía ser declarada como prioritaria unha iniciativa empresarial que cumprise dous dos seguintes tres requisitos: que crease un mínimo de 25 postos de traballo, que supuxese un investimento mínimo dun millón de euros ou que fosen “proxectos tractores ou que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos”. A nova norma inclúe tamén a posibilidade de que sexan “instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sostible de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural”.
A nova lei tamén obriga á Xunta a dar financiamento público ás empresas que o Goberno galego defina como Proxectos Industriais Estratéxicos ou Iniciativas Empresariais Prioritarias sen establecer ningún límite e sinalando só que "en todo caso, deberá contar con financiamento privado".
“Facendo Negocios”
Para axudar ás empresas, non só na tramitación dos fondos europeos senón en xeral para instalarse en Galicia, a Lei de Reactivación crea tamén varias figuras administrativas:
Oficina Facendo Negocios (Doing Business como a denomina en inglés a lei): Novo departamento da Xunta con rango de subdirección xeral que será “o órgano responsable da xestión dos instrumentos previstos nesta lei para facilitar a implantación das iniciativas empresariais, especializada no acompañamento e tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas empresariais prioritarias”.
Xestores de proxecto: Para facilitar a implantación en Galicia de iniciativas empresariais que a Xunta poida considerar estratéxicas ou prioritarias a nova lei contempla que o Goberno galego “poderá designar ou contratar xestores de proxecto para prestarlle ao suxeito promotor asistencia na tramitación administrativa e acompañamento e orientación no cumprimento dos distintos trámites”. Esa axuda ás empresas para que cumpran cos requisitos que a propia Xunta establece para darlles permisos poderá concretarse “mediante a formalización dos oportunos convenios de colaboración ou dos contratos con entidades alleas á administración”, engade a lei, o que permite que a Xunta contrate empresas para axudar a outras empresas.
Entidades de colaboración ambiental: Con personalidade xurídica propia, esas entidades alleas á administración poderán axudar a esta a “verificar a conformidade á normativa” dos “proxectos que se vaian someter a avaliación ambiental” ante a Xunta por parte dalgunha empresa. A lei di que esas entidades non substituirán “as potestades públicas de inspección, comprobación, control e sanción”, pero contempla notables reducións de prazos de supervisión por parte da Xunta cando elas interveñan.